DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 5 de decembro de 2025 Páx. 62639

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de novembro de 2025 pola que se fixa o prezo privado para a venda ao público de diversas publicacións editadas pola Axencia de Turismo de Galicia.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «Son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da referida lei establece que «Os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente se poidan aplicar subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitirá á de Economía e Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica en que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia».

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia de Turismo de Galicia e logo do informe favorable da Consellería de Facenda e Administración Pública, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DISPÓN:

Artigo único

1. Quedan aprobados os prezos privados de venda ao público das publicacións editadas pola Axencia de Turismo de Galicia que se relacionan no anexo.

2. Estes prezos entenderanse co IVE incluído.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

– Galicia e os camiños de Santiago: 45,00 €.

– Ad limina: revista de investigación do Camiño de Santiago e as peregrinacións. Vol. XVI-1: 20,00 €.