DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 28 de novembro de 2025 Páx. 61416

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 13 de maio de 2024.

Mediante a Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, convocouse concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 94, do 15 de maio).

Posteriormente, mediante a Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 224, do 19 de novembro), incorpórase un requisito indispensable a postos que comportan un trato repetido, directo e regular e non meramente ocasional con nenos, nenas ou adolescentes conforme o regulado na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia (BOE núm. 134, do 5 de xuño), que afecta os postos ofertados na convocatoria do concurso.

Polo exposto e en vista da proposta da comisión encargada de valorar os méritos alegados polas persoas concursantes e de conformidade coa base IX da convocatoria, esta dirección xeral, no uso da competencia delegada pola Consellería de Facenda e Administración Pública en virtude do disposto no artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro),

RESOLVE:

Primeiro. Actualizar os postos ofertados co requisito indispensable de conformidade coa Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 224, do 19 de novembro).

A relación de postos publícase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta

Segundo. Publicar as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta

Terceiro. As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente ata o 15 de decembro de 2025. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, e deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base IV da convocatoria (tramitación electrónica) https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions/

A reclamación deberá especificar a alínea ou as alíneas da base III sobre as que se reclama, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e a causa concreta obxecto de reclamación.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal