DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Luns, 17 de novembro de 2025 Páx. 58964

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación María Reimóndez no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Reimóndez, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 27 de maio de 2025, María Reimóndez Meilán, presidenta do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación María Reimóndez constituíuna María Reimóndez Meilán mediante a escritura pública outorgada o 14 de maio de 2025, ante o notario de Vigo (Pontevedra) José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 1.341.

Tras o requirimento do 27 de xuño de 2025, a Fundación achegou a escritura pública outorgada o 16 de xullo de 2025, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 1.903 do seu protocolo, que emenda a de constitución no que respecta á modificación dos artigos 15, 26 e 39 dos seus estatutos e á taxación por un experto independente dos bens que forman parte da súa dotación.

3. A Fundación, consonte os artigos 6 e 7 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción cultural, entendida nesta como prioritaria a promoción da lingua galega e a defensa dos dereitos humanos desde unha óptica feminista, inclusiva e ambiental, para o cal poderá realizar as seguintes actividades:

– Difundir, promover e visibilizar a obra de María Reimóndez.

– Organizar presentacións, estudos, acción artísticas, bolsas de investigación, actividades de promoción e outras análogas.

– Preservar o arquivo da autora mediante a habilitación de espazos, catalogación, dixitalización ou outras vías que se consideren procedentes.

– Incidir en todos os temas relacionados co activismo de que a autora é participe, en particular a promoción do pensamento e acción feministas interseccionais.

– A promoción da lingua galega de xeito transversal a todas a súas actividades.

– Xestionar os dereitos derivados da obra da autora tras o seu falecemento para que sigan redundando na consecución dos fins da Fundación».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os seus estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado polo María Reimóndez Meilán, como presidenta, María Montserrat Paz Núñez, como vicepresidenta, e Xosé María Gómez Clemente, como secretario

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación María Reimóndez, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación sería exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. De conformidade con esta proposta, pola Orde do 9 de outubro de 2025, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse como mixta a Fundación María Reimóndez e adscribiuse a esta mesma consellería para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Reimóndez, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación María Reimóndez, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación María Reimóndez.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Deportes