Dentro das actividades programadas para o ano 2025, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso de Técnicas de intervención operativa dirixido a persoal dos corpos e forzas de seguridade, conforme as seguintes bases:
1. Datos da actividade.
Denominación: Técnicas de intervención operativa.
Tipo: curso.
Horas lectivas: 15.
Modalidade: presencial.
2. Desenvolvemento da convocatoria.
Destinatarios/as: persoal dos corpos e forzas de seguridade.
Prazas ofertadas: 80 prazas.
Obxectivos: práctica dos distintos protocolos de intervención, técnicas de uso de bastón extensible, golpes, controis e usos con persoas altamente alteradas, así como o uso de distintos medios materiais.
Materiais: o persoal admitido deberá presentarse a este curso provisto de atavío deportivo e do seguinte material:
– Lazos e bridas de seguridade.
– Bastón extensible policial.
– Coitelo simulado.
– Grillóns.
3. Solicitudes de participación.
a) Prazo de inscrición e presentación:
O prazo para a inscrición e a presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de decembro de 2025.
O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp, http://agasp.xunta.gal. Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.
É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico, co fin de poder realizar as notificacións necesarias.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.
As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal
b) Criterios de selección.
– A igual número de cursos, terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.
– Antigüidade.
Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.
4. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.
1º. A Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.
2º. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3º. Obrigas das persoas seleccionadas.
As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal
Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).
5. Desenvolvemento da actividade.
Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.
Datas: 20 e 21 de decembro de 2025.
Horario: das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 21.00 horas o día 20, e das 9.00 ás 14.00 horas o día 21.
6. Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.
7. Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 18 de novembro de 2025
Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública
