Antecedentes:
Primeiro. O 3 de novembro de 2025 a Federación Galega de Boxeo solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Segundo. Na Asemblea Xeral extraordinaria da Federación, do 31 de outubro de 2025, aprobouse a modificación do artigo 14.2, en que se remite á Lei do deporte de Galicia e demais normativa de aplicación, que regula o mandato e duración da Presidencia da Federación.
Terceiro. O 4 de novembro de 2025 requiriuse para que emendase a súa solicitude. A Federación emendou o requirimento o 10 de novembro, e achegar a versión final dos estatutos.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, así como as súas modificacións.
Segunda. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, e as súas modificacións, se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.
Terceira. A solicitude presentouse no rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 12 de novembro de 2025, que aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Boxeo, este propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Boxeo.
Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos da Federación Galega de Boxeo
TÍTULO I
Denominación, especialidades, domicilio, estrutura territorial, obxecto e funcións, normativa aplicable, impacto ambiental e neutralidade de xénero
Artigo 1. Denominación e especialidades
1. A Federación Galega de Boxeo é unha entidade privada con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é, mediante a integración de clubs deportivos, seccións deportivas, deportistas, técnicos-adestradores e xuíces-controladores, promover a práctica do boxeo como deporte principal, nas súas variantes de competición de boxeo olímpico e boxeo profesional. Tamén se inclúe o savate, nas súas variantes de competición de savate combat, savate assaut e savate pro, así como o lethwei nas súas variantes de competición amateur e profesional.
A Federación tamén ten por obxecto promover, regulamentar e organizar o boxeo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais das súas propias atribucións, exerce, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo, actuando neste caso como axente colaborador da Comunidade Autónoma galega baixo a súa tutela e coordinación.
2. A Federación ten a consideración de entidade de utilidade pública, nos termos establecidos na lexislación.
Artigo 2. Domicilio
O domicilio social actual establécese na praza de Agustín Díaz, 1, na Coruña e pode ser cambiado de localidade ou de provincia, dentro sempre do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por acordo de dous terzos dos membros asistentes á Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva.
Artigo 3. Estrutura territorial
A estrutura territorial da Federación, que adoptará calquera das modalidades legalmente permitidas, determinarase, se é o caso, polo correspondente regulamento de desenvolvemento destes estatutos.
Artigo 4. Obxecto e funcións
1. A Federación exerce como funcións propias as seguintes:
a) Convocar as seleccións deportivas e designar os deportistas que as integren.
b) Promover o boxeo e as súas especialidades oficialmente recoñecidas.
c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.
d) De ser o caso, e conforme a normativa que sexa aplicable, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Elaborar as súas propias normas técnicas e regulamentos deportivos.
f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de técnicos-adestradores e xuíces-controladores, segundo a normativa que sexa aplicable.
g) Fomentar a participación no deporte das persoas con algunha discapacidade.
2. A Federación exerce como funcións públicas delegadas, en réxime de exclusividade, as seguintes:
a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas do deporte do boxeo e das súas especialidades, consonte a normativa que sexa de aplicación.
b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.
c) Expedir licenzas deportivas nos termos establecidos na lexislación vixente.
d) Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.
e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento destes estatutos.
f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola Lei 3/2012, do 2 abril, do deporte de Galicia, e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo con estes estatutos e regulamentos de desenvolvemento.
g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a Federación instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se substancien, consonte o establecido na lexislación vixente.
i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.
3. A Federación fomentará a práctica do boxeo e o das súas especialidades oficialmente recoñecidas, tanto na súa vertente amateur, como semiprofesional e profesional.
4. A Federación empregará preferentemente, para o cumprimento dos seus obxectivos e funcións, as novas tecnoloxías da información e da comunicación, a través do seu propio sitio web.
Artigo 5. Normativa aplicable
A Federación regulará a súa estrutura e funcionamento de acordo cos principios de representación e participación democrática, e rexerase pola Lei 3/2012, do 2 abril, do deporte de Galicia, estes estatutos e os seus regulamentos de desenvolvemento.
Artigo 6. Impacto ambiental
A Federación adoptará a premisa de respecto e conservación da natureza. Fomentará a educación ambiental entre os deportistas e adoptará cantas medidas estean ao seu alcance co fin de salvagardar o patrimonio natural durante o desenvolvemento das súas actividades.
Artigo 7. Neutralidade de xénero
1. Pola propia natureza do deporte do boxeo, a Federación axustarase na ordenación desta modalidade deportiva ao principio de neutralidade de xénero, fomentando así mismo a organización e práctica desta modalidade deportiva con suxeición aos principios establecidos no artigo 29 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
2. Consonte as regras e guías da IOF, a Federación organizará as súas competicións deportivas de xeito que as orientadoras poidan competir nas categorías de deportistas.
3. Todas as referencias que se realicen nestes estatutos a persoas de xénero masculino entenderanse feitas así mesmo, en condicións de plena igualdade, a persoas de xénero feminino.
TÍTULO II
Dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Boxeo
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 8. Principio democrático
A Federación axusta o seu funcionamento interno ao principio democrático baseado nas eleccións reguladas no seu propio regulamento electoral, nos termos previstos no artigo 5 destes estatutos.
Artigo 9. Regulamento electoral e procedemento de designación da Xunta Electoral
1. O Regulamento electoral da Federación será aprobado pola Asemblea Xeral e remitido á Administración autonómica, para a súa aprobación, con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.
2. O dito regulamento regulará as seguintes cuestións:
a) Calendario electoral: prazos, requisitos para presentación e reclamacións de candidatos, sí como sistemas de desempate e reclamacións.
b) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral e das mesas electorais.
c) Censo electoral, dividido por circunscricións electorais, de existiren estas, con garantía da súa posta á disposición dos candidatos en cada caso.
d) Número de membros da Asemblea Xeral e distribución destes por estamentos.
e) Circunscricións electorais, de ser o caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha.
f) Regulación do voto por correo.
g) Sistema de elección do presidente.
h) Composición e sistema de elección da Comisión Delegada.
i) Procedemento de resolución de conflitos, reclamacións e recursos electorais.
3. A Xunta Electoral constituirase de forma simultánea á convocatoria de eleccións e estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura, que deberá facerse na mesma Asemblea Xeral en que teña lugar a súa elección, podendo estar os candidatos presentes nela. Os membros da Xunta Electoral deberán reunir os requisitos seguintes:
a) Ser maior de 18 anos.
b) Non presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral.
c) Non ter relación contractual ou profesional coa Federación.
d) Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.
No caso de non presentación de candidatos a membros da Xunta Electoral, o presidente da Federación proporá á Asemblea Xeral os membros necesarios para completala, que deberán reunir os requisitos definidos no punto anterior. No acto de sorteo designarase, ademais, o número de suplentes establecidos para supostos de enfermidade o calquera outra causa excepcional.
4. Para as primeiras eleccións á Asemblea Xeral aplicarase a normativa a que se refire a disposición transitoria única destes estatutos.
Artigo 10. Órganos colexiados e órganos unipersoais
1. Os órganos de goberno e representación da Federación poden ser colexiados e unipersoais.
2. Son órganos colexiados da Federación a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e a Xunta Directiva.
3. Son órganos unipersoais da Federación o presidente, o secretario e o tesoureiro.
CAPÍTULO II
Dos órganos colexiados
Artigo 11. A Asemblea Xeral
1. A Asemblea Xeral é o máximo órgano de representación e goberno da Federación, e nela estarán representados os seguintes estamentos:
a) Clubs deportivos.
b) Deportistas.
c) Xuíces-controladores.
d) Técnicos-adestradores.
e) Outros colectivos.
2. A Asemblea Xeral estará composta por membros elixidos entre e polos distintos estamentos arriba mencionados. A representación na Asemblea Xeral dos distintos estamentos responderá ás proporcións establecidas na lexislación aplicable, segundo o disposto no regulamento correspondente.
3. A elección para a Asemblea Xeral levarase a cabo de acordo coas regras establecidas na lexislación aplicable e no Regulamento electoral.
4. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, por e entre os integrantes maiores de 18 anos de cada estamento, consonte o número e proporcións de representación que se establecen nestes mesmos estatutos e no Regulamento electoral, nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. A representación dos clubs corresponde ao seu presidente ou persoa autorizada, de acordo cos seus propios estatutos. O exercicio dos dereitos dos deportistas, dos técnicos-adestradores e dos xuíces-controladores é persoal, e non admite delegación ningunha. Ningún membro da Asemblea poderá desempeñar unha dobre representación nela.
5. A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.
6. A Asemblea Xeral deberá ser convocada, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao ano, necesariamente antes de comezar unha nova tempada deportiva, polo menos co obxecto de:
a) Aprobar o novo orzamento.
b) Liquidar o anterior orzamento.
c) Aprobar o calendario deportivo e as normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexerán a competición.
d) Aprobar a memoria de actividades anuais.
7. A Asemblea Xeral poderá ser convocada, con carácter extraordinario, polo presidente ou por proposta dun número dos seus membros non inferior ao 25 %.
Presentada a solicitude de convocatoria polo número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de realización da Asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.
A convocatoria, que deberá conter a orde do día da reunión, notificarase individualmente a cada un dos membros da Asemblea cunha antelación mínima de 48 horas, por calquera medio que permita ter constancia da súa data de recepción. Así mesmo, farase pública na páxina web da Federación, con 10 días de antelación á data de realización.
8. A Asemblea Xeral poderá reunirse en pleno ou en comisión delegada.
9. Son competencias da Asemblea Xeral, en reunión plenaria, con carácter exclusivo:
a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.
b) A aprobación do calendario deportivo e das normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexerán a competición.
c) A aprobación dos regulamentos.
d) A aprobación e a modificación dos estatutos.
e) A elección e o cesamento do presidente.
f) A disolución da Federación, que deberá ser acordada por decisión dos dous terzos de todos os seus membros.
g) Calquera outra que estea prevista nestes estatutos e, en xeral, todas aquelas que non estean atribuídas expresamente a outros órganos da Federación.
10. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto, salvo o correspondente aos clubs deportivos, que poderá exercer o seu presidente ou a persoa en que delegue, sempre que non sexa membro da Asemblea da Federación, de acordo co seus propios estatutos e con carácter expreso e escrito para cada reunión.
11. Os acordos serán adoptados, como regra xeral, por maioría simple, salvo naqueles casos en que sexa precisa maioría cualificada, consonte estes estatutos e regulamentos que os desenvolvan. Redactarase acta de todos os acordos, en que se especificarán os nomes das persoas que intervirán e mais as demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado da votación e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.
Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que poidan derivar, de ser o caso, dos devanditos acordos.
Todos os acordos serán públicos, salvo que, excepcionalmente, se acorde o contrario por maioría de tres cuartas partes dos membros do órgano decisorio.
Os acordos da Asemblea Xeral poderán ser impugnados ante a Administración deportiva autonómica, consonte o disposto na lexislación vixente.
Artigo 12. A Comisión Delegada
A Comisión Delegada será elixida entre e pola Asemblea Xeral mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. Será presidida polo residente da Federación como membro nato dela. Estará composta por, polo menos, por cinco membros, debendo estar representados todos os estamentos, respectándose a proporcionalidade da Asemblea Xeral. O procedemento de elección será o fixado polo Regulamento electoral da Federación.
Artigo 13. A Xunta Directiva
1. A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión ordinaria da Federación e os seus membros, son designados e separados libremente polo Presidente, que a presidirá.
2. Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.
3. Todos os cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da Asemblea Xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación.
4. Os membros da Xunta Directiva deberán estar en posesión da licenza federativa.
5. As funcións da Xunta Directiva son, entre outras:
a) Organizar, impulsar, desenvolver e adaptar o programa deportivo, as actividades e mais o calendario de competición da Federación.
b) Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral.
c) Desenvolver o orzamento xeral anual aprobado pola Asemblea Xeral, así como a xestión económica e administrativa da Federación.
CAPÍTULO III
Dos órganos unipersoais
Artigo 14. O presidente
1. O presidente é, xunto coa Asemblea Xeral, o órgano de goberno da Federación. Exerce a súa representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno, e executa os seus acordos.
2. A duración, o número de mandatos e o procedemento de elección da Presidencia será o establecido na Lei do deporte de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no Regulamento electoral. Non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa. Non poderá exercer simultaneamente a presidencia dun club deportivo integrado na Federación.
3. En caso de ausencia ou incapacidade temporal, o presidente será substituído polo vogal da Xunta Directiva designado polo propio presidente e, na súa falta, polo vogal de maior idade.
4. O presidente da Federación exercerá as seguintes funcións:
a) Presidir e dirixir os órganos de goberno e representación de que forme parte.
b) O voto de calidade, en caso de empate, naquelas decisións que se adopten nos órganos que preside.
c) Estimular e coordinar a actuación dos órganos federativos.
d) Ordenar pagamentos a nome da Federación, e asinar co tesoureiro os documentos para o efecto.
e) Conferir poderes especiais ou xerais a letrados, procuradores ou calquera outra persoa mandataria para que desempeñe a súa representación legal, tanto en xuízo como fóra del.
f) Designar e separar o secretario e o tesoureiro, así como os demais membros da Xunta Directiva.
5. O presidente da Federación cesará no seu cargo polos motivos seguintes:
a) Expiración do prazo de mandato.
b) Renuncia, morte ou incapacidade.
c) Incorrer nalgunha das causas de inelixibilidade establecidas nestes estatutos.
d) Aprobación da moción de censura, que será sempre construtiva.
6. Producido o cesamento do presidente por calquera das causas establecidas, excluída a moción de censura, o presidente en funcións convocará a Asemblea Xeral nun prazo non superior a un mes, e a realización de eleccións deberá ser anterior ao transcurso de dous meses desde o seu cesamento.
7. A moción de censura deberá ser proposta por, polo menos, o 45 % dos membros da Asemblea Xeral.
Presentada a moción de censura, o presidente enviará a convocatoria da Asemblea extraordinaria en prazo non superior a 10 días naturais. Entre a data da súa convocatoria e a votación da moción de censura non poden transcorrer mais de 20 días naturais.
A moción de censura considerarase aprobada polo voto favorable da maioría absoluta dos membros da Asemblea Xeral, e resultará elixido presidente o membro da Asemblea que figurase como candidato na proposta.
Se a moción de censura é rexeitada pola Asemblea Xeral, os seus asinantes non poderán presentar outra moción ata que transcorra un ano.
Artigo 15. O Secretario
1. O secretario, que o será tamén da Xunta Directiva, será designado e separado polo presidente.
2. O secretario exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente, as de:
a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.
b) Expedir as certificacións oportunas dos acordos adoptados dos órganos de goberno e representación.
c) Cantas funcións lle encomenden estes estatutos e os regulamentos da Federación, así como a lexislación vixente.
Artigo 16. O tesoureiro
O tesoureiro será designado e separado polo presidente, e o nomeamento poder recaer no secretario. O tesoureiro exercerá as funcións de:
a) Levar a contabilidade da Federación.
b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da Federación.
c) Elaborar e presentar balances do estado contable da Federación.
d) Calquera outra función que lle encomenden estes estatutos e mais os regulamentos da Federación.
TÍTULO III
Requisitos de adquisición ou perda da condición de federado, réxime de concesión de licenzas federativas e condicións destas, e dereitos, deberes e responsabilidades de todos os seus integrantes
Artigo 17. Requisitos de adquisición ou perda da condición de federado, e réxime de concesión de licenzas federativas e condicións destas
1. Os clubs deportivos que teñan entre os seus fins a práctica e promoción do deporte do boxeo en calquera das súas especialidades integraranse, por petición propia, na Federación, e deben cumprir os seguintes requisitos:
a) Solicitude de admisión mediante instancia dirixida ao presidente.
b) Número de inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
2. A admisión dun club non comportará, baixo ningún concepto, en principio, ingreso económico á Federación e en igualdade de dereitos que o resto de clubs deportivos.
3. Os deportistas, técnicos-adestradores e xuíces-controladores que teñan entre a súa práctica ou especialidade o deporte do boxeo poderán integrarse na Federación por vontade propia. A devandita integración producirase mediante a concesión de licenzas. As licenzas serán tramitadas e expedidas pola Federación. As licenzas expedidas pola Federación axustaranse á súa regulación específica. As licenzas tramitadas e expedidas pola Federación axustaranse, de ser o caso, ao disposto nun regulamento de desenvolvemento destes estatutos.
4. As licenzas deberán ser emitidas e postas á disposición do solicitante ou, se é o caso, denegadas motivadamente, no prazo máximo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da entrada na Federación da solicitude debidamente formalizada.
O cómputo do referido prazo suspenderase polo tempo que medie, sé o caso, entre o requirimento de emenda e a correspondente emenda por parte da persoa interesada.
5. Calquera solicitude de licenza entenderase outorgada por silencio positivo, se non se notifica resolución expresa no prazo indicado.
6. A perda da condición de federado producirase nos termos establecidos pola lexislación vixente.
Artigo 18. Dereitos dos federados
1. Os federados teñen dereito a non seren discriminados por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
2. Con carácter xeral, todos os federados teñen o dereito a recibir a tutela da Federación respecto aos seus intereses deportivos lexítimos, así como o de participar nas súas actividades e no seu funcionamento, a través dos medios e das canles establecidas.
3. Igualmente, poderán participar na súa xestión, sendo electores e elixibles para os seus órganos de goberno e representación, consonte o disposto nas normas electorais vixentes en cada momento.
Artigo 19. Deberes e responsabilidades dos federados
1. Os federados teñen o deber de estar en posesión da licenza federativa.
2. Os federados tamén teñen o deber de aceptar e cumprir os estatutos e regulamentos da Federación, así como o de someterse á autoridade dos órganos federativos en relación coas materias da súa competencia, sen prexuízo do dereito a impugnar ou recorrer contra as súas decisións ante as instancias correspondentes, acudindo incluso ante a xurisdición competente.
3. O incumprimento dos devanditos deberes poderá xerar responsabilidade, nos termos establecidos pola lexislación vixente.
TÍTULO IV
Réxime de responsabilidade dos presidentes e membros da Xunta Directiva
Artigo 20. Principio xeral
O presidente e os membros da Xunta Directiva ou dos órganos de dirección que se puedan establecer estatutariamente serán persoalmente responsables, fronte á propia Federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:
a) Das obrigas que contraese a Federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.
b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.
c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a Federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.
Artigo 21. Exención de responsabilidade
A responsabilidade descrita no artigo anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.
Artigo 22. Responsabilidade disciplinaria
A responsabilidade regulada neste título é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer, e que se exixirá consonte as disposicións xerais vixentes.
TÍTULO V
Do réxime documental
Artigo 23. Principio xeral
A custodia e mantemento da documentación, libros rexistro e arquivos da Federación corresponde ao seu secretario.
Artigo 24. Libros rexistro
A Federación levará polo menos os seguintes libros rexistro debidamente dilixenciados:
a) De clubs deportivos.
b) De deportistas.
c) De actas dos órganos de goberno e representación.
d) De contabilidade.
e) De inventario de bens mobles e inmobles.
