DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 28 de novembro de 2025 Páx. 61461

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Dumbría (expediente IN407A 2023/160-1-modificado M1).

Expediente: IN407A 2023/160-1 Modificado M1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Modificado M1 proxecto LMTS, CT e RBT Ézaro.

Concello: Dumbría.

Feitos:

1. O día 13.5.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de reflectir un cambio de situación do centro de transformación de 100 kVA previsto no proxecto inicial, proxéctase instalalo nunha localización diferente dentro da mesma parcela.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Modificado M1 proxecto LMTS, CT e RBT Ézaro, asinado o día 10.4.2025 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Dumbría, Axencia Galega de Infraestruturas e servizos de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 5.11.2025 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Ézaro, concello de Dumbría, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 594 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x150) mm² Al, coa orixe no novo CT Ézaro proxectado (CT_1), que substituirá ao CT Ézaro (15XB62, expediente 2.861) existente, e remate no CTC proxectado (CT_2), ambos alimentados pola LMT POT804, procedente da subestación Pontella. O condutor discorrerá entubado por canalización baixo calzada e beirarrúa, sendo necesaria a instalación dun PAR.

– (CT_1) novo CT Ézaro compacto prefabricado, cunha potencia de 630 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L+1P. Desmantelamento do CT Ézaro (15XB62, expediente 2.861) en envolvente de obra civil existente.

– (CT_2) CT compacto prefabricado tipo rural, cunha potencia de 100 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 1L+1P.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

b) As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás se xustifique algunha das excepcións indicadas no antedito artigo 13.

c) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 5 de novembro de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña