Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal do 8 de xullo de 2025 (DOG núm. 135, do 16 de xullo) convocouse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de varios corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral (análise de laboratorio, condución, cociña, mantemento, recursos naturais e forestais) e da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
A base VI da convocatoria establece que «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».
No anexo I da dita resolución publícanse os postos ofertados no concurso de traslados. Con todo, a Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 224, do 19 de novembro) incorpora un requisito indispensable a postos que comportan un trato repetido, directo e regular e non meramente ocasional con nenos, nenas ou adolescentes conforme o regulado na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia (BOE núm. 134, do 5 de xuño), que afecta postos ofertados na convocatoria do concurso.
Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso. Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico a que se accede a través da plataforma da canle de emprego público de Galicia (Fides).
Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, polo que as persoas que participan no concurso de traslados convocado deberán achegar a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na citada resolución a través da canle do emprego público de Galicia (Fides).
En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Obxecto e prazos
Publicar o prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e publicar o procedemento que se deberá seguir para xustificar a posesión dos méritos e requisitos específicos para o acceso aos postos.
O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de quince (15) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 3 de decembro ao 24 de decembro de 2025.
Segundo. Modificación do anexo I da Resolución do 26 de maio de 2025 de convocatoria
Modificar os postos ofertados na convocatoria para incorporar como requisitos indispensables aqueles establecidos na Resolución do 18 de novembro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 2025, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 224, do 19 de novembro).
Excluír o posto número 2310 relacionado no anexo desta resolución, incluído erroneamente no concurso por estar ocupado por persoal en destino definitivo.
Excluír o posto número 2317 relacionado no anexo desta resolución, por estar prevista a súa amortización.
A relación de postos publícase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta.
Terceiro. Solicitudes de elección de postos
Durante o prazo indicado no punto primeiro as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos cales se engaden as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publícase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente segundo o establecido na base IV, Tramitación electrónica.
Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.
As persoas concursantes que pediron na súa solicitude de participación a adaptación do posto de traballo deberán xuntar obrigatoriamente un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación do posto solicitado (artigo 10 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro).
Cuarto. Procedemento de acreditación de méritos e requisitos
1. A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, isto é, o 31 de xullo de 2025 de acordo coa Resolución do 8 de xullo de 2025.
2. Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.
Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.
3. As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico ao cal accederán a través da canle do emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal
Ao acceder á canle do emprego público de Galicia (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:
a) No suposto de que a persoa concursante estea conforme cos datos consultados non precisará realizar ningunha actuación.
b) No suposto de que a persoa concursante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou estaren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023.
c) A persoa concursante que non teña recollido no seu expediente electrónico persoal algún período da súa experiencia profesional interna na Xunta de Galicia ou que atope erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», poderá presentar alegacións a través do formulario de reclamacións que está á disposición no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na páxina https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions/ , que deberá cubrirse e presentarse electronicamente.
d) Os méritos que na data de publicación desta resolución se atopen incorporados no expediente electrónico no estado «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados para poder ser tidos en conta.
4. Para acreditar os méritos, as persoas concursantes presentarán a documentación que xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023. Isto é, se posúen documentos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas incorporaranas directamente no seu expediente electrónico persoal a través do enderezo https://fides.xunta.gal ou, cando os documentos orixinais figuren en formato papel, presentarán a documentación e o informe xerado en Fides, na pestana de actualización de méritos, de maneira presencial en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
5. O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.
6. Os méritos reflectidos no expediente electrónico persoal no estado de validados serán os que teña en conta a Comisión de Valoración do concurso e sempre referidos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.
7. Non se terán en conta neste proceso máis méritos que aqueles que figuren no expediente persoal electrónico das persoas aspirantes ao remate do prazo establecido no punto primeiro desta resolución. Consecuentemente, non resultarán baremables aqueles méritos que se presentasen ou acreditasen documentalmente con posterioridade a esta data.
Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirá, despois de rematado o prazo de acreditación de méritos e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non se recibise no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións ás puntuacións provisionais.
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
ANEXO
Postos que se exclúen da oferta
|
Posto |
Código do posto |
Nivel |
Grupos |
Corpo/escala |
Adm. pub /Áreas func. |
Denominación posto |
Consellería |
Centro directivo |
Centro destino |
Concello |
Titulacións requiridas |
Formación específica |
Observacións |
|
2310 |
ED.C99.50.201.32001.029 |
10 |
AP |
Xeral (escala de persoal subalterno) |
AXG |
Vixilante/a de arquivos, bibliotecas e museos |
CU |
Servizos periféricos |
Museo Ourense |
32001 |
Horario especial, xornada mañá ou tarde |
||
|
2317 |
ED.C99.50.301.15001.067 |
10 |
AP |
Xeral (esc. persoal limpeza e cociña e rec. nat.-esp. limpeza e cociña) |
AXG |
Limpador/a |
CU |
Servizos periféricos |
Arquivo do Reino de Galicia |
15001 |
Xornada mañá ou tarde |