Artigo 25. Exame e supervisión dos libros rexistro
Os libros rexistro e demais documentación estarán á disposición en todo momento da Administración deportiva autonómica competente, para o seu exame e supervisión.
TÍTULO VI
Do réxime económico-financeiro
Artigo 26. Do orzamento e da data de peche do exercicio económico da Federación
1. A Federación ten orzamento e patrimonio propios e deberá someter a súa contabilidade e o seu estado económico ou financeiro ás prescricións legais.
2. A Federación non poderá aprobar orzamentos deficitarios, aínda que, excepcionalmente, a Administración deportiva autonómica competente poderá autorizar con tal carácter.
3. A administración do orzamento responderá o principio de caixa única. Os ingresos propios deberán dedicarse, de forma prioritaria, aos gastos da estrutura federativa.
4. A Xunta Directiva elaborará o proxecto de orzamento correspondente ao seguinte exercicio, cuxo peche coincidirá co da tempada deportiva respectiva, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral durante o último trimestre do exercicio económico.
5. O dito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.
Artigo 27. Inspección económica
A Federación someterá os seus libros de contabilidade á inspección, así como as auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos, por requirimento da Administración deportiva autonómica competente.
Artigo 28. Exhibición da documentación económica
As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da Federación, cunha antelación de 15 días á realización da Asemblea Xeral, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia, que se lles entregará antes da realización da Asemblea.
Artigo 29. Ingresos da Federación
1. O patrimonio da Federación estará integrado por:
a) Cotas dos seus afiliados.
b) Dereitos de inscrición e demais recursos que procedan das competicións organizadas pola Federación.
c) Rendementos dos bens propios.
d) Subvencións, ou outras achegas, que as entidades públicas poidan concederlle, así como doazóns, herdanzas, legados e premios que lle sexan outorgados por entidades públicas ou privadas.
e) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído.
2. A Federación destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.
3. Os fondos deberán depositarse necesariamente en contas a nome da Federación, en entidades financeiras, sen prexuízo de manter en caixa as sumas precisas para atender os gastos correntes.
4. Toda disposición de fondos con cargo ás ditas contas deberá ser autorizada por dúas sinaturas mancomunadas: a do presidente e a do tesoureiro. Non obstante, en casos de ausencia xustificada ou de enfermidade, calquera deles poderá delegar a súa sinatura noutro membro da Xunta Directiva. A devandita delegación deberá realizarse por escrito.
Artigo 30. Regras económico-financeiras específicas
Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda á Federación que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando a Federación pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulnere os criterios que regulamentariamente se determinen. Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a Federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.
TÍTULO VII
Do réxime disciplinario
CAPÍTULO I
Disposicións xerais sobre infraccións e sancións
Artigo 31. Tipificación, natureza e clasificación das infraccións
1. As infraccións das regras do xogo ou da competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nestes estatutos constitúen faltas disciplinarias. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. As sancións correspondentes aplicaranse en función da clasificación das infraccións.
2. Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:
a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.
b) Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos deportistas ou técnicos, cando se dirixan aos xuíces, aos xurados, a outros xogadores, técnicos ou ao público.
c) Os quebrantamentos de sancións impostas.
d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada especialidade, cando poida alterar a seguridade da proba, encontro ou competición ou poña en perigo a integridade das persoas.
e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
f) A inasistencia sen causa xusta dos deportistas ás convocatorias da selección galega, ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.
g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, encontros ou competicións.
h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Entenderase que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.
Da infracción a que se refire a letra e) poderá ser responsable o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.
3. Consideraranse infraccións graves as seguintes:
a) A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen causa xusta, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.
b) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.
c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.
d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.
Das infraccións a que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.
4. Consideraranse infraccións leves as seguintes:
a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.
b) A incorrección co público, compañeiros e subordinados.
c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.
Artigo 32. Sancións
1. Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:
a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.
b) Perda de postos de clasificación.
c) Perda da licenza.
d) Expulsión do club da Federación.
e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos na Federación por un prazo máximo de cinco anos.
f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na Federación a perpetuidade. Esta sanción unicamente se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.
g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.
h) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.
2. Pola comisión de faltas graves impoñeranse as seguintes sancións:
a) Amoestación pública.
b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.
c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro probas ou tres meses.
d) Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.
3. Pola comisión de faltas leves impoñeranse as seguintes sancións:
a) Apercibimento.
b) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou de unha a tres probas.
4. As multas só se lles poderán impoñer ás entidades deportivas e aos que, conforme estes estatutos, sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.
Artigo 33. Principio de proporcionalidade
1. No establecemento de sancións pecuniarias deberase ter en conta que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.
2. Na determinación do réxime sancionador, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.
3. Para graduar as sancións teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.
4. En función das circunstancias previstas nos puntos anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. De ser o caso, de concorreren circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.
Artigo 34. Circunstancias modificativas da responsabilidade
1. Serán consideradas como circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.
2. Serán consideradas como circunstancias agravantes da responsabilidade a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción respectiva.
3. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.
4. Os órganos disciplinarios sancionadores poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.
Artigo 35. Causas de extinción da responsabilidade
A responsabilidade disciplinaria extínguese:
a) Polo cumprimento da sanción.
b) Polo falecemento da persoa inculpada.
c) Por disolución da entidade sancionada.
d) Por prescrición das infraccións ou sancións.
Artigo 36. Prescrición de infraccións e sancións
1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves prescribirán ao ano e, as leves, ao mes.
2. O termo de prescrición comeza a contar o día en que se cometeron os feitos e interrómpese no momento en que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo retomarase se o expediente permanecese paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.
3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento en que se quebrantase o seu cumprimento, se este xa comezase.
Artigo 37. Prohibición de dobre sanción polos mesmos feitos
Non poderá impoñerse máis dunha sanción polos mesmos feitos.
Artigo 38. Aplicación dos efectos retroactivos favorables
As disposicións disciplinarias teñen efecto retroactivo en canto favorezan o infractor, aínda que no momento de publicación das disposicións máis favorables se teña ditado sanción firme.
Artigo 39. Prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión
Non poderá impoñerse ningunha sanción por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ao momento de producirse, nin tampouco poderán impoñerse sancións que non estean establecidas por norma anterior á comisión da infracción.
CAPÍTULO II
Procedementos e órganos disciplinarios deportivos
Artigo 40. Procedemento disciplinario
A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas nestes estatutos e no Regulamento de réxime disciplinario que o desenvolva axustarase aos procedementos previstos no capítulo IV do título VII da Lei 3/2012, do 2 abril, do deporte de Galicia.
Artigo 41. Clases de procedementos
1. Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.
2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. En todo caso, deberá asegurarse o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.
3. O procedemento ordinario será de aplicación para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.
Artigo 42. Regras comúns aos procedementos
1. No non previsto nestes estatutos serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 3/2012, do 2 abril, do deporte de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.
3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, agás que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.
4. As actas subscritas polos xuíces da proba ou da competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas. As manifestacións do xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, agás proba en contrario.
Artigo 43. Procedemento abreviado
As regras as que se axusta o procedemento abreviado son as seguintes:
1. Iniciación:
a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar a sanción, subscrita polo xuíz e polos competidores ou polos delegados dos clubs. No suposto de que os feitos que poidan dar lugar a sanción non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento en que teña entrada na Federación o anexo da acta da proba ou documento en que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
b) Tamén se pode iniciar por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da Federación dentro do segundo día hábil seguinte ao día en que se realizou a proba ou competición.
