DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 28 de novembro de 2025 Páx. 61472

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se acepta a renuncia dunha autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica (expediente IN407A 2024/87-2).

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Repotenciación CTI Souteiro (27AX18)-lugar de Currás, s/n (Friol).

Concello: Friol.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 29.4.2024 (número de rexistro de entrada 2024/1438270), a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Repotenciación CTI Souteiro (27AX18)-lugar de Currás, s/n (Friol).

Segundo. O 3.10.2024, este departamento territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 28 de outubro de 2024.

Terceiro. O 30.10.2024 (número de rexistro 2024/3387371), UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou un escrito de renuncia á autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da devandita instalación eléctrica.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. No artigo 94.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese que todo interesado poderá desistir da súa solicitude ou, cando non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos.

Segundo. No artigo 94.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sinálase que a Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia e declarará concluso o procedemento salvo que, despois de comparecer nel terceiras persoas interesadas, instasen estas a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificadas da desistencia ou renuncia.

Á vista dos preceptos citados e unha vez analizado o expediente, considerando que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.

Este departamento territorial, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto a Resolución deste departamento territorial, do 3.10.2024, de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción.

Segundo. Declarar rematado o procedemento, así como o arquivamento do expediente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se xulguen pertinente.

Lugo, 14 de novembro de 2025

Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo