DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 2025 Páx. 60340

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

DECRETO 104/2025, do 17 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme ao artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

A LPCG, no seu artigo 8.2, establece que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 10.1.d) da LPCG define xacemento arqueolóxico ou zona arqueolóxica como «[...] o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico [...]».

II

O Castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido coas denominacións da Cidade, A Cividade ou A Cidá de San Cibrán, é un dos xacementos arqueolóxicos emblemáticos para analizar tanto a fin da Idade do Ferro en Galicia como para comprender a propia historia da arqueoloxía en Galicia.

O ben está situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nunha pequena elevación a uns 470 m sobre o nivel do mar, o que permite ter vistas a toda a contorna do xacemento arqueolóxico, especialmente desde a croa ou desde a rolda da muralla. O xacemento arqueolóxico conforma un esporón ao norte dos montes de San Trocado. Pertence, a súa parte oeste, ao concello de San Amaro, e a súa parte leste, ao concello de Punxín, e abrangue as parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, na confluencia entre os ríos Miño (ao sur) e Barbantiño (polo leste), na comarca do Carballiño. Os núcleos de poboación máis próximos son A Torre, Andrade e Cristimil.

A elección deste xacemento arqueolóxico para a súa declaración como ben de interese cultural fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma de Galicia como elemento crucial da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e no inicio do período romano.

Ademais destes valores científicos, o Castro de San Cibrao de Las destaca por ser portador doutros valores intrínsecos ao seu carácter como xacemento arqueolóxico visitable e que conta cunha infraestrutura museística de vangarda. Neste sentido, destaca polo seu estado de conservación e pola súa posta en valor, xa que as sucesivas intervencións arqueolóxicas permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais, alxibes...), así como importantes restos da cultura material.

Constitúe, por tanto, un documento de valor incalculable para ilustrar, non só o fenómeno da construción dos grandes lugares centrais de finais da Idade do Ferro chamados oppida, senón tamén para caracterizar unha sociedade en transición, co abandono paulatino dos costumes castrexos para adaptarse á nova realidade romana. Este xacemento arqueolóxico ten sido obxecto de intervencións arqueolóxicas e de conservación desde comezos do século XX.

O seu carácter singular levou a que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promovese traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a súa delimitación conforme o disposto na LPCG para a súa declaración como ben de interese cultural, e elaborase un informe específico sobre os valores culturais deste xacemento arqueolóxico, que concluíu destacando o carácter de sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia do Castro de San Cibrao de Las.

III

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia número 114, do 17 de xuño, a Resolución do 28 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense).

O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas a que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Neste sentido solicitouse informe ao Consello da Cultura Galega, ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) e á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Logo de realizado este trámite, constan no expediente administrativo dous informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro do ben precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural do Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense).

No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo presentouse un escrito de alegacións que, nos seus termos globais e despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, foron estimadas en parte e, en consecuencia, actualizouse o anexo I descritivo da declaración de ben de interese cultural en tres aspectos moi puntuais. Así mesmo, parte da información trasladada no escrito de alegacións incorporarase ao expediente administrativo, co fin de documentar o xacemento dun xeito máis completo.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración de ben de interese cultural

Declarar ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense), conforme o descrito no anexo I deste decreto e segundo a delimitación proposta no anexo II.

Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Terceiro. Publicación

Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Notificarlles este decreto ás persoas e ás asociacións interesadas e aos concellos de Punxín e San Amaro.

Quinto. Recurso

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación:

– Principal: O Castro de San Cibrao de Las.

– Outras denominacións: A Cidade, A Cividade, A Cidá de San Cibrán de Lás ou A Ciudá.

2. Localización:

– Administrativa: parroquias de San Cibrao de Las e San Xoán de Ourantes, concellos de San Amaro e Punxín, respectivamente (Ourense).

– Coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89, fuso 29), coordenadas centrais, capa catálogo elementos xuño de 2023 do GA32074001 do Plan básico autonómico: X: 579.886, Y: 4.690.213.

3. Descrición do ben:

O Castro de San Cibrao de Las foi considerado tradicionalmente como un oppidum ou citania do cambio de era, pero nas intervencións máis recentes amplíase a súa ocupación como castro entre os séculos II a.C. ata o século II d.C, e documéntanse indicios da existencia doutras fases no xacemento arqueolóxico, con datacións desde o século VI a.C., posible actividade ocasional, e o século XI d.C., momento do derrubamento da muralla e do abandono definitivo do xacemento arqueolóxico.

As diversas intervencións arqueolóxicas que se veñen desenvolvendo desde os inicios do século XX levan a describir o ben como un oppidum con dous recintos ovalados e concéntricos, cunha croa ou primeiro recinto de case unha hectárea, con algunhas estruturas no seu interior, e un segundo recinto en que se concentran as unidades habitacionais, con rúas empedradas que conectan as portas, e zonas de paso que organizan os sectores ou unidades habitacionais coas rúas centrais.

Non está clara a funcionalidade do recinto superior da croa, pero parece que podería estar relacionado con actividades comunitarias, e quizais vinculadas ao mundo das crenzas e da relixión. A isto parecen apuntar as pequenas estatuas e inscricións en pedra atopadas nese ámbito. Á croa accédese a través de dúas portas: a porta leste está protexida por corpos de garda, mentres que a oeste ten torreóns.

O segundo recinto, ocupa a maior parte da superficie de San Cibrao de Las, e está protexido na parte inferior por unha gran muralla na que se abren ao menos tres portas (lado leste, oeste e posible acceso polo sur) protexidas por torres. Das portas oeste e leste saen rúas empedradas que as conectan coas portas que dan acceso á croa. Estas dúas rúas van organizar a disposición das estruturas, con outras moitas máis ou menos paralelas que conectan a ronda da muralla da croa coa ronda da muralla do segundo recinto.

Este segundo recinto organízase en barrios, definidos como un conxunto de construcións delimitadas polas rúas radiais e as rondas de muralla. Cada barrio contén un número variable de vivendas, unidades habitacionais ou unidades básicas de ocupación familiar. As diferentes estruturas ou estancias destas unidades terían diferentes funcións (almacéns, cociñas, zonas produtivas, ou zonas de habitación), e a todas se accede desde un patio central.

Cómpre tamén mencionar o gran número de materiais arqueolóxicos atopados no xacemento arqueolóxico. Destaca polo seu volume o conxunto de pezas cerámicas, como son os potes globulares, vasos cilíndricos, xerriñas, fontes... ou pezas importadas da época romana, terra sigillata, ánforas... As pezas líticas, tanto funcionais como decorativas, morteiros, muíños, amarradoiros, trisqueis, unha xamba decorada cun trisquel pintado en vermello, hexasqueis e rosetas, cabezas cortadas, escultura antropomorfa... Obxectos de vidro de uso doméstico e numerosas contas. Abundantes restos metálicos, fragmentos de sítulas, obxectos de adorno persoal (fibelas e agullas para o cabelo), punta de lanza e un puñal de antenas, un fragmento de stylus, moedas... Tamén mencionar a existencia dalgunhas epígrafes, dedicacións ou inscricións votivas a deuses como Iovi ou Nabia, documentadas na croa ou primeiro recinto.

4. Estado de conservación:

O Castro de San Cibrao de Las é un xacemento arqueolóxico excepcional, non só polo seu monumental tamaño ou pola súa importancia histórica e científica, senón tamén polo bo estado en que se conserva, cunha vasta extensión de zona escavada e musealizada, aínda que tan só se trate dun 15 % da extensión total do poboado. A súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde o seu abandono.

O xacemento arqueolóxico atesoura unha ampla historia de intervencións arqueolóxicas que arrincan no ano 1920. Por sorte, estas intervencións, non só se limitaron a tarefas de escavación arqueolóxica, senón que moitas campañas, a partir dos anos 80, foron acompañados de traballos de consolidación e restauración dos restos exhumados. A partir dos anos 2000 prodúcese un punto de inflexión no futuro do ben, xa que se fragua a idea da integración do Castro de San Cibrao de Las como xacemento arqueolóxico de cabeceira para a cultura castrexa dentro da Rede galega de patrimonio arqueolóxico (RGPA). Este feito fará que tomen un pulo moi intenso as accións de conservación e consolidación das estruturas exhumadas, tanto en campañas anteriores como nas novas campañas que se planifiquen, co fin de dotar ao ben dunha posta valor que permita visitar e comprender o castro en toda a súa extensión e o seu contexto cultural.

Como resultado disto, na actualidade todos os restos exhumados atópanse consolidados, e a súa integración como Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, Lansbrica (PACC), promovido pola Xunta de Galicia e inaugurado no ano 2014, fai que se dispoña un xacemento arqueolóxico amplamente escavado, investigado, consolidado, musealizado e protexido, con control das visitas e acceso do público que limita a afección das estruturas.

O PACC conta cun centro de interpretación, coma infraestrutura para dotar de ferramentas de interpretación da cultura castrexa, en xeral, e do Castro de San Cibrao de Las, en particular. A creación deste parque actuou de xeito positivo na conservación e preservación deste ben á vez que cumprir a súa función didáctica e de divulgación.

Todo o ámbito do PACC estaba incluído na xestión do acceso público e mantemento desde o ano 2014 ata o ano 2021. Na actualidade e desde o ano 2022 só existe o servizo de atención ao público e control das instalacións do centro de interpretación como consecuencia dos conflitos sobre a titularidade dos predios. A falla de control de visitas ao xacemento arqueolóxico e dos labores periódicos para a súa limpeza e mantemento, repercute de xeito negativo na súa contemplación e interpretación e pode afectar a súa conservación.

missing image file

Por outro lado, existen certos axentes de alteración activa que seguen afectando ou poderían afectar nun futuro as estruturas de non tomarse as medidas protectoras necesarias (alteración biolóxica, axentes climáticos ou hídricos, e alteración antrópica). A máis importante que afecta actualmente o ben é a masa forestal alóctona que se estende polas ladeiras norte, leste e sueste do oppidum, funcionando, xunto co desenvolvemento da vexetación sen mantemento e limpeza no interior do castro, como un foco importante de risco de incendio. Ademais, o efecto das raíces das árbores danan as estruturas soterradas e funcionan como elemento distorsionador, impedindo a apreciación da orografía e morfoloxía do poboado (terrazas, parapetos e foxos) por estas ladeiras afectadas.

Tamén é necesario mencionar o estado de conservación dos bens da súa contorna de protección, como é o xacemento arqueolóxico paleolítico da Chaira, co achado de industria lítica, que non presenta estruturas visibles; os petróglifos da Cidade, principalmente cazoletas, afectados na actualidade por briófitas e liques; as mámoas da Cidade, alteradas pola vexetación e por labores agrícolas e forestais; o Castro de Ourantes, obxecto dunhas sondaxes arqueolóxicas, hoxe en día presenta abondosa vexetación, e foi afectado pola actividade forestal e a construción dunha estrada e o conxunto parroquial de Ourantes; o xacemento arqueolóxico romano do Campiño, posible necrópole de inhumación, alterado pola construción de vivendas e labores agrícolas; e o xacemento arqueolóxico romano da igrexa parroquial de San Xoán, non visible, baixo o conxunto parroquial de San Xoán de Ourantes.

Na zona de amortecemento, que abarca unha extensión territorial ampla, existen múltiples construcións, explotacións agrícolas e gandeiras, infraestruturas viarias, enerxéticas, que ao situarse o suficientemente afastadas da área arqueolóxica, a priori a súa existencia... non implica unha ameaza directa para o ben.

5. Valoración cultural:

A elección deste xacemento arqueolóxico para a súa declaración coma BIC fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacemento arqueolóxicos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, coma elemento crucial da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e inicio do período romano.

Ademais destes valores científicos, destaca por ser portador doutros valores intrínsecos co seu carácter coma xacemento arqueolóxico visitable, que conta cunha infraestrutura museística de vangarda.

Destaca tamén polo seu estado de conservación e pola súa posta en valor. Sucesivas intervencións arqueolóxicas permitiron sacar á luz numerosas estruturas, tanto habitacionais como doutro tipo (murallas, rúas, portas monumentais, alxibes,. . ), así como importantes restos da cultura material. Estes restos, ademais do seu valor para a investigación e divulgación, constitúen un recurso patrimonial, onde o visitante pode percorrer unha gran «cidade» de finais da Idade do Ferro do interior de Galicia, camiñando entre casas, almacéns, rúas, murallas, cociñas ou alxibes.

Exemplifica unha construción planificada e organizada, con rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga, vivendas complexas con estruturas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.

Pola súa singularidade, autenticidade e integridade, San Cibrao de Las foi escollido pola Xunta de Galicia como lugar para a creación do PACC, cun centro de interpretación da cultura castrexa en Galicia, para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes, sendo un dos xacemento arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Por tanto, San Cibrao de Las conta coa presenza dunha variada tipoloxía de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e natural na súa veciñanza que avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude, e a súa relevancia e valor cultural singular.

En definitiva, San Cibrao de Las posúe un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que, pola súa autenticidade e integridade, merece ser declarado ben de interese cultural.

6. Réxime de protección:

6.1. Natureza e categoría.

O Castro ou A Cidade de San Cibrao de Las na actualidade é un ben incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural en base ao artigo 30 da LPCG, ao estar incluído no Plan básico autonómico, aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo (DOG núm. 162, do 27 de agosto), co código GA32074001, como ben arqueolóxico.

O ben delimitado do Castro de San Cibrao de Las, entre os concellos de San Amaro e Punxín, ten unha superficie aproximada de 26,74 hectáreas.

O Castro de San Cibrao de Las presenta importantes valores culturais entre os que destacan o arqueolóxico, científico e histórico, como un dos xacemento arqueolóxicos de finais da Idade do Ferro máis sobranceiros do patrimonio cultural galego polo seu valor cultural.

A categoría de BIC para este ben, segundo o artigo 10.d) da LPCG, debe ser na categoría de xacemento arqueolóxico, coherente coa caracterización, tipoloxía, entidade e relación territorial deste ben arqueolóxico co seu contorno, entendida como o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica.

6.2. Directrices para futuras intervencións:

6.2.1. Actuacións no ben:

– Na área do ben delimitada coa máxima protección permitiranse, con autorización do órgano competente en materia de patrimonio cultural, as actividades e usos destinados á investigación, valorización, mantemento, conservación e posta en valor do ben.

– Nesta área é necesario intervir para garantir a conservación dos bens do patrimonio cultural, sendo prioritario realizar labores de limpeza e mantemento.

– Non permitir actividades de explotación forestal e agrícola, ou actividades alleas á conservación e posta en valor do ben que comporten remocións de terras.

6.2.2. Actuacións e usos no contorno de protección:

– Limitarase a instalación de novas construcións ou actuacións que afecten a estrutura parcelaria ou a outros elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, e controlaranse as remocións de terras ou calquera obra nese ámbito, que deberán contar coa preceptiva autorización do órgano competente en materia de patrimonio cultural.

– Nesta área deberán atenderse as limitacións establecidas para cada un dos bens catalogados e os seus contornos de protección.

– As actuacións urbanísticas nos núcleos da Torre, Andrade e Vilar deben ser respectuosas co ben e coa súa contorna, polo que poderán limitarse ou prohibirse aquelas que poñan en risco a conservación dos bens culturais, a súa apreciación ou interpretación.

– Limitaranse os usos de explotación forestal ou gandeiras (granxas), ou calquera outra actividade que afecte directamente a paisaxe cultural do ben, ou que poida ter incidencia sobre a apreciación do ben no territorio, coa prohibición daquelas actividades que resulten incompatibles.

6.2.3. Actuacións e usos na zona de amortecemento:

De acordo co disposto no artigo 47 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións, e actividades normais segundo a natureza do solo e de conformidade co planeamento vixente, sen necesidade da autorización do órgano competente en materia de patrimonio cultural, excepto o disposto para os contornos específicos de protección do patrimonio cultural catalogado ou BIC que se atopa nesa zona, e para as intervencións que se determinan no número 2 dese artigo 47, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos valores culturais derivados da súa implantación territorial.

Deste modo, requirirán de autorización previa do órgano competente en materia de patrimonio cultural, de xeito resumido: as grandes explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura; as explotacións extractivas; instalacións de industria enerxética ou siderúrxica, minería, química, téxtil ou papelería; infraestruturas de transporte e comunicación; grandes infraestruturas hidráulicas; instalacións de xestión e tratamento de residuos; grandes transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos, ou explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio cultural. En consecuencia, todas as intervencións deste tipo poderán condicionarse, limitarse ou prohibirse no caso de que poñan en risco a conservación dos bens culturais, a súa apreciación ou interpretación.

6.3. Réxime xeral:

O réxime de protección dun ben inmoble declarado de interese cultural coa categoría de xacemento arqueolóxico será o que se define nos títulos II, III e no capítulo IV do título VII da LPCG, en concreto, pódese resumir en:

– Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben e no seu contorno de protección, segundo as delimitacións descritas no anexo II desta resolución, deberán ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, co alcance e excepcións que se establecen na LPCG, en especial no referido á suspensión de licenzas ata a resolución do trámite ou a súa caducidade, coas excepcións indicadas no artigo 17.5 da LPCG.

– Uso: a utilización dos bens no xacemento arqueolóxico quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens protexidos están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

En calquera caso, e posto que os titulares teñen o deber de conservar os bens e de actuar dilixentemente na súa protección, deben aplicarse como principais medidas preventivas, a vixilancia e o mantemento periódico do xacemento arqueolóxico.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Así e todo, as condicións especiais de conservación do ben e do risco para a seguridade das persoas poderán condicionar ou limitar a visita ao xacemento arqueolóxico.

– Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non fosen notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento. Estas consideracións son de aplicación aos predios afectados pola declaración BIC que non son de dominio público.

– Expropiación: é causa de interese social para os efectos de expropiación nos bens de interese cultural: o incumprimento do deber de conservación dos bens, así como dos inmobles na contorna que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen risco para a súa conservación; así mesmo, as melloras de accesos aos bens, a dignificación da súa contorna e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social; tamén a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e o desfrute pola sociedade.

ANEXO II

Delimitación do ben, contorno e zona de amortecemento

Dada a relevancia patrimonial e científica de San Cibrao de Las, proponse protexer o xacemento arqueolóxico e a área circundante en tres niveis: delimitación do ben, contorno de protección e zona de amortecemento, segundo o seguinte esquema:

missing image file

1. Delimitación do ben:

Abarca o propio Castro de San Cibrao de Las (GA32074001), así como outros elementos arqueolóxicos representativos da ocupación humana nos seus arredores, como os petróglifos da Cidade (GA32074023), a mámoa da Cerca da Cidade 1 (GA32074002) e o xacemento paleolítico da Chaira (GA32074003).

A delimitación determinouse seguindo unha serie de criterios que permitisen una preservación efectiva dos restos e do seu contorna directa, onde tamén se localizaron restos de ocupación humana máis antigos:

– Procurouse seguir os límites actuais do catastro, sempre que foi posible, para evitar a división artificial das parcelas.

– Incluíronse os xacementos arqueolóxicos próximos (petróglifos da Cidade, unha das mámoas da Cerca), así como a área do PACC.

– Seguíronse, onde foi posible, os trazados das estradas e dos camiños.

O xacemento arqueolóxico inclúe as seguintes referencias catastrais:

32075A06800053, 32066A01000896, 32066A01000664, 32066A01000665, 32066A01000666, 32066A01000672, 32066A01000671, 32066A01000670, 32066A01000669, 32066A01000668, 32066A01000667, 32066A01000673, 32066A01000804, 32066A01000805, 32066A01000806, 32066A01000807, 32066A01000808, 32066A01000809, 32066A01000810, 32066A01000811, 32066A01000813, 32066A01000814, 32066A01000815, 32066A01000817, 32066A01000818, 32066A01000824, 32066A01000823, 32066A01000820, 32066A01000822, 32066A01000816, 32066A01000821, 32075A06800193, 32075A06800126, 32075A06800125, 32075A06800123, 32075A06800131, 32075A06800124, 32075A06800192, 32066A01000655, 32066A01000656, 32066A01000657, 32066A01000658, 32066A01000659, 32066A01000660, 32066A01000661, 32066A01000663, 32066A01000674.

A delimitación do xacemento arqueolóxico confórmase cunha liña poligonal que une os seguintes vértices, dos que se recollen as súas coordenadas xeográficas e unha descrición:

– XA_01. Coordenadas: 579826, 4690505: sitúase no extremo máis setentrional do xacemento arqueolóxico, na esquina noroeste da parcela 32075A06800192, no término municipal de San Amaro. Desde este punto continúa cara ao leste, ata a XA_02 seguindo o trazado da estrada que vai desde Punxín cara á Torre.

– XA_02. Coordenadas: 579901, 4690499: sitúase na esquina nordeste da parcela 32075A06800131, coincidindo co trazado da estrada que vai desde Punxín cara á Torre. Desde este punto diríxese cara ao sur-sueste seguindo a mesma estrada.

– XA_03. Coordenadas: 580113, 4690148: sitúase nunha intersección da estrada de Punxín, no extremo leste da parcela 32066A01000655. A partir deste punto continúa cara ao sur-suroeste, seguindo os límites dos predios.

– XA_04. Coordenadas: 580078, 4689980: sitúase no extremo máis oriental da gran parcela 32066A01000896. Continúa cara ao sur-suroeste seguindo o límite desta ata o punto XA_05.

– XA_05. Coordenadas: 579984, 4689823: localízase no extremo sur da parcela 32066A01000896 e, partindo deste punto, segue o trazado da estrada entre Rubiás e Ourantes.

– XA_06. Coordenadas: 579884, 4689787: localízase na esquina suroeste da parcela 32066A01000896, na intersección entre as estradas de Rubiás-Ourantes e a que ascende desde Ourantes cara Piñeiro. Desde este punto ascende cara ao noroeste, seguindo o trazado da estrada, ata a XA_07.

– XA_07. Coordenadas: 579637, 4690071: localízase no extremo sur da parcela 32075A06700054, na intersección entre a estrada Ourantes-Piñeiro e a curva dunha antiga estrada da que todavía se conserva. O contorno segue o trazado da curva ata a XA_08.

– XA_08. Coordenadas: 579557, 4690166: localízase na esquina norte da parcela 32075A06700001, na intersección entre a curva dunha antiga estrada do percorrido do trazado Ourantes-Piñeiro. Desde este punto segue o trazado da estrada Ourantes-Piñeiro cara ao noreste, ata a XA_09.

– XA_09. Coordenadas: 579444, 4690396: sitúase na esquina noreste da parcela 32075A06800053. A partir deste punto xira cara ao leste, seguindo o límite do predio ata a XA_010.

– XA_010. Coordenadas: 579776, 4690412: localízase na esquina sueste da parcela 32075A06800121. Neste punto, o trazado xira cara ao norte-nordeste ata alcanzar o punto XA_01, seguindo os límites das parcelas.

missing image file

2. Contorno de protección:

Abarca un perímetro máis amplo, no que se inclúen a mámoa da Cerca da Cidade 2 (GA32074008), o xacemento arqueolóxico romano da igrexa parroquial de San Xoán de Ourantes (GA32065001), o propio castro de Ourantes (GA32065020), o xacemento arqueolóxico romano do Campiño (GA32065004), así como varios hórreos e cruceiros.

O contorno de protección determinouse tomando coma referencia os 200 m de protección subsidiarios, recollidos no artigo 38 da LPCG, desde o elemento ou vestixio máis exterior dos bens para o patrimonio arqueolóxico. Co fin de establecer un contorno de forma expresa e específica procuráronse integrar no contorno de protección (CP) todos aqueles elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos localizados ou recuperados no contorno do xacemento arqueolóxico, co fin de preservar as pegadas históricas de San Cibrao e da súa contorna.

– Procurouse seguir os límites actuais do catastro, sempre que foi posible, para evitar a división artificial das parcelas. Nos contados casos en que esta medida implicaba unha ampliación ou diminución desmesurada do contorno de protección (debido á propia morfoloxía das parcelas), optouse por atravesar as parcelas polo punto máis próximo á liña dos 200 m.

– Naqueles casos en que o contorno atravesaba un camiño, este foi integrado no xacemento arqueolóxico, ao tratarse dunha infraestrutura pública.

– Nos casos en que a liña dos 200 metros atravesa total ou parcialmente un núcleo rural, este foi incorporado na súa totalidade dentro do contorno de protección. Son os casos das aldeas da Torre e de Andrade. No caso de Andrade (núcleos de Andrade de Arriba e Andrade de Abaixo), a súa inclusión radica tamén ao localizarse na zona máis visible desde a ladeira oeste do castro. A ladeira occidental de San Cibrao, ao contrario que a oriental que cae bruscamente cara á depresión do río Miño, ábrese suavemente cara ao val o que facilita a visibilidade dun amplo territorio cara ao oeste do xacemento arqueolóxico, onde tamén se sitúa o PACC, e que forma parte da súa paisaxe cultural. Esta ladeira tamén concentra a maior parte da zona escavada e é a entrada oficial e principal cando se accede ao xacemento arqueolóxico. Incluír a totalidade da aldea de Andrade busca protexer a paisaxe inmediata do xacemento arqueolóxico ao limitar certos usos e actuacións que poidan alterar e afectar visualmente de xeito moi directo o Castro de San Cibrao de Las. Andrade sitúase deste xeito ao mesmo nivel que a aldea da Torre, dentro dos 200 m e cunha relación visual directa co xacemento arqueolóxico hoxe interrompida por unha plantación de piñeiros. A lixeira ampliación do límite do contorno de protección para incluír Andrade fai que tamén quede no seu interior unha boa parte do trazado dunha vía ou verea antiga que discorre a escasos metros do castro, con dirección N-S e que podería ter sido o camiño de acceso polo oeste ao castro e unha vía de comunicación importante deste territorio en época antiga.

– No sector leste, ampliouse o contorno para incluír o castro de Ourantes, así como outros restos arqueolóxicos e etnográficos desta zona. Neste caso procúrase protexer un xacemento arqueolóxico e a súa contorna que forma parte da paisaxe cultural da Idade do Ferro e polo tanto funciona como elemento contextualizador do propio San Cibrao. Ademais disto, esta ampliación do contorno fai que tamén quede incorporado o importante núcleo románico de San Xoán de Ourantes. Esta ampliación, totalmente xustificada pola súa importancia histórico-arqueolóxica, comporta a inclusión da aldea de Vilar dentro do contorno de protección. Esta aldea, igual que a aldea da Torre, sitúase moi preto do xacemento arqueolóxico e cunha relación visual directa hoxe limitada por plantacións forestais. A súa inclusión responde a manter unha coherencia paisaxística desde o límite marcado pola inclusión do núcleo da Torre ata o castro de Ourantes e a igrexa de San Xoán protexendo así as ladeiras norte e leste do xacemento arqueolóxico. Estas ladeiras atópanse hoxe colonizadas por plantacións de árbores que modifican a paisaxe e limitan as relacións visuais bidireccionais entre o castro e estes núcleos de poboación que poderían recuperarse coa paulatina desaparición destes obstáculos.

A delimitación do contorno de protección confórmase cunha liña poligonal que une os seguintes vértices, dos que se recollen as súas coordenadas xeográficas e unha descrición:

– CP_01. Coordenadas: 579823, 4690895: localízase na esquina nordeste da parcela con referencia 32075A03700004. A partir deste punto, atravesa varias parcelas cara ao sueste, ata alcanzar a esquina norte da parcela 32075A03700169.

– CP_02. Coordenadas: 580211, 4690766: localízase na esquina norte da parcela 32075A03700169. Desde este punto descende cara ao sur, ata alcanzar o lado oeste da parcela 32066A02000034.

– CP_03. Coordenadas: 580338, 4690627: localízase no lado oeste da parcela 32066A02000034. O límite descende cara ao sueste, ata alcanzar a esquina noreste da parcela 32066A01900248, para incorporar o castro de Ourantes no contorno de protección.

– CP_04. Coordenadas: 580789, 4690497: localízase na esquina noreste da parcela 32066A01900248. Desde este punto descende cara ao sur seguindo a estrada que vai desde Baldoiro a Rubiás, para incorporar o castro de Ourantes no contorno de protección.

– CP_05. Coordenadas: 581007, 4690222: localízase no lateral leste da parcela 32066A01900502. Neste punto, o límite rodea un grupo de parcelas, para atravesar a estrada que vai de Rubiás ao cemiterio de Ourantes, e continuar cara ao sur ata a PI_06, para incorporar o castro de Ourantes no contorno de protección.

– CP_06. Coordenadas: 581006, 4689934: localízase na esquina sueste da parcela 32066A01100028. Desde este punto diríxese cara ao oeste, ata alcanzar a estrada que vai desde o cemiterio de Ourantes á vila de Ourantes.

– CP_07. Coordenadas: 580642, 4689852: localízase na esquina suroeste da parcela 32066A01100102. Desde este punto diríxese cara ao suroeste, ata a PI_08, seguindo o contorno da estrada que vai cara Ourantes.

– CP_08. Coordenadas: 580445, 4689584: localízase no límite sur da parcela 32066A01000938. A partir deste punto xira cara ao oeste, seguindo o trazado da estrada, para a continuación seguir polo límite sur de varias parcelas ata alcanzar de novo a estrada, que xira en dirección norte.

– CP_09. Coordenadas: 580016, 4689535: localízase na esquina noreste da parcela 32066A00900510. Desde aquí continúa cara ao leste, seguindo os límites de varias parcelas, ata alcanzar o trazado da estrada que vai cara á aldea de Andrade e a PI_10.

– CP_10. Coordenadas: 579588, 4689560: localízase nunha intersección da estrada a Andrade, no límite sur da parcela 32075A07500093. Desde este punto continúa o trazado da estrada cara a Andrade, ata chegar ao PI_11.

– CP_11. Coordenadas: 579187, 4689565: localízase na esquina suroeste da parcela 32075A07500006. Desde este punto continúa cara ao leste, seguindo no seu último tramo o trazado da estrada que dá acceso a Andrade desde o sur.

– CP_12. Coordenadas: 578836, 4689668: localízase no límite suroeste da parcela 32075A50205181. Neste punto o límite diríxese cara ao norte, seguindo o trazado do regato da Fareixa.

– CP_13. Coordenadas: 578878, 4689966: localízase na esquina noroeste da parcela 32075A50200383. O límite continúa cara ao norte, seguindo o último tramo do trazado do regato da Fareixa, ata alcanzar o PC_14.

– CP_14. Coordenadas: 578960., 4690330: localízase na esquina noroeste da parcela 32075A50205093. A partir deste punto, o límite diríxese cara ao leste, ata alcanzar o PC_15.

– CP_15. Coordenadas: 579129, 4690381: localízase no límite oeste da parcela 32075A50200722, na intersección entre dúas estradas. Desde este punto diríxese cara ao leste, seguindo a estrada que vai cara á Pousa.

– CP_16. Coordenadas: 579642, 4690740: localízase na esquina norte da parcela 32075A06800008. Desde este punto continúa a estrada cara á Pousa ata PI_01.

missing image file

3. Zona de amortecemento:

Co obxecto de reforzar a súa protección e as súas condicións de implantación no territorio, establécese a partir dos estudos de visibilidade para determinar as zonas de impacto paisaxístico. Para determinar esta área tivéronse en conta as condicións de visibilidade e perspectiva da zona delimitada para o ben e os contornos de protección dos diferentes elementos patrimoniais (arqueolóxicos e etnográficos) incluídos nesa zona de visibilidade para salvagardar a paisaxe cultural do BIC.

Nesta zona atopamos varios xacementos arqueolóxicos catalogados entre os que cabe destacar os castros de San Trocado (GA32074005), Martiño (GA32074004), de Veiga (GA32074016) e de Eiras (GA32074006). Quedan incluídos tamén o xacemento arqueolóxico romano de Santa Uxía de Eiras (GA32074009), os petróglifos da Ermida (GA32074025), a mámoa do Couto (GA32074010), así como un tramo dunha posible verea romana (GA32025009) e o sepulcro medieval da Burata da Moura (GA32074011).

Así como outros elementos do patrimonio cultural, entre os que destacan as igrexas parroquiais de Santa Ouxea de Eiras e San Cibrao de Las, no concello de San Amaro; a ermida de San Trocado e o peto de ánimas de Ourantes, no concello de Punxín; os pazos de Eiras e Sabariz, ambos no concello de San Amaro; e un numeroso conxunto de hórreos.

A zona de amortecemento establécese ao redor do ben e do seu contorno de protección, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, co obxecto de reforzar a súa protección e as súas condicións de implantación no territorio. Para determinar esta área tivéronse en conta as condicións de visibilidade e perspectiva da zona delimitada para o ben e os contornos de protección dos diferentes elementos patrimoniais (arqueolóxicos e etnográficos) incluídos nesa zona de visibilidade para salvagardar a paisaxe cultural do BIC.

Como nos casos anteriores, os criterios para a delimitación da zona de amortecemento foron:

– Procurouse seguir os límites actuais do catastro, sempre que foi posible, para evitar a división artificial das parcelas. Tomáronse como referencia ademais estradas, límites fluviais e outro tipo de elementos da paisaxe, para unificar o límite do amortecemento, nunha zona que presenta un microparcelado especialmente intricado.

– Naqueles casos en que a contorna atravesaba un camiño, este foi integrado na zona de amortecemento, ao tratarse dunha infraestrutura pública.

– Naqueles casos en que un ben cultural catalogado quedaba dentro da zona de visibilidade, respectouse a súa propia contorna de protección para establecer o límite do amortecemento.

A delimitación da zona de amortecemento confórmase cunha liña poligonal da que deseguido se describen os seus tramos e os vértices que a conforman:

– ZAM_01-06 e ZAM_50-52. O contorno desta zona segue os límites de varias parcelas, así como o trazado dunha estrada próxima para incorporar o xacemento arqueolóxico do Castro do Monte de Veiga e o seu contorno de protección. O castro atópase na zona comprendida dentro do contorno visible desde San Cibrao de Las.

– ZAM_07-13. O contorno desta zona rodea unha das elevacións visibles desde o Castro de San Cibrao de Las, na cal se atopan, entre outros, varios hórreos e a igrexa de Santa María de Freás.

– ZAM_14-24. O contorno descende cara ao sur seguindo, principalmente, o percorrido das estradas que van desde Freás cara a Ventosela. A liña de contorno sitúase no límite da zona visible desde San Cibrao de Las, que corresponde co inicio do val do río Barbantiño.

– ZAM_25-29. O contorno segue o límite do val do Miño. Neste punto amplíase lixeiramente para incluír o contorno do castro de San Trocado, que está incluído na área visible desde o Castro de San Cibrao de Las.

– ZAM_30-35. O contorno segue o límite do val do Miño. Neste punto amplíase para incluír o Castro Martiño e o seu contorno. Este elemento patrimonial, aínda que se atopa fóra da área visible desde San Cibrao de Las, ao localizarse nunha valgada, é relevante para a comprensión da evolución e dos cambios na ocupación dos territorios que circundan o Castro de San Cibrao de Las, xunto co castro de San Trocado.

– ZAM_36-41. O contorno segue o límite do val do Miño. Neste punto amplíase lixeiramente para incluír os contornos de protección da mámoa do Couto e os petróglifos da Ermida, que se atopan na zona de visibilidade de San Cibrao de Las. Desde ZAM_37, o límite continúa o trazado da estrada OU-0411.

– ZAM_42-46. O contorno diríxese cara ao norte, seguindo o límite marcado pola visibilidade e ampliándose lixeiramente para incluír o contorno do castro de Eiras. Na maior parte do seu percorrido, o límite segue o trazado da OU-0411.

– ZAM_46-49. O contorno segue cara ao norte, polo límite da zona afectada pola área de visibilidade do Castro de San Cibrao de Las.

Nome

X

Y

Observacións

ZAM_01

579.393

4.692.310

Esquina NO da parcela 32075A04100122

ZAM_02

579.790

4.692.126

Esquina NL da parcela 32075A04100291

ZAM_03

579.787

4.691.892

Esquina SO da parcela 32075A04100360

ZAM_04

580.005

4.691.939

Esquina NL da parcela 32066A02100519

ZAM_05

580.106

4.691.645

Esquina SL da parcela 32066A02100477

ZAM_06

580.219

4.691.521

Esquina NO da parcela 32066A02100461

ZAM_07

580.393

4.691.591

Esquina SL da parcela 32066A02200267

ZAM_08

580.460

4.691.802

Zona norte da parcela 32066A02200216

ZAM_09

580.671

4.691.895

Esquina NL da parcela 32066A02200138

ZAM_10

580.931

4.691.801

Esquina NL da parcela 32066A02200172

ZAM_11

581.183

4.691.211

Zona leste da parcela 32066A01800083

ZAM_12

581.161

4.691.102

Esquina NL da parcela 32066A01800271

ZAM_13

580.909

4.691.002

Zona norte da parcela 32066A01800314

ZAM_14

581.058

4.690.890

Esquina NL da parcela 32066A01800339

ZAM_15

580.973

4.690.720

Esquina NO da parcela 32066A01800488

ZAM_16

581.192

4.690.595

Esquina NL da parcela 32066A01701202

ZAM_17

581.189

4.690.404

Esquina SL da parcela 32066A01500679

ZAM_18

581.091

4.690.358

Esquina NO da parcela 32066A01500438

ZAM_19

581.137

4.690.273

Esquina NL da parcela 32066A01500494

ZAM_20

581.061

4.690.007

Zona norte da parcela 32066A01100051

ZAM_21

581.177

4.689.287

Zona sur da parcela 32066A01100738

ZAM_22

580.902

4.689.291

Zona sur da parcela 32066A00800230

ZAM_23

580.846

4.689.189

Esquina SO da parcela 32066A00800243

ZAM_24

580.647

4.689.349

Esquina SO da parcela 32066A00800294

ZAM_25

580.458

4.688.913

Esquina NL da parcela 32066A00900104

ZAM_26

580.382

4.688.722

Esquina SO da parcela 32066A00900094

ZAM_27

579.812

4.688.041

Zona sur da parcela 32066A00900555

ZAM_28

579.342

4.687.847

Zona leste da parcela 32075A06900378

ZAM_29

579.331

4.688.647

Zona leste da parcela 32075A06900235

ZAM_30

579.294

4.688.708

Zona leste da parcela 32075A06900235

ZAM_31

579.089

4.688.574

Esquina NL da parcela 32075A06900242

ZAM_32

579.050

4.688.442

Esquina SL da parcela 32075A06900254

ZAM_33

578.887

4.688.224

Esquina SL da parcela 32075A07000787

ZAM_34

578.695

4.688.104

Esquina NL da parcela 32075A07000545

ZAM_35

578.464

4.688.075

Zona leste da parcela 32075A07000525

ZAM_36

578.336

4.688.464

Esquina NL da parcela 32075A07001106

ZAM_37

577.951

4.687.875

Esquina SL da parcela 32075A07000297

ZAM_38

577.282

4.687.989

Esquina SO da parcela 32075A07100186

ZAM_39

577.609

4.688.521

Zona norte da parcela 32075A07100172

ZAM_40

577.585

4.688.581

Esquina NL da parcela 32075A08100074

ZAM_41

577.855

4.688.724

Esquina SO da parcela 32075A50100124

ZAM_42

577.784

4.688.861

Zona norte da parcela 32075A50100129

ZAM_43

577.598

4.689.270

Esquina NL da parcela 32075A08200097

ZAM_44

577.897

4.690.513

Esquina NO da parcela 32075A08600093

ZAM_45

578.306

4.690.630

Esquina SO da parcela 32075A09000243

ZAM_46

578.463

4.690.757

Esquina SO da parcela 32075A09000162

ZAM_47

578.610

4.691.316

Esquina NO da parcela 32075A09100063

ZAM_48

578.752

4.691.271

Zona norte da parcela 32075A09100082

ZAM_49

579.022

4.691.414

Zona norte da parcela 32075A05100063

ZAM_50

579.164

4.691.643

Esquina SL da parcela 32075A50300008

ZAM_51

579.021

4.691.788

Esquina NO da parcela 32075A04200045

ZAM_52

579.165

4.692.182

Esquina SO da parcela 32075A04100015

missing image file