2. Tramitación e resolución:
a) No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista no punto anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, anexo ou denuncia. Tamén poderán propoñer ou achegar, se é o caso, as probas pertinentes. A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.
b) O órgano instrutor trasladará, no prazo máximo de dous días, que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade. A resolución deberase notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.
Artigo 44. Procedemento ordinario
As regras a que se somete o procedemento ordinario son as seguintes:
1. Iniciación:
a) O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia da persoa interesada.
b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, se é o caso, do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada. Serán aplicables ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
2. Tramitación:
a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida ditarse.
b) O acordo de iniciación notificarase ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.
c) Efectuaranse de oficio ou admitiranse a proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.
d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución, ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable e, neste caso, conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer, ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivamento das actuacións. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formularen alegacións e presentaren os documentos que consideren pertinentes.
3. Resolución:
a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, elevará o expediente ou órgano competente para resolver.
b) A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento ordinario e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.
Artigo 45. Lexitimación para recorrer as sancións
Están lexitimadas para interpoñer recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.
Artigo 46. Órganos disciplinarios
No Regulamento de réxime disciplinario especificarase a composición e funcionamento dos órganos competentes en materia disciplinaria, que serán:
a) Na primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.
b) Na segunda instancia, un comité de apelación.
Artigo 47. Comité Galego de Xustiza Deportiva
Contra as resolucións da Federación en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
TÍTULO VIII
Da reforma dos estatutos
Artigo 48. Órgano competente e proposta
Os estatutos da Federación unicamente poderán modificarse por acordo da Asemblea Xeral, reunida en sesión extraordinaria, logo de inclusión na orde do día da modificación que se pretende. A proposta de modificación estatutaria, salvo cando esta deba realizarse por imperativo legal, poderán propoñela un terzo dos membros da Asemblea Xeral, ou a Xunta Directiva.
Artigo 49. Emendas
Da proposta de modificación darase traslado a cada un dos membros da Asemblea Xeral, quen deberán contar cun prazo non inferior a dez días para facer chegar á Federación as emendas ou suxestións que consideren pertinentes. Entre a data de recepción da proposta de modificación na sede da Federación e a reunión da Asemblea Xeral en que aquela se debata non poderán transcorrer máis de tres meses, polo cal, se non estiver prevista reunión da Asemblea Xeral dentro dese prazo, deberá convocarse unha para tal fin.
Artigo 50. Debate
A Asemblea Xeral abrirá a sesión coa lectura do texto da modificación proposta, así como das emendas ou suxestións efectuadas. Posteriormente, tras o debate a que dera lugar, procederase á votación.
Artigo 51. Votación
A aprobación pola Asemblea Xeral da modificación proposta requirirá o voto favorable da maioría absoluta dos seus membros.
Artigo 52. Aprobación
A reforma requirirá, unha vez aprobada pola Asemblea Xeral, a aprobación pola Administración deportiva de Galicia e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
TÍTULO IX
Causas e procedemento de extinción e disolución
Artigo 53. Causas de extinción
A Federación extinguirase polas seguintes causas:
a) Pola revogación do seu recoñecemento.
b) Por resolución xudicial.
c) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.
d) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.
Artigo 54. Procedemento de extinción e disolución
1. En caso de extinción e disolución da Federación, unha vez liquidado o seu patrimonio, a parte restante, se a houber, destinarase aos fins de carácter deportivo que determine a Administración deportiva autonómica competente.
2. A extinción e disolución realizaranse cumprindo os trámites procedementais previstos na lexislación vixente.
Disposición adicional única
As normas regulamentarias de desenvolvemento destes estatutos, con exclusión das normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexen a competición, depositaranse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e daranse a coñecer a través da páxina web da Federación.
O calendario oficial aprobado pola Asemblea Xeral deberá comunicarse, nos termos exixidos pola lexislación vixente, á Administración deportiva no prazo de sete días desde a súa aprobación.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Estes estatutos entrarán en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
