No Diario Oficial de Galicia número 213, do 4 de novembro de 2025, publicouse a orde referida con anterioridade pola que se convocaba o proceso selectivo de acceso por promoción interna e provisión por mobilidade aos corpos da Policía Local de Galicia.
Con data do 12 de novembro de 2025, o Concello de Vigo informa de que o número de prazas convocadas para o dito concello non coincide coas prazas vacantes correspondentes á oferta de emprego público do ano 2024, polo que solicita a súa modificación; comprobada a documentación, considérase que se debe atender a súa solicitude.
Consonte o exposto con anterioridade e de conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG núm. 222, do 22 de novembro), a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,
DISPÓN:
Primeiro
Modificar a relación de prazas convocadas no anexo III da dita Orde do 24 de outubro de 2025, en relación co Concello de Vigo, de xeito que a convocatoria de prazas deste concello queda establecida como se indica a continuación:
|
Concello |
Provisión por mobilidade PR461H |
Acceso por promoción interna PR461C |
|
Vigo |
0 |
2 |
Segundo
Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, de vinte días (20) hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde de modificación da Orde do 24 de outubro de 2025, no Boletín Oficial del Estado, para as solicitudes de provisión de prazas mediante os sistemas de acceso por promoción interna e provisión por mobilidade convocadas por todos os concellos.
Terceiro
Considéranse válidas, para todos os efectos, as solicitudes presentadas, en tempo e forma, desde a publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (10 de novembro de 2025), e non é necesario presentar novas solicitudes. Non obstante, no caso de presentar unha nova solicitude con posterioridade á dita data, só se considerará válida a última presentada en tempo e forma.
Cuarto
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
