Na sesión do 28 de novembro de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 24 de febreiro de 2025 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1), escala superior de finanzas (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),
ACORDOU:
Primeiro. Mediante a Resolución do 26 de agosto de 2025 convocouse, segundo o previsto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, o terceiro exercicio do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, e o primeiro exercicio do devandito proceso, pola quenda de promoción interna, para o acceso ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.
De conformidade co disposto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, o exercicio do proceso selectivo consiste, tanto no caso de acceso libre como por promoción interna, de dúas probas: a primeira consiste na resolución por escrito dun cuestionario de dez preguntas e a segunda na resolución, á elección do aspirante, de tres casos prácticos de dereito tributario ou de dereito orzamentario.
En virtude do previsto nas citadas bases, por acordo deste tribunal do 28 de agosto de 2025, establecéronse os seguintes criterios de corrección, valoración e superación do exercicio:
a) A primeira proba consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas.
Esta primeira proba cualificarase de 0 a 15 puntos (0 a 30 puntos no caso da promoción interna [PI]). Cada unha das 10 preguntas terá unha puntuación máxima de 1,5 puntos (3 puntos en PI). As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.
O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes valorando nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, así como a súa exposición estruturada e axustada á literalidade das referencias normativas aplicables.
O tempo máximo de duración desta proba será dunha (1) hora e trinta (30) minutos.
b) A segunda proba consistirá na resolución, á elección da persoa aspirante, de tres (3) supostos prácticos de dereito tributario, ou ben de tres (3) supostos prácticos de dereito orzamentario.
Esta segunda proba cualificarase de 0 a 15 puntos (0 a 30 puntos en PI). Cada suposto práctico de dereito tributario terá a valoración de 5 puntos como máximo (10 puntos en PI). Cada suposto práctico de dereito orzamentario terá a valoración de 5 puntos como máximo (10 puntos en PI). Os supostos non contestados non penalizan nin reciben puntuación.
O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes valorando nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, tanto no contido como no razoamento seguido para a resolución dos supostos, así como a súa exposición estruturada e a referencia á normativa aplicable.
O tempo máximo de duración desta proba será de dúas (2) horas.
O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos (0 a 60 puntos en PI). Para superalo é necesario ter un mínimo de 15 puntos (30 puntos en PI). Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba e da segunda; suma que non terá lugar se a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos (12 puntos en PI), caso en que non se superará o exercicio.
Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas o 23 de setembro de 2025 ao primeiro exercicio do proceso selectivo pola quenda de promoción interna e ao terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal
Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.4.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025
Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal
