DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 25 de novembro de 2025 Páx. 60637

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).

BDNS (Identif.): 869452.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/869452

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2024 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous, no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR353A), concibidos como programas de formación, práctica profesional, e promover incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se defina, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

As entidades promotoras, no caso de solicitar incentivos á contratación, deberán publicar unha convocatoria de axudas que promovan a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de superado, durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia. Porase á disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientativo de convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 48.113.127,00 euros. Do importe total da convocatoria destinaranse 20 millóns de euros para o financiamento de obradoiros duais de emprego dirixidos á formación en certificados profesionais da familia profesional agraria relacionados con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado, e tamén certificados profesionais da familia profesional de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios.

O financiamento farase con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2 polo importe de 34.209.845,00 euros na anualidade 2026 e 11.403.282,00 euros na anualidade 2027. O programa de incentivos á contratación laboral no exercicio 2027 será financiado con cargo á aplicación 14.03.322A.460.1, por un importe de 2.500.000,00 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración