DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 9 de decembro de 2025 Páx. 63057

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2025 pola que se desiste do proceso selectivo relativo ao concurso 11HS/25-26 convocado pola Resolución do 24 de outubro de 2025, pola que se convocan concursos públicos para a provisión de prazas de profesorado asociado (Diario Oficial de Galicia do 6 de novembro).

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Acordo do Consello de Goberno do 26 de abril de 2024 polo que se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de ciencias veterinarias no campus de Lugo da USC ao persoal facultativo do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC), regula, no seu artigo único, o réxime do profesorado asociado de ciencias veterinarias.

O indicado artigo único establece, entre outras, a seguinte particularidade que debe rexer os concursos de acceso relativos ás prazas de profesorado asociado P4 da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela:

– A devandita convocatoria limitará, por razón de especial interese para a universidade, para os únicos efectos de concorrencia, o seu acceso ao persoal facultativo que estea prestando servizos na fundación Rof Codina.

Segundo. O 6 de novembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 24 de outubro de 2025 pola que se convocan concursos públicos para a provisión de prazas de profesorado asociado, convocándose os concursos relativos a catro prazas de profesorado asociado para diferentes áreas de coñecemento da universidade, entre elas, unha praza de profesorado asociado con dedicación P4 da área de coñecemento de Farmacoloxía para a Facultade de Veterinaria coas seguintes características:

Nº de concurso: 11HS/25-26 Dedicación: P4.

Nº de prazas: 1(HS0214).

Área de coñecemento: Farmacoloxía.

Departamento: Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica.

Perfil: Materias da área.

Titulación: licenciado/a ou graduado/a en Farmacia.

Centro: Facultade de Veterinaria.

Localidade: Lugo.

A dita praza foi convocada para a asunción da docencia clínica da área de Farmacoloxía impartida no grao en Veterinaria adscrito á Facultade de Veterinaria, docencia que se leva a cabo no Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC), considerándose, consecuentemente, unha praza de profesorado asociado de ciencias veterinarias e séndolle, polo tanto, de aplicación o establecido no Acordo do Consello de Goberno do 26 de abril de 2024 polo que se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de ciencias veterinarias no campus de Lugo da USC ao persoal facultativo do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC).

Mais a Resolución do 24 de outubro de 2025 pola que se convocan concursos públicos para a provisión de prazas de profesorado asociado non estableceu para o concurso 11HS/25-26 a correspondente limitación na concorrencia do proceso selectivo ao persoal facultativo que estea prestando servizos na fundación Rof Codina, tal e como exixe o Acordo do Consello de Goberno do 26 abril de 2024 antes indicado.

Así, a convocatoria, na súa base 2.2, establece unicamente como requisitos de carácter específico para poder participar nos concursos convocados:

«a) Estar en posesión da titulación concreta ou equivalente que, de ser o caso, se exixa para cada praza no anexo I.1.

b) Posuír a condición de especialista de recoñecida competencia con exercicio de actividade profesional fóra do ámbito académico universitario. Esta actividade profesional deberá estar directamente relacionada cos contidos da actividade docente que se vai desenvolver».

E non establece, para o concurso 11HS/25-26, como era preceptivo, a limitación na concorrencia ao persoal facultativo que estea prestando servizos na fundación no Hospital Clínico Veterinario da Fundación Rof Codina.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes rematou o 20 de novembro de 2025 sen producirse con posterioridade ningún acto administrativo máis en relación con este concurso.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Tal e como establece o artigo único do Acordo do Consello de Goberno do 26 de abril de 2024 polo que se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de ciencias veterinarias no campus de Lugo da USC ao persoal facultativo do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC), as convocatorias para prazas de profesorado asociado P4 da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela deben restrinxir o seu acceso ao persoal facultativo que estea prestando servizos na fundación Rof Codina.

Pola súa contra, a Resolución do 24 de outubro de 2025 pola que se convocan concursos públicos para a provisión de prazas de profesorado asociado non establece para o concurso 11HS/25-26 a limitación antes indicada ao permitir, de conformidade co redactado da base 2.2, a concorrencia ao indicado concurso a calquera persoa que estea exercendo unha actividade profesional como licenciado/a ou graduado/a en Farmacia, en aberta contradición, polo tanto, co establecido no Acordo do Consello de Goberno do 26 de abril de 2024, polo que se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de ciencias veterinarias no campus de Lugo da USC ao persoal facultativo do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC).

Segundo. O artigo 37 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dispón que:

«1. As resolucións administrativas de carácter particular non poderán vulnerar o establecido nunha disposición de carácter xeral, aínda que aquelas procedan dun órgano de igual ou superior xerarquía ao que ditou a disposición xeral».

Así mesmo, o artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas dispón que:

«1. Son anulables os actos da Administración que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder».

Terceiro. O artigo 93 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, establece a posibilidade do desistencia da Administración nun procedemento administrativo iniciado de oficio, nos seguintes termos: «Nos procedementos iniciados de oficio, a Administración poderá desistir, motivadamente, nos supostos e cos requisitos previstos nas leis».

