DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 5 de decembro de 2025 Páx. 62643

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se nomea o tribunal e se desenvolven as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2026 (códigos de procedemento IF310D e IF310E), convocadas pola Resolución do 6 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 224, do 19 de novembro).

Mediante a Resolución do 6 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, convocáronse as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2026.

Mediante a Resolución do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, establecéronse as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril (DOG núm. 237, do 13 de decembro).

O Real decreto 284/2021, do 21 de abril, regula no anexo V os exames de cualificación inicial. Na sección 2ª desenvolve a «designación de tribunais» e sinala que «No caso de non determinarse na propia convocatoria, o órgano convocante deberá, con posterioridade a esta, designar o tribunal ou tribunais das probas (…) e proceder, así mesmo, á súa publicación no correspondente boletín oficial, polo menos, con dez (10) días de antelación ao da realización do primeiro exercicio».

Polo exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Tribunal

1. O tribunal das probas estará formado por cinco membros: o/a presidente/a, tres vogais e o/a secretario/a, que actuará con voz e voto, aos cales se lles designarán membros suplentes. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o nomeamento deste tribunal entre persoal desta dirección xeral.

Para os efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG núm. 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

2. A composición do tribunal para as próximas convocatorias comúns do ano 2026 será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

Presidencia suplente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

Vogais:

A persoa titular do Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.

A persoa titular do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

A persoa titular do Servizo da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

Vogais suplentes:

A persoa titular do Servizo de Inspección.

A persoa titular do Servizo de Informes e Recursos.

A persoa titular do Servizo de Infraestruturas.

A persoa titular do Servizo de Planificación.

A persoa titular do Servizo de Contratación.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestrutura e Planificación do Transporte.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

Secretaría: a persoa titular do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.

Secretaría suplente: a persoa titular da xefatura de Sección da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

3. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto coas persoas titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

4. No desenvolvemento do procedemento deberán quedar debidamente acreditadas as decisións adoptadas, mediante constancia documental, coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

5. A persoa titular da Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, utilizando a aplicación informática habilitada para a súa corrección.

Segundo. Desenvolvemento das probas

1. A data e a hora de realización dos exercicios serán acordadas polo tribunal, dentro do calendario publicado na Resolución do 6 de novembro de 2025, e publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles ao da realización do primeiro exercicio, de conformidade co disposto na sección segunda do anexo V do Real decreto 284/2021, do 20 de abril. O lugar de realización será na cidade de Santiago de Compostela. Sen prexuízo do anterior, a distribución definitiva horaria e espacial das persoas aspirantes poderá ser modificada por decisión do/da presidente/a e do/da secretario/a do tribunal ata o momento da realización do exame por razóns organizativas.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e perderá o dereito para realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Poderán presentarse ás probas convocadas pola Comunidade Autónoma galega con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar en que realizasen o curso preceptivo, ao abeiro do artigo 18 do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.

4. O tempo para a realización do exame será de dúas (2) horas.

5. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

6. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

7. Unha vez finalizado o exame, publicarase a relación de respostas estimadas correctas, o antes posible, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.

Durante o día seguinte ao da publicación da relación de respostas correctas, as persoas aspirantes poderán facer chegar as impugnacións que consideren oportunas sobre as preguntas formuladas e remitilas á persoa titular da Secretaría do tribunal a través do seguinte enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de preguntas e respostas, nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá, acto seguido, a corrixir os exercicios consonte ela.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aptos/as e non aptos/as, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. A partir de entón abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar á persoa titular da Secretaría do tribunal as peticións de revisión, para a súa toma en consideración. As solicitudes de revisión deberán presentarse dentro do referido prazo de dous días, mediante a remisión ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal

Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade