DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63199

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas e a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

As salas de música en vivo xogan un papel fundamental no desenvolvemento da carreira musical e a profesionalización dun sector non exento de dificultades, que van desde a exixencia para poder exercer esta actividade ata as novas formas de consumo de lecer e tempo libre.

A Axencia Galega das Industrias Culturais é consciente da relevancia das salas de música en vivo non só como espazos de exhibición musical senón tamén como espazos de encontro, intercambio de experiencias e plataformas promocionais de todo o sector musical galego. Neste mesmo sentido, as empresas que promoven servizos no ámbito da música en vivo, incluíndo promotores, mánagers e axentes, desempeñan un papel crucial para o impulso da carreira profesional dos músicos galegos. A colaboración e coordinación de salas e empresas do ámbito musical resulta imprescindible para fortalecer o tecido da industria musical en Galicia.

Esta convocatoria pretende conxugar o papel que realizan as empresas e as salas de música en vivo para desenvolver e incrementar a oferta cultural de música nas salas galegas.

Por todo isto, en consonancia cos obxectivos inmediatos desta axencia, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas e a convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis , independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán optar a estas subvencións as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que promovan servizos no ámbito da música en vivo, incluíndo promotores, mánagers e axentes, así como empresas de organización de eventos musicais, sempre que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Financiamento.

Estas subvencións, de carácter plurianual, financiaranse con cargo aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2026 por importe de 400.000 €, no código de proxecto 2015-00003 na aplicación e distribución plurianual indicada no cadro que segue:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2026

Anualidade 2027

13.A1.432B.770.0

200.000 €

200.000 €

O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles, e a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo nove, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: https://industriasculturais.xunta.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A persoa outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva,
para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas
e a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D)

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas (código de procedemento C302D).

2. Estas axudas teñen por finalidade impulsar a programación musical profesional en salas de música privadas, co obxectivo de ampliar a oferta cultural no territorio dando visibilidade ao amplo, complexo e variado sector musical en Galicia, establecendo unha colaboración entre diferentes actores na exhibición e difusión musical como o tecido empresarial de promoción musical ou as persoas titulares de salas habilitadas legalmente para a execución de música ao vivo.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis facendo unha referencia expresa ao citado Regulamento (UE) nº 2023/2831.

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións, axudas ou patrocinios para o mesmo proxecto de calquera departamento da Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes, porén son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto procedentes de calquera outra Administración pública e entidades públicas ou privadas. No caso de percibirse outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que promovan servizos no ámbito da música en vivo, incluíndo promotores, mánagers e axentes, así como empresas de organización de eventos musicais, sempre que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar que están dadas de alta nalgunha das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionadas coa actividade subvencionable de entre as que se enumeran a seguir, cunha antigüidade de, polo menos, 2 anos consecutivos:

033-Actividades relacionadas coa música. Cantantes.

853-Profesionais relacionados co espectáculo. Axentes de colocación de artistas.

965-Servizos recreativos e culturais. Espectáculos (agás cine e deportes).

983-Axencias de colocación de artistas.

4. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria:

a) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

b) As asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito asignado ao financiamento desta convocatoria de subvención é de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.0 do código de proxecto 2015-00003 distribuído en dúas anualidades segundo o seguinte cadro:

Anualidade 2026

Anualidade 2027

Importe

200.000 €

200.000 €

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

3. O crédito orzamentario será distribuído, ata o seu esgotamento, entre as persoas susceptibles de ser beneficiarias seguindo a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de avaliación establecidos nestas bases. A contía asignada terá en conta o importe solicitado.

4. A intensidade máxima da subvención será do 80 % do orzamento de gastos subvencionables, cun límite de 50.000 euros por persoa solicitante.

5. As solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acaden subvención por esgotamento do crédito asignado pasarán a formar unha listaxe de agarda respectando a orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

6. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles, e a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

7. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma entidade, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa solicitante ou empresa vinculada.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Considérase proxecto subvencionable a realización dunha programación de concertos de carácter profesional en salas privadas en Galicia para os anos 2026 e 2027, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) As salas receptoras dos concertos que conforman o proxecto deberán ter a correspondente licenza municipal que as habilita para o desenvolvemento desta actividade ou calquera outro título que as habilite para realizar concertos.

b) A persoa solicitante, como promotora do proxecto, realizará un acordo contrato coas persoas titulares das salas, en que se indique especificamente, ademais das datas e características dos concertos, o prezo do alugueiro da sala por todos e cada un dos eventos que se vaian realizar nela como parte do proxecto presentado para ser subvencionado, que non poderá ser inferior a 400 euros (sen IVE).

c) Todos os concertos que se presenten, no marco do proxecto, terán que ser de pago, cun prezo mínimo de 5 € por concerto (IVE incluído), e o resultado da recadación da billeteira será integramente para a persoa promotora.

d) O proxecto que se presente a esta convocatoria deberá constar de, polo menos, 10 concertos que deberán realizase en, polo menos, 5 salas diferentes situadas en 3 provincias de Galicia.

e) O proxecto deberá conter unha programación cun mínimo do 80 % de formacións musicais galegas, tanto en número de formacións como en porcentaxe á suma dos cachés, en que se visibilizará de forma equilibrada a presenza de artistas femininas galegas.

f) A contratación artística terá un caché mínimo por solista ou músico de 250 euros, incluídos todos os conceptos.

g) A persoa solicitante, como promotora, non poderá presentar máis dun 20 % de músicos ou formacións musicais da súa axencia ou de quen teña encomendada a representación profesional.

h) O proxecto impulsará a carreira de novos artistas, entendendo por tales, as persoas solistas ou formacións musicais que teñan gravado e editado como máximo un só disco. A participación de novos artistas será dun mínimo do 20 % dos artistas que conforman o proxecto.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención. Todo gasto non xustificado pola persoa beneficiaria será eliminado do orzamento elixible do proxecto.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria, que abrangue desde o día da data de presentación da solicitude a esta convocatoria de axuda ao 20 de outubro de 2027. O período subvencionable, polo tanto, abrangue desde o día da solicitude á convocatoria ata o 20 de outubro de 2027.

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A persoa subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de gastos subvencionables:

a) Gastos de persoal artístico contratado asociado ao proxecto. Terán a consideración de gastos de persoal artístico os cachés dos solistas e formacións musicais que conforman a programación do proxecto.

b) Gastos de persoal técnico. Considéranse gastos de persoal técnico aqueles gastos xerados por unha relación contractual específica e exclusiva, conforme unha categoría laboral asignada para o desenvolvemento do proxecto musical obxecto da subvención.

c) Gastos de produción. Considéranse gastos de produción os gastos vinculados ao desenvolvemento das actuacións musicais que compoñen a programación do proxecto, tales como iluminación, son, equipamentos técnicos, backline e similares.

d) Gastos de exhibición. Terán a consideración de gastos de exhibición os relativos ao alugueiro das salas ou espazos onde se realicen os eventos do programa, así como os gastos derivados polos dereitos de autor.

e) Gastos de comercialización, promoción e publicidade. Terán a consideración de gastos de comercialización, promoción e publicidade as accións de visibilización en liña ou fóra de liña do proxecto, así como o deseño e impresión de materiais de carácter promocional.

f) Gastos de persoal con limitacións. Consideraranse subvencionables os custos de persoal do cadro de persoal da persoa beneficiaria que non teñan subscrito un contrato específico para o proxecto obxecto da subvención.

Neste caso, o importe máximo imputable non poderá superar o 10 % do custo total do proxecto. O seu custo calcularase mediante un rateo en función da súa participación nel.

g) Gastos indirectos. A persoa beneficiaria poderá imputar como gasto do proxecto, en concepto de gastos indirectos, ata o 5 % do custo total do proxecto, sen que se requira unha xustificación adicional, en aplicación do artigo 42.6 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Enténdese por gastos indirectos aqueles gastos que non se poden vincular directamente cunha operación determinada, pero que son indubidablemente necesarios para a realización da actividade subvencionada, como teléfono, luz, auga, e aqueles outros vinculados indirectamente co proxecto e polo tempo de execución deste dentro do período subvencionable.

Os custos indirectos, sempre que se imputen pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada faranse de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos (como o IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Non serán subvencionables:

a) Os gastos estruturais das empresas (adquisición de infraestruturas, software ou bens patrimoniais) e tamén quedan excluídos os gastos de participación no accionariado noutras empresas.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación, de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:

1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:

a) Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberá facer constar:

a) Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación (con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación; debe facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda).

b) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

c) Compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Documentación específica:

2.1. Memoria do proxecto de programación (anexo III).

2.2. Memoria económico-financeira (anexo IV).

2.3. Licenza municipal para a realización de espectáculos en vivo ou, de ser o caso, a autorización municipal para a realización do proxecto susceptible de ser subvencionado, que deberá expresar claramente o alcance da devandita autorización das salas onde se vaia realizar o proxecto ou calquera outro título que as habilite para realizar concertos. Esta documentación deberá indicar a capacidade autorizada.

2.4. Copia da póliza de responsabilidade civil, actualizada e en vigor.

2.5. Copia do acordo ou contrato entre a persoa solicitante e a persoa titular da sala en que se amose a súa dispoñibilidade e o prezo.

2.6. Compromiso asinado dixitalmente entre a persoa solicitante e os artistas e/ou formacións musicais que participan no proxecto para o cal se solicita a subvención, en que consten as condicións económicas e técnicas.

2.7. Cronograma de cada unha das actividades que conforman o proxecto.

2.8. Plan de comercialización, promoción e publicidade do proxecto.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Publicación

1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co establecido no artigo seguinte.

Artigo 12. Notificación das resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou ás persoas previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos e información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a persoas profesionais ou expertas na materia e a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento e demais actuacións que deriven destas bases.

4. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. Para a valoración das solicitudes presentadas, constituirase unha comisión de valoración que será nomeada pola persoa titular da Dirección da Axencia e que estará integrada por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales realizará as funcións da secretaría, con voz pero sen voto.

b) Dúas persoas expertas no ámbito da música en Galicia, unha das cales asumirá as funcións da presidencia.

2. Para a composición da Comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

3. A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. As persoas que forman parte da Comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria. Así mesmo, absteranse se concorre algunha das circunstancias descritas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Tanto a Comisión como o órgano instrutor poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

5. A Comisión, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará un documento concretando os criterios técnicos definidos no artigo correspondente para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental nun informe coa motivación das puntuacións.

6. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as valoracións.

7. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e levantarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da Comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.

Artigo 17. Criterios de valoración

A puntuación total máxima que poderá acadar unha solicitude é de 100 puntos, outorgados segundo os criterios de valoración descritos a seguir:

Criterios automáticos

65 puntos

1. Antigüidade da empresa como promotora profesional no ámbito musical

Ata 5 puntos

a) De 5 a 7 anos

1

b) De 8 a 10 anos

3

c) Máis de 10 anos

5

2. Media de número de habitantes das localidades onde se desenvolve o proxecto

Ata 5 puntos

a) Máis de 40.000 habitantes

2

b) Ata 40.000 habitantes

5

3. Pertenza das salas á Rede galega de música ao vivo (nos últimos catro anos)

5 puntos

a) Todas as que participan no proxecto pertencen á Rede

5

b) Algunha das que participa no proxecto pertence á Rede

2

4. Número de salas participantes no proxecto

Ata 5 puntos

a) Entre 6 e 8 salas

3

b) Máis de 8 salas

5

5. Número de solistas ou formacións musicais no programa

Ata 5 puntos

a) Entre 10 e 12

1

b) Entre 13 e 15

3

c) Máis de 15

5

6. Porcentaxe de participación feminina nos elencos artísticos

Ata 10 puntos

a) Entre 10 % e 20 % de participación feminina no elenco artístico

2

b) Entre 21 % e 40 % de participación feminina no elenco artístico

6

c) Máis do 41 % de participación feminina no elenco artístico

10

7. Presenza de artistas que cantan en galego

Ata 10 puntos

a) Entre o 10 % e o 30 % dos artistas cantan en galego

2

b) Entre o 31 % e o 50 % dos artistas cantan en galego

5

c) Máis do 51 % dos artistas cantan en galego

10

8. Presenza de novos artistas

Ata 10 puntos

a) Entre o 20 % e o 25 % dos artistas son novos artistas

2

b) Entre o 26 % e o 50 % dos artistas son novos artistas

5

c) Máis do 51 % dos artistas son novos artistas

10

9. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto

Ata 10 puntos

a) Ata o 30 %

10

b) Máis do 30 % ata o 50 %

5

c) Máis do 50 % ata o 75 %

2

Criterios técnicos

35 puntos

1. Interese e valor artístico do proxecto. Valorarase a calidade do proxecto en atención ao expresado na memoria técnica que describa de xeito coherente a proposta de proxecto e a súa viabilidade económica, a xeración de sinerxías cos axentes participantes, músicos e titulares de salas privadas, a singularidade do proxecto e o valor engadido que podería achegar á oferta musical de Galicia.

Ata 25 puntos

2. Plan de comercialización, promoción e publicidade:

Ata 10 puntos

a) Accións de comercialización

Ata 4 puntos

b) Accións previstas para a promoción do proxecto

Ata 3 puntos

c) Accións previstas para a captación de novos públicos

Ata 3 puntos

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención será requisito acadar unha puntuación mínima na fase de valoración de 45 puntos, polo que resultarán desestimadas todas as solicitudes que non acaden a dita puntuación.