Pola súa banda, o artigo 35.1.g) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas dispón que:

«1. Serán motivados, con sucinta referencia de feitos e fundamentos de dereito:

g) Os actos que acorden a terminación do procedemento pola imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas, así como os que acorden a desistencia por parte da Administración en procedementos iniciados de oficio».

A desistencia de oficio por parte da Administración require a xustificación do motivo, de modo que se aclare calquera posible arbitrariedade e se garanta que a actuación administrativa está enfocada ao interese xeral.

O vicio detectado nas bases da convocatoria constitúe unha causa de anulabilidade ao incorrer nunha infracción do disposto no Acordo do Consello de Goberno do 26 de abril de 2024 polo que se limita a concorrencia no acceso ás prazas de profesorado asociado de ciencias veterinarias no campus de Lugo da USC ao persoal facultativo do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario da Fundación Rof Codina (HVU-FRC).

Por maior abastanza, a continuación do procedemento podería conducir a que as persoas interesadas instasen a vía contencioso-administrativa, e incluso xudicial, na defensa dos seus dereitos dilatando o proceso de cobertura do posto vacante para o que se convocou o procedemento e causando un prexuízo engadido para os intereses da Administración, que debe servir con obxectividade aos intereses xerais e que apreciou a necesidade da cobertura do posto vacante.

Sobre a segunda cuestión, existe numerosa xurisprudencia que rexeita a posibilidade de que exista un dano indemnizable a favor das persoas aspirantes en procesos selectivos, ao considerar que non son verdadeiros titulares de dereitos lesionados. Resulta relevante a doutrina do Tribunal Supremo establecida na Sentenza do 16 de xullo de 1982 (EDJ 1982/4943) respecto aos procesos selectivos e as expectativas de dereitos. Na citada resolución indícase que para que a Administración non poida volver sobre os seus propios actos é preciso que estes orixinasen, non unha expectativa de dereito, senón un auténtico dereito, que só xorde cando a Administración aprobou a lista provisional de admitidos. Así, a mera presentación dunha instancia solicitando formar parte no procedemento selectivo, sobre cuxa petición a Administración aínda non se pronunciou, non orixina no que a presenta máis que unha expectativa de dereito, e non un auténtico dereito que xorde a partir do momento en que a Administración se pronuncie sobre ela mediante a inclusión na lista provisional de admitidos e excluídos. Na mesma liña pronúnciase tamén o TSX Madrid na Sentenza do 12 de maio de 2000 (EDJ 2000/58248), cando, interpretando a Sentenza do TS citada, declara que:

«Esta sentenza manifesta que a convocatoria de probas selectivas non constitúe unha oferta que a Administración fai a persoas concretas, senón que a oferta se realiza e concreta por aqueles que se encontren nas situacións definidas nela e desexan tomar parte nas condicións alí establecidas, de maneira que a Administración non se vincula definitivamente ata que realiza actos de desenvolvemento das súas bases (como a aprobación das listas definitivas de aspirantes admitidos) que supoñan a aceptación da oferta concreta realizada, momento a partir do cal xorde e se manifesta o dereito dos interesados a que o proceso se desenvolva conforme as normas da convocatoria e, en consecuencia, a suxeición da Administración aos procedementos de revisión dos seus actos declarativos de dereitos, pero mentres esta situación de aceptación non se producise non cabe falar de dereitos adquiridos, e, polo tanto, a Administración pode proceder a modificar a convocatoria sen necesidade de axustarse a tales procedementos».

No mesmo sentido, a Sentenza núm. 78/2010, do 15 de abril, do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid:

«(…) Ao respecto debemos recordar, conforme o exposto, que aínda que non debe negarse aos participantes nun concurso a titularidade de calquera dereito que poida resultar lesionado pola tardanza en resolver, tampouco pode negarse que, de acordo coa doutrina exposta, os participantes nun concurso non teñen senón unha expectativa de obter o cargo ou posto a que aspiran».

Cabe concluír que na confrontación de intereses entre a mera expectativa dos opositores nun proceso selectivo e o interese xeral que representa a Administración debe prevalecer este último, de modo que por parte da Administración é posible acordar, de modo razoado, a desistencia do desenvolvemento dun concurso en curso con fundamento na exixencia derivada do principio de legalidade que ten que presidir as súas actuacións.

Por todo o exposto, e no exercicio das competencias delegadas que me recoñece a Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 (DOG do 26 de abril),

RESOLVO:

Primeiro. Desistir do proceso selectivo relativo ao concurso 11HS/25-26, convocado pola Resolución do 24 de outubro de 2025 pola que se convocan concursos públicos para a provisión de prazas de profesorado asociado (DOG núm. 215, do 6 de novembro), polos motivos expostos nos fundamentos xurídicos desta resolución e, en consecuencia, declarar terminado o procedemento administrativo procedendo ao seu arquivamento, sen prexuízo da potestade de iniciar un novo procedemento coa mesma finalidade, logo de convocatoria do correspondente concurso.

Segundo. Proceder de oficio á devolución das taxas aboadas en concepto de dereitos de exame polas persoas que realizaron a instancia para participar no proceso selectivo relativo ao concurso 11HS/25-26.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o dito recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado