Pola Resolución do 30 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outorgouse a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Somozas, sito no concello das Somozas (A Coruña) e promovido por Energías Ambientales de Somozas, S.A. (DOG núm. 194, do 8 de outubro de 2025).
Esta declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
En virtude do anterior, este departamento territorial, en cumprimento do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, acorda convocar a todas as persoas afectadas incluídas na relación de bens e dereitos afectados coas que non se alcanzou acordo, deducida da publicada mediante a Resolución do 30 de setembro de 2025. Esta relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, no taboleiro de anuncios do Concello das Somozas, así como na páxina web oficial desta consellería (https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios).
Para tal efecto, deberán comparecer os días 15 e 16 de xaneiro de 2026, na casa do concello das Somozas, designada como punto de encontro, co fin de levar a cabo o levantamento de actas previas á ocupación, conforme o procedemento establecido no citado artigo.
Esta convocatoria será comunicada individualmente ás persoas interesadas mediante unha citación, na cal se indicarán expresamente o día e a hora asignados para o levantamento de actas previas á ocupación. Así mesmo, as datas previstas estarán expostas no taboleiro de anuncios do citado concello.
Todas as persoas interesadas, así como aquelas que teñan calquera tipo de dereitos ou intereses sobre os bens afectados, deberán comparecer persoalmente ou estar representadas por unha persoa debidamente autorizada e achegar os documentos que acrediten a súa titularidade, e poderán ir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.
A Coruña, 6 de novembro de 2025
Mª Pilar Arias Graña
Directora territorial da Coruña
