Mediante a Orde do 16 de maio de 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 95, do 20 de maio), establecéronse as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2025.
A citada orde establece no seu artigo 4, en que se recolle o financiamento, a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. O incremento do crédito está condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, todo de conformidade co estipulado no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, como existen dotacións procedentes de fondos finalistas do Estado, libres e remanentes doutras convocatorias e coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número de persoas ou entidades beneficiarias posible, conforme o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, é preciso ampliar o importe total dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro dos programas II, III, IV e V da Orde do 16 de maio de 2025.
Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Incremento de financiamento
Increméntase en 5.200.000,00 euros o importe total destinado á concesión das axudas da Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025 (DOG núm. 95, do 20 de maio), coa seguinte distribución:
|
Ampliación de crédito |
Total |
|||
|
Aplicación orzamentaria |
Código de proxecto |
Descrición |
Importe |
|
|
14.04.324C.470.3 |
2018 00099 |
Medidas apoio a CEE. Empresas privadas |
87.900,36 € |
5.200.000,00 € |
|
14.04.324C.470.4 |
2018 00099 |
Custo salarial de persoas con discapacidade en CEE. Empresas privadas |
4.124.888,99 € |
|
|
14.04.324C.470.5 |
2015 00561 |
Axudas ao mantemento do custo salarial |
981.183,57 € |
|
|
14.04.324C.481.5 |
2015 00561 |
Axudas para compensar custos adicionais |
6.027,08 € |
|
Este incremento da dotación orzamentaria aténdese con fondos finalistas do Estado doutras convocatorias de programas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Estes créditos, mediante a autorización das oportunas modificacións orzamentarias, transferíronse aos códigos de proxectos 2018 00099 e 2015 00561.
Artigo 2. Prazo de solicitudes
Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e as súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.
Artigo 3. Prazo de xustificación das accións subvencionables
A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionables será a que se sinale na resolución de concesión.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
