A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos ao sector bovino dun territorio en que se notifique a súa presenza, tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral.
A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos a España tanto territorial como comercialmente, así como a detección desta doenza en territorio español, na provincia de Girona, en Cataluña, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.
Co fin de previr a entrada da dermatose nodular contaxiosa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer a cabana bovina galega da entrada desta enfermidade no territorio.
Fundamentos de dereito:
Visto o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.
Visto o disposto no artigo 8, de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.
No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,
RESOLVO:
Primeiro. Suspender todas as feiras, concursos, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Todos os animais bovinos que se trasladen con destino a vida e procedan de explotacións localizadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente da súa orixe, deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais desde a data da súa incorporación á explotación de destino en Galicia.
Terceiro. As explotacións gandeiras de calquera tipo e clasificación zootécnica que incorporen os animais referidos no punto segundo quedarán inmobilizadas cautelarmente durante o período referido no mencionado punto. Esta inmobilización afectará a totalidade dos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos animais obxecto do movemento de entrada, e autorizaranse unicamente traslados con destino ao matadoiro en vehículos desinsectados.
Cuarto. Establécese a obriga de someter á desinsectación todos os bovinos presentes na explotación a que se incorporen os animais referidos no punto segundo, desde a data de entrada na explotación e durante todo o período de corentena establecido nese punto.
Quinto. Nos movementos nacionais de entrada de bovinos a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas, tanto con destino a vida como a sacrificio, adicionalmente ás tarefas de limpeza e desinfección obrigatoria establecidas no Real decreto 638/2019, do 8 de novembro, polo que se establecen as condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada de animais vivos, produtos para a alimentación de animais de produción e subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, e se crea o Rexistro nacional de centros de limpeza e desinfección, establécese a obriga de realizar a desinsectación previa de todos os vehículos de transporte. Para xustificar esta desinsectación, as persoas transportistas achegarán un certificado emitido por un centro autorizado, ou ben unha declaración responsable asinada en que figuren os datos da persoa responsable da desinsectación, a data desta e o produto utilizado.
Sexto. Os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria destas e comprobación da correcta desinsectación nelas, así como as de control das condicións de limpeza, desinfección e desinsectación dos vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada de bovinos á Comunidade Autónoma de Galicia.
Sétimo. O movemento de animais bovinos desde as zonas restrinxidas pola dermatose nodular contaxiosa, así como desde as zonas autorizadas para a vacinación contra a dita enfermidade, estará suxeito ás condicións establecidas no Regulamento delegado (UE) 2020/687 da Comisión, do 17 de decembro de 2019, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, no referente ás normas relativas á prevención e o control de determinadas enfermidades da lista, e no Regulamento delegado (UE) 2023/361 da Comisión, do 28 de novembro de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, no referente ás normas de uso de certos medicamentos veterinarios para os efectos de prevención e control de determinadas enfermidades da lista.
Oitavo. A Resolución do 24 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 207, do 27 de outubro de 2025, mantén a súa vixencia ata o día 16 de novembro de 2025 incluído.
Noveno. Esta resolución producirá efectos desde o día 17 de novembro de 2025 ata o día 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, e poderase prorrogar mediante resolución, de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Décimo. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
