Exposición de motivos.
Mediante a Orde do 3 de decembro de 2025 (DOG núm. 235, do 4 de decembro), establécense os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada para os días 5, 12, 15 e 19 de decembro de 2025 no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña.
No seu artigo único determínanse os servizos que teñen a consideración de mínimos.
Tendo en conta a especial necesidade de protección das persoas usuarias dos centros de día para persoas maiores e centros de atención a persoas con discapacidade, equipamentos destinados á atención de persoas con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia ou en grave risco de padecela que, residindo nos seus propios fogares, pola súa vulnerabilidade precisan dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social, procede recoller os servizos mínimos para o transporte público regular de uso especial de usuarios de centros socioasistenciais.
En virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade,
DISPOÑO:
Artigo único.
Modifícase o artigo único da Orde do 3 de decembro de 2025 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada para os días 5, 12, 15 e 19 de decembro de 2025 no sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, tendo a consideración de servizos mínimos, ademais dos previstos, os seguintes:
4. Servizos de transporte público regular de uso especial de usuarios de centros socioasistenciais para a atención diúrna de persoas maiores en situación de dependencia ou grave risco de padecela e centros de atención a persoas con discapacidade: os servizos de entrada aos centros, desde as 8.00 horas ata as 11.30 horas, e os de saída, desde as 16.30 horas ata as 20.00 horas.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
