Expediente: IN407A 2025/013-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMT, CT Sobreiro-Cela 9.
Concello: Mos.
Feitos:
1. O 16.1.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT, CT Sobreiro-Cela 9.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Abel Fernández Bermúdez, colexiado 4.793 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 78.708,54 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade dar subministración a unha vivenda unifamiliar no Camiño do Sobreiro, no concello de Mos. Para isto están previstas as seguintes actuacións:
– Substitución do centro de transformación aéreo Herville Arriba (36A607) de 160 kVA por outro centro de transformación compacto de 400 kVA prefabricado con envolvente de formigón e manobra exterior (2L+1P).
– Proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 48 metros con orixe no apoio A10MOFCH da liña de media tensión aérea (LMTA) SDM719 e o centro de transformación proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos e o Servizo do Patrimonio Cultural.
O Servizo do Patrimonio Cultural non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
O 30.4.2025, o Concello de Mos remitiu un condicionado solicitando unha aclaración, pois a xuízo dos seus servizos técnicos consta no Concello a presentación de dous proxectos para a instalación do mesmo centro de transformación.
O 17.6.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A., aclara que o expediente IN407A 2025/013- 4 queda como está proxectado, mentres que o expediente IN407A 2022/340-4 modifícase quitando a ampliación de potencia. Está aclaración foi traslada ao Concello que non manifestou reparos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica.
Ao final o 1.7.2025, a empresa promotora desistiu do expediente IN407A 2022/340-4, LMTS SDM701 e substitución CTI Herville de Arriba por CTC, no concello de Mos.
3. O 9.9.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMT, CT Sobreiro-Cela 9.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 48 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio existente HV-1000/13 (A10MOFCH) da LMTA SDM719 e final no centro de transformación proxectado Herville de Arriba.
– Centro de transformación compacto telecontrolado a 400 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado no Camiño das Cruces, Cela.
– Retirada do centro de transformación intemperie Herville de Arriba 36A607.
– A instalación está situada no Camiño das Cruces, Cela, no concello de Mos (Pontevedra).
Conforme ao indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CT Sobreiro-Cela 9, expediente IN407A 2025/013-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e aos dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 18 de novembro de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
