Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2025, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar, no marco do ciclo de conferencias sobre Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento, o webinario Tres cuestións sobre contratación pública, de acordo coas bases que se indican a continuación:
Primeira. Obxectivos
Analizar as últimas evolucións en relación con contratos públicos: contratos excluídos, prezo e impacto da colaboración público-privada en vivenda.
Segunda. Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a xuristas, profesionais, alumnado universitario e persoas interesadas en xeral.
Terceira. Desenvolvemento
Data: martes 25 de novembro de 2025.
Modo de impartición: telepresenza.
Horario: das 12.30 ás 14.30 horas.
Duración: 2 horas lectivas.
O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:
1. Ordenador de escritorio, portátil ou smartphone.
2. Conexión estable á internet.
3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.
4. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).
Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda coa información necesaria para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. Pode accederse ao dito manual desde o seguinte enderezo:
https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1742372613]Manual_TELEPRESENZA_v25_gl.pdf
Cuarta. Número de prazas
Cen (100).
Quinta. Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso: Webinario Tres cuestións sobre contratación pública.
5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 23 de novembro de 2025.
6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sexta. Protección de datos persoais e comprobación de datos
1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.
A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2 g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos do alumnado relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.
As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionamento posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións do persoal docente. As ditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado mentres dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.
Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.
As persoas interesadas poderán solicitar, ante a persoa responsable do tratamento, o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES
2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo electrónico novas.egap@xunta.gal
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Sétima. Criterios de selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base segunda desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.
Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal as listaxes de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Novena. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Seguimento
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada á EGAP o antes posible e en todo caso, como máximo, o día 24 de novembro de 2025, antes das 13.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de remate desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. Seguimento, puntualidade.
a) É obrigatorio o seguimento desta actividade formativa con puntualidade.
b) O seguimento da actividade:
1. Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento.
2. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día de remate desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado desta actividade formativa.
3. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de remate desta actividade.
Décima. Certificado oficial
Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Decimo primeira. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.
2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
