DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 25 de novembro de 2025 Páx. 60567

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas á mellora da empregabilidade e redución do desemprego, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea de emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, e no ámbito local é onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración desenvolve mediante esta orde un programa que se enmarca nos programas experienciais de emprego e formación regulados no artigo 30 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego (BOE núm. 233, do 29 de setembro), que a Xunta de Galicia incluirá no eixe 2 do PAFED. Trátase dun programa autonómico, adaptado ao noso mercado laboral, flexible e sen limitacións específicas en canto á idade das persoas participantes en que tamén se promove a inserción laboral a través de incentivos á contratación das persoas participantes nos obradoiros duais de emprego. O programa cumpre cos principios de adecuación ás características do territorio, tendo en conta a realidade do mercado de traballo e as particularidades locais e temporais, dando protagonismo e concreción á dimensión local do emprego, de acordo cos artigos 7, 31 e 32 da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, e co Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego.

Así mesmo, e coa finalidade de alcanzar a máxima optimización dos fondos destinados ás políticas activas de emprego, establécese unha vinculación efectiva entre os programas experienciais de emprego e formación, concibidos como medidas de mellora da empregabilidade, e a consecución dun emprego con posterioridade ao seu desenvolvemento, procurando unha maior implicación e compromiso dos concellos na inserción laboral das persoas desempregadas que se contraten con cargo a estes programas.

Estes obradoiros duais de emprego concíbense como programas experienciais de formación e emprego que, promovidos por concellos ou mancomunidades de concellos, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Ademais, promoverase a inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de contratos laborais durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Noutra orde de cousas, esta orde dá continuidade á senda iniciada na regulación en 2012, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano anterior superior aos niveis mínimos que se indican na orde que, necesariamente, deberán «asociarse ou coordinarse» con outros concellos limítrofes ou pertencentes á mesma comarca, sexan ou non limítrofes, para poder acceder ás axudas para a posta en funcionamento dun obradoiro de emprego. Tendo en conta que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poder optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Nesta convocatoria para 2026, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2020-2024, evolución da poboación no citado período, e terase en conta, ademais, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións 14.03.322A.460.2 (proxecto 2014 00543) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polo importe de 34.209.845,00 euros na anualidade 2026 e para 2027 as subvencións financiaranse con cargo a mesma aplicación e código de proxecto ou equivalentes polo importe de 11.403.282,00 euros. Os incentivos á contratación laboral serán financiados con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do exercicio 2027, a través da aplicación 14.03.322A.460.1 (proxecto 2014 00543) ou equivalente por un importe de 2.500.000,00 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Do importe total máximo convocado para os obradoiros duais de emprego, destinaranse 20 millóns de euros para o financiamento de obradoiros duais de emprego dirixidos á formación en certificados profesionais da familia profesional agraria relacionados con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado; e tamén certificados profesionais da familia profesional de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios. Nesta reserva incluiranse os programas que teñan como obxectivo a restauración, recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros e os de xestión de masas consolidadas de frondosas autóctonas.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 11 de novembro de 2025, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde, así como o seu carácter plurianual e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR353A), concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

2. Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

4. As entidades promotoras poderán solicitar incentivos á contratación para promover a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de superado durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia. De ser o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación. Porase á disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientador de convocatoria.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

3. Se a formación para impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, será necesario que o perfil do alumnado se axuste aos requisitos de acceso sinalados na normativa vixente en materia de certificados profesionais.

4. No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro obradoiro de emprego, con independencia de que o rematase con resultado de superado ou non, non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado profesional, excepto que o certificado que curse sexa de nivel superior.

5. En ningún caso, poderán participar en obradoiros duais de emprego persoas que xa tivesen participado en tres obradoiros con anterioridade a esta convocatoria, agás cando se trate de participación en obradoiros para cursar especialidades formativas correspondentes ás familias profesionais agraria ou de seguridade e ambiente, referidas na exposición de motivos desta orde, caso en que non aplica esa limitación de ter participado en tres obradoiros.

Terán prioridade en todo caso as persoas candidatas que non participasen nun obradoiro dual de emprego ou nun programa de emprego de garantía xuvenil nas cinco convocatorias inmediatamente anteriores.

6. Na medida en que o uso dos fondos finalistas o permita, aplicarase a protección ás mulleres en situación de discriminación múltiple e interseccional nos termos previstos na Lei 7/2023, do 30 de novembro.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertence a ela.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. Ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2024 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.

Cada concello ou entidade pública vinculada a este poderá participar unicamente nun proxecto, computando igualmente para estes efectos que sexa individual, colectivo, en condición de promotor ou como parte dunha agrupación. A participación dun concello ou entidade nun proxecto exclúe a posibilidade de participar noutro proxecto, sendo unicamente compatible coa presentación de solicitude polas mancomunidades. Para a comprobación deste requisito xuntarase con cada solicitude de subvención unha declaración individual de cada un dos concellos implicados en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nese proxecto concreto, sexa como entidade promotora ou como asociada (anexo VI). Se aínda así se dá o caso de que un concello ou entidade vinculada concorra en máis dunha solicitude, rexeitaranse en primeiro lugar aquelas en que actúe como promotor. Se participa en máis dun proxecto como asociada terase en conta unicamente a solicitude que entrase en primeiro lugar e poñerase de manifesto á entidade promotora das seguintes solicitudes esta circunstancia para que no prazo máximo de dez días poida presentar un cambio do seu proxecto, de forma que a entidade ou agrupación resultante cumpra o requisito regulado neste parágrafo, e quedará inadmitida en caso de non emendar esta deficiencia.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais, no caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cumprisen coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.

Artigo 4. Duración

1. A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional, as entidades promotoras poderán desenvolver un programa de inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

A data límite para o inicio das contratacións por conta allea será de dous meses contados desde a finalización do obradoiro dual de emprego.

3. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xuño de 2026. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

CAPÍTULO II
Contidos formativos dos obradoiros duais de emprego

Artigo 5. Formación e etapa en alternancia nos obradoiros duais de emprego

1. Durante o desenvolvemento do obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 15.2.d) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. Preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supor o 65 % da xornada laboral, sen prexuízo da normativa aplicable ás especialidades de formación impartidas.

2. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados profesionais das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e normativa concordante, e poderá tamén complementarse con contidos incluídos no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

No caso de formación impartida de acordo cos contidos dos reais decretos que regulan os certificados profesionais, poderá ser de grao B ou grao C.

A superación de todos os módulos profesionais dun grao C conducirá á obtención dun certificado profesional.

A oferta de grao B, de carácter parcial e acumulable, será coincidente cun módulo profesional incluído no Catálogo modular de formación profesional. A súa superación conduce á obtención dun certificado de competencia.

3. Desde o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato de formación en alternancia, polo que deberá reunir, para formalizar o devandito contrato, os requisitos a que alude o artigo 11.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

4. Durante esta etapa o alumnado percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

5. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de finalización do obradoiro dual de emprego.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos de obradoiros duais de emprego impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego, incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental e igualdade entre mulleres e homes, conciliación e corresponsabilidade familiar e doméstica nos termos dispostos no artigo 124 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, de igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

2. En todos os proxectos se impartirá a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se desempeñe e, se é o caso, teranse en conta os contidos recollidos no correspondente certificado profesional.

3. O contido dos devanditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 15.2.d) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, respectando o disposto no artigo 124 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Artigo 7. Orientación, inserción, información profesional, formación empresarial e asesoramento

1. O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial. O programa deberá contar con persoal e métodos axeitados para o efecto.

2. Ao remate da actividade do obradoiro dual de emprego, as entidades promotoras prestaranlle asesoramento ao alumnado-traballador participante, tanto para a procura de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. No caso de que existan iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderá promoverse a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares.

3. Así mesmo, poderán solicitar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego. Ademais, as entidades promotoras poderán desenvolver un programa de inserción laboral a través de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 8. Educación básica

1. Para o alumnado-traballador participante que non alcanzase os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlle unha formación básica e profesional que lle permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na devandita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ás persoas que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no obradoiro dual de emprego, o alumnado recibirá un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, en que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como a puntuación e cualificación final teórico-práctica adquirida e os módulos profesionais cursados.

2. Este certificado poderá servir, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para solicitar o certificado profesional ou o certificado de competencia segundo o previsto no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional e normativa concordante.

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración concederalle ao alumnado un diploma en que se recollerá a súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

CAPÍTULO III
Selección e contratación

Artigo 10. Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador

1. A selección do alumnado-traballador participante no proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada pola entidade promotora do obradoiro mediante un procedemento específico regulado mediante instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade.

2. Nos criterios de selección do alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego procurarase a maior adaptación das persoas que se van seleccionar ás especialidades e ás particulares circunstancias de dificultade destas. Estes criterios deberán incluírse nas bases reguladoras que aprobará a entidade promotora, que deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que a desenvolva. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

3. As bases reguladoras do proceso de selección do alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego aprobadas polas entidades promotoras deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego, así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do obradoiro e, se é o caso, dos concellos asociados.

4. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego pola correspondente oficina de emprego. Con carácter previo ou no mesmo momento en que se envíe a oferta á oficina de emprego, a entidade promotora remitirá á propia oficina e mais ao departamento territorial competente as bases reguladoras do proceso de selección. A oferta deberá observar como requisitos mínimos que deben cumprir as persoas candidatas preseleccionadas os seguintes, tendo en conta o establecido no artigo 2 desta orde:

a) Ter 18 ou máis anos de idade.

b) Estar desempregadas, entendéndose nesta situación as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.

c) Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de ter vinculación mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, desde a súa incorporación ao proxecto, en aplicación do previsto nos artigos 2 e 5 desta orde.

d) Cando a formación que se vai impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

5. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitasen este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, terán prioridade aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral con anterioridade á resolución da convocatoria, sempre que se encontren dentro dalgunha das especialidades que se vaian impartir no obradoiro.

Ademais, terán prioridade as persoas demandantes que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como as persoas paradas de longa duración; as persoas emigrantes retornadas; as mulleres en xeral; as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; as persoas maiores de cincuenta e dous anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados profesionais de nivel de cualificación 3 en que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.

6. A entidade promotora realizará a selección de entre a relación de persoas desempregadas remitidas pola oficina de emprego, que deberá conter, sempre que sexa posible, tres persoas candidatas por posto.

7. O alumnado que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.

8. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como beneficiarias participantes, no modelo que se establecerá e publicará na dita instrución.

9. O alumnado seleccionado será contratado, pola entidade promotora, desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade do contrato de traballo de formación en alternancia. De acordo co disposto no número 1 da disposición adicional segunda do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a estes contratos non lles será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) do dito estatuto. Así mesmo, nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

10. Os contratos de traballo do alumnado formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, e deberá facerse constar a denominación do proxecto para o cal se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@, marcando a opción específica ET/CO/TE/FD, que figura na epígrafe Datos específicos do contrato. Unha vez indicada esta opción, aparecerá un despregable que permitirá elixir de entre varias opcións a correspondente a Alumno/Traballador.

11. As incidencias e reclamacións que poidan xurdir, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.

Artigo 11. Procedemento de selección e contratación do persoal formador, directivo e de apoio

1. A selección do persoal formador, directivo e de apoio que se contrate para a execución do proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada pola entidade promotora do obradoiro mediante o procedemento que considere axeitado e atendendo á normativa vixente, tendo en conta as prioridades do proxecto, os itinerarios formativos e os criterios de igualdade e obxectividade.

2. Na selección do persoal formador, directivo e de apoio poderase empregar a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a convocatoria pública ou ambas.

Así mesmo, as entidades promotoras poderán propoñer a continuidade do persoal contratado anteriormente noutros proxectos xestionados por aquela, incluído o que adquirise a condición de fixo do seu cadro de persoal ou contratado indefinido das entidades beneficiarias, segundo o establecido no artigo 34.2 do Real decreto 818/2021, que regula os programas comúns de activación para o emprego do SNE.

As entidades promotoras poderán imputar ao obradoiro de emprego persoal propio da entidade beneficiaria que estea asignado ao proxecto, persoal contratado laboralmente ou persoal con nomeamento interino para o proxecto.

Os candidatos e as candidatas a docentes, para seren validados, deben cumprir os requisitos dispostos no artigo 168 do Real decreto 659/2023, tanto se a súa proposta procede dun proceso de selección como se se trata da continuidade de persoal contratado anteriormente.

3. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, nos criterios de selección de todo o persoal formador, directivo e de apoio do obradoiro dual de emprego, considerarase a maior adecuación da cualificación ao posto de traballo ofertado como un criterio estratéxico e, polo tanto, prioritario. Estes criterios deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que a desenvolva. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.

4. As bases reguladoras do proceso de selección do persoal formador, directivo e de apoio do obradoiro dual de emprego aprobadas polas entidades promotoras deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego, así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do obradoiro e, se é o caso, dos concellos asociados.

5. En caso de facer uso da oferta de emprego e/ou da convocatoria pública, corresponderalle á entidade promotora determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, establecer os baremos e, se e o caso, as probas que poidan aplicarse, así como elaborar as convocatorias ou preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procede. As ditas ofertas de emprego serán publicadas no Portal de emprego de Galicia.

A selección definitiva deberá realizarse entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso.

No proceso de selección poderase valorar positivamente que as persoas candidatas completasen na súa totalidade contratos anteriores como docentes en obradoiros de emprego ou programas de emprego para persoas mozas subvencionados pola consellería competente en materia de emprego da Xunta de Galicia.

Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se atopen en situación de desemprego.

6. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como persoal formador, directivo e de apoio. Non se poderá formalizar a súa contratación con anterioridade a que as persoas seleccionadas sexan validadas polo persoal técnico do departamento territorial.

7. A entidade promotora contratará o persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado de acordo co procedemento establecido a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada tendo en conta o disposto no punto dous da disposición adicional novena da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.

8. En caso de optar por seleccionar o persoal formador, directivo e de apoio empregando unha oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a entidade promotora deberá informar a oficina correspondente da finalización do proceso selectivo co fin de proceder ao peche da oferta correspondente.

9. As incidencias e reclamacións que poidan xurdir, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.

CAPÍTULO IV
Incentivos á contratación

Artigo 12. Obxecto e duración

1. As entidades promotoras poderán solicitar incentivos á contratación; o número máximo de incentivos estará limitado ao número de persoas para as cales se presente un compromiso de solicitude por parte de empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e do ámbito territorial de Galicia e en ningún caso superará o número máximo de alumnos/as-traballadores participantes no obradoiro.

2. O obxecto dos incentivos á contratación é promover a inserción laboral das persoas participantes dos obradoiros duais de emprego. No caso de que as entidades promotoras soliciten subvención para incentivos á contratación deberán publicar unha convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación por conta allea das persoas participantes dos obradoiros duais de emprego, dirixido a empresas para ocupacións do ámbito da formación impartida polos obradoiros duais de emprego. Na tramitación dos expedientes de concesión dos incentivos, as entidades locais deberán ter en conta o réxime de axuda de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L). Porase á disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientativo de convocatoria.

3. A contratación laboral terá unha duración dun mínimo de 3 meses a xornada completa e deberá comezar no prazo de dous meses desde a finalización do obradoiro dual de emprego, polo que a publicación da convocatoria deberá ser realizada con suficiente antelación.

4. As empresas que contraten persoas participantes no obradoiro de emprego poderán ser beneficiarias en futuras convocatorias de axudas e incentivos á contratación que a consellería poida realizar.

CAPÍTULO V
Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 13. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

4. Forma parte da solicitude (anexo I) a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

• Que a entidade promotora solicitou ou non e/ou se lle concederon ou non outras axudas para este mesmo proxecto ou conceptos para os cales se solicita esta subvención. En caso afirmativo débense relacionar as axudas concedidas.

Así mesmo, comprométese a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

• Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos achegados xunto a ela son certos.

• Que a entidade solicitante cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; especificamente, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente ningún pagamento ou outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Que acepta as actuacións de comprobación previstas nesta orde.

• Que a entidade solicitante dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.

• Que asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o correspondente importe neste anexo e no punto 6.4 do anexo III.

• Que a entidade local solicitante cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que está obrigada ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

• Que non participa noutros programas desta orde de convocatoria como entidade promotora nin como concello asociado.

• Que asume a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicado no correspondente diario oficial, ou mediante certificación expedida para o efecto.

b) Os concellos, as mancomunidades ou calquera outro tipo de asociación dos concellos galegos, así como o resto de entidades a que alude o artigo 3, deberán presentar certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración adoptado polo órgano competente e, no caso das agrupacións de concellos, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e o convenio de colaboración asinado entre eles para estes efectos.

O convenio de colaboración deberá reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, a repartición do alumnado-traballador entre as distintas entidades e as actuacións que se realizarán en cada concello. Cada un dos concellos asociados deberá contar, polo menos, cunha persoa alumna-traballadora.

c) No caso dunha asociación de concellos, cada unha das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.

d) Declaración asinada polos representantes de cada unha das entidades asociadas, no caso dunha asociación de concellos, de que se dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda, que se recolle no anexo VI.

e) Declaración responsable, que se recolle no anexo VI, pola que cada un dos concellos asociados, se é o caso, asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o importe que asume no número 6.4 do anexo III.

f) Declaración responsable individual de cada un dos concellos asociados implicados, no caso de agrupación de concellos, en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade asociada ou como promotora (anexo VI).

g) No caso dunha agrupación de concellos, cada unha das entidades asociadas presentará unha declaración responsable en que faga constar que cumpre con todos os requisitos para ser beneficiaria desta axuda, así como as circunstancias indicadas nas alíneas d), e) e f) deste punto (anexo VI).

2. De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros duais de emprego deberán achegar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos contados desde o ano de inicio do programa, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver obradoiros duais forestais, en que abondará co permiso outorgado polo órgano competente das comunidades propietarias de veciños e veciñas para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a 25 anos no caso de obradoiros duais forestais en que non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para a propiedade, sendo abondo cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.

b) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se é o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado, sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes da fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro, e sempre antes do inicio das actuacións, con obriga do envío aos departamentos territoriais correspondentes da dita documentación.

d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención segundo o modelo que se achega como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 25 páxinas. Esta memoria, que será única aínda no caso de que a solicitude estea presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de maneira que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados profesionais (grao C) ou, na súa falta, especificaranse os módulos profesionais da ocupación (grao B), indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos, así como, de ser o caso, as accións formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 16 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da formación, prácticas profesionais e, se é o caso, os contratos do obradoiro dual de emprego.

• Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión das previsións, o máis concretas posible, de inserción laboral do alumnado-traballador participante ao finalizar a súa participación no proxecto.

e) De ser o caso, compromisos de solicitude de incentivos á contratación por parte de empresas para ocupacións do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo de anexo IV.

f) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación ou documentación acreditativa equivalente. Para obter puntos por esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

g) De ser o caso, declaración responsable da entidade solicitante ou dalgunha das entidades asociadas ao respecto de ter sido afectada por incendios forestais no ano 2025, para os efectos do indicado no artigo 21.1.e).ii desta orde.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Contido do orzamento dos obradoiros duais de emprego

Para os efectos do previsto no artigo 15.2.d) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos máximos totais derivados da contratación do persoal formador, directivo e de apoio e do alumnado-traballador participante.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do obradoiro dual de emprego:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes do alumnado-traballador para a súa formación.

• Material de oficina.

• Alugamento de elementos de transporte, de instalacións, de maquinaria, e de equipamentos, excluído calquera tipo de alugamento con opción de compra, como o leasing.

• Gastos xerais.

Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do obradoiro dual de emprego durante todo o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

c) Se é o caso, importe derivado dos incentivos á contratación laboral de cada unha das persoas participantes nos obradoiros duais de emprego, segundo o establecido no artigo 32. Tamén se incluirá o importe derivado da elaboración pola entidade promotora dunha diagnose xustificativa ao respecto das especialidades formativas que se impartirán no obradoiro vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xustifiquen esa necesidade.

2. Orzamento de ingresos: expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a cal se lle solicita financiamento á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 31 desta orde, de alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo obradoiro dual de emprego.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I, e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio.

2. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

Artigo 20. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 10 días, xunto co informe técnico emitido polo departamento territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo nunha única fase. Así mesmo, os departamentos territoriais remitirán unha relación das solicitudes que resulten inadmitidas ou excluídas indicando expresamente as circunstancias concretas que lles afecten.

2. Para estes efectos, a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, que a presidirá, e serán vogais as persoas responsables das xefaturas do Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, a persoa titular do Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

3. Á vista dos informes técnicos emitidos polos departamentos territoriais e dos criterios de avaliación técnica establecidos no artigo 21 desta orde, a Comisión Central de Valoración valorará os proxectos.

Do resultado da reunión emitirase unha acta, que incluirá o anexo coas puntuacións obtidas en cada provincia polos distintos proxectos que cumpran cos requisitos para seren avaliados e o anexo coas solicitudes excluídas e a súa causa.

4. Non se propoñerán para a súa concesión aqueles proxectos de obradoiros duais de emprego que teñan unha axuda concedida ou con proposta de resolución favorable para a mesma finalidade pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos de obradoiros duais de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:

* Criterios relacionados coa calidade do proxecto e adecuación do plan formativo ás necesidades do mercado de traballo.

a) Obras ou servizos de interese xeral e social asociados ao proxecto, ata 4 puntos:

– En función da súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador: ata 2 puntos, correspondendo 2 puntos a un axuste idóneo entre as obras e servizos e a formación que se vai impartir e 1 punto para situacións intermedias.

– En función dos beneficios sociais que se prevexa xerar: ata 2 puntos, correspondendo 2 puntos se o beneficio social é alto e 1 punto para situacións intermedias.

b) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados profesionais, ata 6 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 1: 2 puntos.

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 2: 4 puntos.

• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 3: 6 puntos.

No caso de que sexa un proxecto en que se impartan certificados profesionais de distinto nivel, a puntuación non é acumulable e só se outorgará puntuación polo de nivel máis alto.

c) No caso de que a entidade promotora obtivese en convocatorias anteriores a concesión de incentivos de inserción laboral valorarase cun máximo de 8 puntos o número de contratacións laborais finalmente acreditadas en relación co número de compromisos achegados. Para estes efectos, sumaranse as contratacións xustificadas nas últimas 5 convocatorias finalizadas tanto polo concello promotor como, se é o caso, polos concellos asociados que desenvolvesen obradoiros en calidade de promotores nas ditas 5 convocatorias, e calcularase o seu peso porcentual respecto do número total de incentivos que lles foron concedidos. Os puntos deste criterio distribuiranse de acordo coa seguinte escala:

• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 80 % dos compromisos achegados coa solicitude: 8 puntos.

• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 65 % e ata o 80 % dos compromisos achegados coa solicitude: 7 puntos.

• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 50 % e ata o 65 % dos compromisos achegados coa solicitude: 6 puntos.

• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 35 % ata o 50 % dos compromisos achegados coa solicitude: 4 puntos.

• O número de contratos acreditados correspóndense cunha porcentaxe igual ou superior ao 20 % ata o 35 % dos compromisos achegados coa solicitude: 2 puntos.

• O número de contratos acreditados correspóndense cunha porcentaxe superior ao 10 % ata o 20 % dos compromisos achegados coa solicitude: 1 punto.

• O número de contratos acreditados correspóndense cunha porcentaxe igual ou inferior ao 10 % dos compromisos achegados coa solicitude: 0 puntos.

d) Formación relacionada coa familia agraria relacionada con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado; e tamén certificados profesionais da familia de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios, 20 puntos. O total dos puntos dividirase entre o número de especialidades impartidas. Os puntos que corresponden a cada especialidade outorgaranse cando o seu obxecto principal estea comprendido nos ámbitos mencionados nesta epígrafe. Se esta dedicación só afecta a parte da formación da especialidade, distribuiranse en función das horas que correspondan ás ditas materias.

e) Realización de obras ou servizos de interese xeral vinculados ao ámbito da prevención de lumes e restauración dos territorios afectados por incendios forestais do ano 2025, ata 8 puntos, segundo a seguinte desagregación:

i) Concellos afectados por grandes incendios forestais no ano 2025: 8 puntos. Estes concellos son os seguintes: A Cañiza, Agolada, A Gudiña, A Mezquita, A Rúa, A Teixeira, A Veiga, As Neves, Arbo, Avión, Baltar, Beade, Camariñas, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Dozón, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Leiro, Manzaneda, Melón, Montederramo, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Oímbra, Os Blancos, Pantón, Parada de Sil, Petín, Ponteceso, Quiroga, Ribas de Sil, Riós, Ribadavia, Rubiá, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, San Xoán de Río, Sober, Trasmiras, Toques, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia. Esta relación poderá ser obxecto de actualización na data de remate de presentación de solicitudes.

ii) Resto de concellos en que se produciron incendios forestais: 4 puntos. Para estes efectos, deberá achegarse declaración responsable da entidade solicitante en que se indiquen as datas en que se produciron os ditos incendios.

A puntuación das dúas epígrafes anteriores non é acumulable.

No caso de tratarse dunha solicitude de concellos asociados recibirá a puntuación da epígrafe i) ou ii) sempre que, polo menos, un dos concellos estivese nesa situación.

f) Entidades solicitantes que non promovesen proxectos de obradoiros de emprego durante os catro anos inmediatamente anteriores: 2 puntos.

g) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas pola persoa titular da intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ata 2 puntos. Para ese efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 €: 1 punto.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras sexa superior a 20.000 euros: 2 puntos.

* Criterios relacionados coas características das entidades solicitantes.

h) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde: 30 puntos.

i) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos. A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada no punto anterior.

j) Para concellos que concorran agrupados valórase cun máximo de 10 puntos a media do paro rexistrado no ano natural inmediatamente anterior ao da convocatoria no conxunto do ámbito territorial dos concellos agrupados de acordo coa seguinte escala:

• Media de paro entre 301 e 1.000 persoas: 2,5 puntos.

• Media de paro entre 1.001 e 2.000 persoas: 5 puntos.

• Media de paro entre 2.001 e 4.000 persoas: 7,5 puntos.

• Media de paro de máis de 4.000 persoas: 10 puntos.

A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada na alínea h).

k) Concellos que teñan a condición de Concello emprendedor, acreditada segundo o disposto no artigo 15.2.f) (20 puntos). No caso de que a solicitude estea presentada conxuntamente por agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade...) outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que reúnan tal condición.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos. No caso de que se manteña o empate, concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

3. O número máximo de alumnado para a formación e prácticas profesionais dos obradoiros duais de emprego que se financien con cargo a esta orde de convocatoria será de 20 e non se concederá a axuda para proxectos de menos de 10. Así mesmo, o número máximo de incentivos á contratación laboral por obradoiro dual de emprego que se financie con cargo a esta orde de convocatoria estará limitado polo número máximo de alumnado-traballador participante no obradoiro.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Resolución

1. Dentro dos catro meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva intervención, a persoa responsable do departamento territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ditará e notificará á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, especialidades que se impartirán e, se for o caso, número de incentivos á contratación laboral.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o financiamento dos custos sinalados no artigo 27 desta orde, facendo constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de catro meses sen que se notifique resolución expresa entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 38 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. En calquera caso, cando o ritmo de execución non se adecúe á distribución aprobada por anualidades da contía da subvención, poderá modificarse a resolución de concesión, de conformidade co disposto nos artigos 26 e 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

De forma potestativa, con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se o devandito acto for expreso, se non o for, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior e sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras posibles persoas interesadas.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Portal de emprego de Galicia (emprego.xunta.gal).

8. A medida que se vaia xerando dispoñibilidade de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.

Artigo 24. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais tramitarase por medio dunha solicitude realizada por medios electrónicos acompañada dunha memoria segundo o previsto no artigo 15.2.d). Para estes efectos, terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, os departamentos territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas responsables dos departamentos territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para seren resoltas polo departamento territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á devandita dirección xeral para a súa constancia.

4. A execución das actuacións ou cambios de especialidades formativas obxecto da solicitude de modificación dun proxecto non se poderán iniciar antes da resolución deste procedemento.

CAPÍTULO VI
Financiamento e gastos subvencionables

Artigo 25. Financiamento da subvención

1. O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións 14.03.322A.460.2 (proxecto 2014 00543) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polo importe de 34.209.845,00 euros na anualidade 2026 e 11.403.282,00 euros na anualidade 2027.

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2 (proxecto 2014 00543) ou as equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

Os incentivos á contratación laboral serán financiados con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do exercicio 2027, a través da aplicación 14.03.322A.460.1 (proxecto 2014 00543) ou equivalente por un importe de 2.500.000,00 euros.

As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que poidan establecerse na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Distribuirase en primeiro lugar o crédito destinado á formación e práctica profesional, por orde de puntuación de acordo coa aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 21. A continuación, distribuirase entre as entidades locais beneficiarias da fase anterior o crédito destinado aos incentivos á contratación, por orde de puntuación, ata o seu esgotamento. A suma dos importes distribuídos para cada entidade constituirá un programa único de formación, práctica profesional e, se é o caso, incentivos á contratación en empresas.

3. Do importe total máximo convocado para os obradoiros duais de emprego destinaranse 20 millóns de euros para o financiamento de obradoiros duais de emprego dirixidos á formación en certificados profesionais da familia profesional agraria relacionados con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado; e tamén certificados profesionais da familia profesional de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios. Nesta reserva incluiranse os programas que teñan como obxectivo a restauración, recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros e os de xestión de masas consolidadas de frondosas autóctonas.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2020-2024, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

5. A concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución, para os efectos do disposto no artigo 25. 2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

Artigo 26. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte ou a totalidade do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 15.2.d) desta orde.

Artigo 27. Gastos subvencionables

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para este programa, e que se determinarán na resolución que aprobe o proxecto, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriban co alumnado.

c) Se é o caso, os incentivos á contratación laboral.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de alumnado participante e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 28. Subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de ser subvencionados:

a) Os gastos salariais derivados do persoal formador, directivo e de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As amortizacións de instalacións e equipamentos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

d) As viaxes para a formación do alumnado traballador.

e) Gastos de viaxes do persoal formador e directivo do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular do departamento territorial.

f) Os materiais de oficina.

g) Os útiles e ferramentas, sendo subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado, e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.

h) Alugamento de elementos de trasporte, de instalacións, de maquinaria e de equipamentos, excluído calquera tipo de alugamento con opción de compra, como o leasing, que resulten necesarios para a formación do alumnado, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

i) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

j) Os gastos xerais como os correspondentes ao consumo de auga, calefacción, comunicacións, limpeza, luz e transportes, excluídos os derivados da súa instalación e conexión.

k) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario axeitado de traballo do persoal participante no obradoiro.

l) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do obradoiro dual de emprego durante o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

m) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos, sempre que se produza durante o desenvolvemento do obradoiro e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel. Xunto coa xustificación achegarase un informe asinado pola persoa que desempeñe a dirección do obradoiro en que se acrediten as mencionadas circunstancias.

n) Gastos destinados á cobertura das medidas de inclusión e igualdade de oportunidades que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.

ñ) Gastos asociados á adaptación de postos de traballo e/ou axustes razoables precisos para garantir a participación das persoas con discapacidade que non impliquen gastos de investimento non subvencionables de acordo co punto seguinte.

o) Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

2. Non poderán financiarse con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos, cesamentos ou finalizacións de contratos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non desfrutadas durante a duración do proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugamentos de edificios, locais, naves, aulas ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 29. Cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno/alumna de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Mecanismo de Equidade Interxeracional, Fondo de Garantía Salarial e Desemprego.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 4,49 euros/hora/participante para o módulo A e de 1,27 euros/hora/participante para o módulo B.

3. A contía dos devanditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dunha persoa docente a xornada completa por cada dez alumnas ou alumnos. O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnas e alumnos e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Artigo 30. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos formativos que a entidade promotora subscriba co alumnado participante nos obradoiros duais de emprego, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.

Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e desemprego previstas para os devanditos contratos na súa normativa específica.

Computaranse como custo salarial subvencionable as situacións en que non se presta servizo efectivo como as ausencias xustificadas e os períodos de baixa por incapacidade temporal polos gastos non compensados pola Seguridade Social que sexan asumidos pola entidade beneficiaria.

Os incrementos debidos ás variacións do importe do salario mínimo interprofesional e as cotizacións sociais poderanse financiar con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2, proxecto 2014 00543, ou os equivalentes nos orzamentos vixentes no exercicio en que se produzan.

Artigo 31. Produción de bens e servizos

Cando os obradoiros duais de emprego, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos deberán aplicarse ás actividades do obradoiro dual de emprego e deberá quedar constancia documental e contable tanto dos ingresos obtidos como do seu destino.

Artigo 32. Subvención para incentivos á contratación

No caso de que a entidade promotora achegue compromisos de contratación en empresas que cumpran os requisitos do capítulo IV desta orde, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará un importe fixo de 3.000 euros por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa. Así mesmo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subvencionará a entidade promotora cun importe de 1.500 euros por cada unha das ditas insercións acadadas.

Ademais, a entidade promotora poderá ter dereito a percibir un importe de 2.000 euros pola realización dunha diagnose xustificativa ao respecto das especialidades formativas que se impartirán no obradoiro vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xustifiquen esa necesidade. Esa diagnose xustificativa constará dun mínimo de 10 páxinas e recollerá, como mínimo, o seguinte contido:

– Contextualización socioeconómica do ámbito territorial en que se desenvolve o obradoiro.

– Diagnose de necesidades de cobertura de postos de traballo, con base en entrevistas con empresas do ámbito territorial en que se vai desenvolver o obradoiro, así como con outros axentes clave do territorio. A xustificación destas necesidades acreditarase documentalmente a través de cartas de compromiso asinadas por algunha das entidades entrevistadas en que conste a súa colaboración para facilitar a inserción laboral das persoas participantes no programa.

– Xustificación da pertinencia das especialidades formativas que se impartirán no obradoiro en relación coas necesidades detectadas no tecido produtivo desa área xeográfica.

– Impacto que se agarda a nivel de insercións laborais das persoas participantes no obradoiro.

– Xustificación da programación de visitas guiadas a empresas con, polo menos, o 25 % das persoas participantes no obradoiro.

– Xustificación da organización de entrevistas de cara a posibles insercións laborais con, polo menos, o 20 % das persoas participantes no obradoiro.

– Conclusións.

CAPÍTULO VII
Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 33. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles aos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

2. Con respecto á formación e práctica profesional dos obradoiros duais de emprego:

a) Unha vez ditada e notificada a resolución de concesión do obradoiro dual de emprego, a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo de ata o 100 % da anualidade 2026, sempre que a dita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade 2026, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria. Tendo en conta que as entidades beneficiarias da subvención teñen a condición de Administración pública, non é necesaria a constitución de garantías para o cobramento do anticipo.

O importe aboado no ano inicial poderá ser inferior cando se considere, en función da data de inicio efectiva e, se é o caso, das previsións achegadas polas entidades beneficiarias, que o gasto realizado nese ano vai ser inferior ao importe do pagamento máximo do anticipo. Neste caso, unha vez efectuado o correspondente axuste de anualidades, a cantidade non aboada neste primeiro anticipo sumarase ao importe que teña dereito a percibir na segunda anualidade.

No caso de que o gasto realizado sexa superior ao importe concedido ou aboado con cargo á primeira anualidade, o exceso de gasto realizado pola entidade beneficiaria entre o 1 de outubro e o 31 de decembro da primeira anualidade poderá ser xustificado e aboado con cargo ao orzamento da segunda anualidade da subvención concedida.

Antes do 30 de xaneiro de 2027 a entidade promotora presentará a comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2026 da forma e cos requisitos previstos nos artigos seguintes referidos á liquidación.

b) O importe ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 34 e 35 desta orde.

3. Con respecto aos incentivos á contratación, unha vez formalizados a resolución de concesión da axuda á empresa e os contratos acreditativos das contratacións realizadas, aboaráselle á entidade promotora o 100 % do importe da subvención do proxecto por este concepto de incentivo.

4. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 34. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A entidade promotora remitirá ao correspondente departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, achegarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos obradoiros duais de emprego deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social. Para a xustificación dos custos salariais do alumnado participante, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de Seguridade Social, tanto do alumnado-traballador como do persoal formador, directivo e de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos individualizados dos gastos efectuados xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario), así como unha certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente, en que se relacionen todos os xustificantes, individualizados, dos gastos realizados, así como a data do seu pagamento.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

4. A xustificación dos gastos comprendidos no módulo B realizarase mediante a presentación polas entidades promotoras dunha certificación expedida pola intervención ou polo órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade en que conste expresamente que os gastos imputados ao programa foron realizados e pagados dentro do período de xustificación. A certificación incluirá unha relación de gastos totalizada e co seguinte detalle: nome e NIF do/da acredor/a; número e, de ser o caso, serie da factura; concepto; importe; data de emisión da factura e data de pagamento.

5. Respecto da xustificación dos incentivos á contratación, as entidades promotoras deberán presentar as resolucións de concesión das axudas e as copias dos contratos de traballo acreditativos das contratacións realizadas, que deberán reunir as condicións establecidas nesta orde en canto a ocupación, duración mínima de 3 meses e xornada completa. No que atinxe á xustificación da elaboración dunha diagnose xustificativa a respecto das especialidades formativas que se impartirán no obradoiro vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xustifiquen esa necesidade, achegarse copia da dita diagnose co contido mínimo indicado no artigo 32 desta orde.

6. A documentación deberá achegarse á solicitude de transferencia de fondos, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

7. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro, cuxo prazo non poderá exceder a data límite de 1 de maio de 2027. No referente á xustificación dos incentivos á contratación, o prazo de xustificación non poderá exceder a data límite de 30 de setembro de 2027.

Artigo 35. Liquidación do expediente

1. Dentro do prazo establecido no artigo anterior para a xustificación final, a entidade promotora remitirá ao departamento territorial correspondente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e en que se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Anexo de liquidación e cadro resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia dos certificados de aproveitamento, en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

2. Logo de verificada a xustificación presentada, e en caso de acordo, o departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e aboará as cantidades previstas no artigo 33 desta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, o departamento territorial descontará do pagamento da porcentaxe restante as cantidades non xustificadas.

3. Revisada a xustificación e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o departamento territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

Artigo 36. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada nos obradoiros duais de emprego, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder o importe que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto. Igualmente, asimilaranse as horas de formación efectivamente impartidas ás correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos desfrutados, durante o período de duración do proxecto, polo alumnado participante, establecidos legal ou convencionalmente.

CAPÍTULO VIII
Obrigas, seguimento e control

Artigo 37. Obrigas das entidades promotoras

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumpriren as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan e en calquera outra normativa que poida ser de aplicación.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Acreditar ante a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

d) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

e) Someterse ás actuacións de avaliación, supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á xestión e tramitación administrativa do obradoiro dual de emprego no seu conxunto e dos incentivos á contratación, así como as previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

f) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación e conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

h) Comunicar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude, así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

i) Remitir ao departamento territorial correspondente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración copia dos certificados de aproveitamento, nos cales conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

j) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes no desenvolvemento do proxecto.

k) Procurar, na execución do obradoiro, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

l) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, a sede do proxecto, así como as actividades e as obras e servizos que se realicen, tendo en conta que as súas actividades de publicidade e divulgación se adecuarán á normativa correspondente. Así mesmo, nas realizacións de carácter permanente que leven a cabo os obradoiros duais de emprego colocarase unha placa identificadora, seguindo os modelos e características que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, na cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego.

m) Formar as persoas participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plano formativo e contratar o alumnado participante, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

n) Proporcionar, directamente ou mediante achegas doutras entidades u organismos, a parte do custo do proxecto que non subvencione o Servizo Público de Emprego. Os gastos subvencionados e, se é o caso, bolsas do alumnado, poderán estar cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

ñ) Cumprir co establecido no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

o) Prover o alumnado-traballador do equipamento indispensable, que deberá estar dispoñible para o seu uso no momento en que sexa necesario para o correcto desenvolvemento do proxecto formativo.

p) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

q) As entidades beneficiarias achegarán a documentación e introducirán os datos correspondentes á xestión do programa a través da aplicación informática SIFO, que a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, mediante comunicación previa, poñerá á disposición destas.

Artigo 38. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde, así como na demais normativa aplicable ao programa de obradoiros duais de emprego e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento e, se for o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida no artigo 34 para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial no momento do seu vencemento: reintegro de ata un 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 37.l): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou epígrafe específica establecida no artigo 37.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 37.f): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. No caso de que se produzan reintegros de importes aboados a empresas en concepto de incentivo, as entidades promotoras comunicarán os reintegros realizados e reintegrarán os ditos importes á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

4. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 39. Asesoramento, seguimento e avaliación

1. Os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asesoramento, seguimento e control da xestión dos obradoiros duais de emprego, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, se for o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo, tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como ao propio obradoiro dual de emprego na realización das actividades para as cales se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos obradoiros duais de emprego a información referente ao alumnado participante, persoal formador, directivo e de apoio, ás empresas receptoras dos incentivos á contratación, e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos, as entidades promotoras deberán realizar as seguintes tarefas:

– Facilitar ao alumnado o cuestionario para a avaliación da calidade dos obradoiros duais de emprego, segundo o procedemento e o modelo que se facilite desde a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

– Aos seis e doce meses da súa finalización, remitir, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, así como unha base de datos coa información dos devanditos cuestionarios, segundo o modelo que se facilite desde a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

– Proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade.

Artigo 40. Canle de denuncias

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Artigo 41. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa responsable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos directores e nas directoras territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Criterios para cumprir os obxectivos do Servizo Público de Emprego de Galicia

Mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderán establecerse os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional cuarta. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file