O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.
O desempeño da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para que determinen o persoal preciso para a súa prestación.
A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal celador do Servizo de Quirófano-Rea do Hospital Universitario da Coruña, dependente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e que consistirá nun paro laboral convocado para o día 17 de novembro de 2025, entre as 8.00 e as 9.00 horas.
Con base no que antecede e logo da audiencia ao Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga referida entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
A folga convocada comprende todo o persoal celador do Servizo de Quirófano-Rea e desenvolverase o día 17 de novembro de 2025, en horario das 8.00 ás 9.00 horas.
A actividade cirúrxica e o funcionamento das unidades de reanimación constitúen servizos sanitarios esenciais, directamente vinculados coa protección da vida e da saúde das persoas usuarias.
O persoal celador adscrito a quirófanos e á reanimación desempeña funcións imprescindibles para o desenvolvemento da actividade asistencial, tales como o traslado e mobilización dos pacientes, o apoio ao persoal sanitario durante as intervencións urxentes ou programadas, a preparación e reposición do material e a cobertura inmediata das necesidades derivadas das situacións críticas.
A ausencia deste persoal podería impedir a realización de intervencións cirúrxicas urxentes, comprometer a seguridade dos pacientes anestesiados ou en reanimación e dificultar a resposta ante emerxencias intraoperatorias, polo que se considera necesario garantir a súa presenza mínima durante o período de folga.
Polo exposto, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, co fin de evitar prexuízos graves á cidadanía. Ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desatendida dadas as características do servizo.
Por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención urxente e permanente, así como os servizos sanitarios que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.
Durante o período indicado, o número de efectivos mínimos acordado para cubrir a xornada de folga é o seguinte, coincidindo cos establecidos no ámbito da asistencia sanitaria na última folga xeral de ámbito nacional, convocada o pasado 15 de outubro de 2025 (DOG número 198, do 14 de outubro de 2025):
|
Quirófano |
Espera de camas |
Reanimación 5ª |
Reanimación 3ª |
|
4 |
1 |
3 |
1 |
Artigo 2
A fixación do persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.
A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.
A relación de persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, determinaraa a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee e seralles notificada aos/ás profesionais designados/as.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE número 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