No suposto de empate, terase en conta a maior puntuación nos criterios automáticos.

Artigo 18. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidos polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.

Artigo 19. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da Comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes propostas para ser subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes propostas para ser inadmitidas e desistidas, e a súa causa, e as desestimadas. Esta proposta elevarase á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. As solicitudes propostas para ser subvencionadas gardarán a orde de prelación resultante da puntuación obtida despois da aplicación dos criterios de avaliación establecidos nestas bases. O importe económico da subvención correspondente a cada unha delas calcularase atendendo á intensidade máxima de axuda determinada no artigo 3 e o importe solicitado, ata o esgotamento do crédito destinado ao financiamento desta convocatoria.

3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras e convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. A devandita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (https://industriasculturais.xunta.gal/es), polo que se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será motivada e fará mención expresa, cando menos:

a) Da relación de persoas beneficiarias.

b) Das solicitudes inadmitidas e das desistidas, indicando a causa de non admisión ou desistencia.

c) Da desestimación expresa do resto das solicitudes.

5. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

6. Na resolución de concesión informarase sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 13 de decembro de 2023, serie L).

7. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique ou notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

8. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos establecidos no artigo 32 destas bases.

Artigo 20. Aceptación da subvención e renuncia

1. As persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberán remitir á Agadic a memoria económico-financeira (anexo IV) adaptada á subvención concedida só no suposto de que a subvención recibida fose inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades.

Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a publicación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten desta convocatoria:

a) As persoas beneficiarias deberán remitir á Axencia, xunto coa aceptación da subvención, o proxecto de programación correspondente aos anos 2026 e 2027, no prazo de 10 días hábiles desde a data da notificación.

b) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia e «Concertos do Xacobeo» a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no desenvolvemento das actividades subvencionadas.

A persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web https://industriasculturais.xunta.gal/gl/identidade-corporativa

2. Toda a actividade que se desenvolva respecto da subvención concedida deberá cumprir coa normativa legal de aplicación, prestando especial atención ao ámbito laboral dos grupos e artistas que nela participan.

3. O incumprimento das anteriores obrigas por parte das persoas beneficiarias dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nos artigos 25 e 26 destas bases.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e deben obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

3. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle á persoa interesada.

Porén, permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, modificacións que non superen o 20 % entre as partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen os incrementos nunhas partidas coa diminucións noutras, que non afecten os custos de persoal, que non se supere o límite establecido para os gastos indirectos e que non se altere o importe total da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

5. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido para cada anualidade. Esta solicitude deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV ou unha copia del ou similar).

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, copias de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento bancario pola persoa beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Documentación acreditativa do cumprimento da normativa laboral na contratación dos artistas que conforman a programación.

e) Material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

f) Declaración de axudas (anexo V).

4. Os prazos de xustificación da subvención de cada anualidade serán os que seguen:

Anualidade 2026

1 de novembro de 2026

Anualidade 2027

20 de outubro de 2027

Polo tanto, o período subvencionable da primeira anualidade abranguerá os gastos realizados en pagamentos entre o día da solicitude e o 1 de novembro de 2026. A segunda anualidade iniciarase o 2 de novembro de 2026 ata o 20 de outubro de 2027.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

5. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

7. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento pola persoa beneficiaria dos requisitos establecidos nesta resolución para proceder ao pagamento das subvencións, incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

9. Cando á persoa beneficiaria se lle outorgue unha subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento referidos no número anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada. No suposto de que non poida presentar esta conta, o cumprimento dos prazos legais de pagamento acreditarase coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como o Acordo do Consello da Xunta de Galicia que exime de constitución de garantías as persoas beneficiarias destas axudas.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola persoa beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

3. O pagamento de cada anualidade realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia.

4. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dunha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data da concesión (anexo V).

5. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que están ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedores por resolución de procedencia de reintegro.

Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen recade esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2 das bases reguladoras.

Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

6. Pagamentos anticipados. As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto.

A solicitude de anticipo deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente. A concesión, ou denegación, do anticipo realizarase mediante resolución motivada. O importe do anticipo non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

7. Pagamentos á conta. Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e os pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, ao abeiro do artigo antes citado.

8. Constitución de garantías. As persoas beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo de aprobación polo Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

Artigo 25. Perda de dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 26. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación dos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nestas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 27. Gradación de incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que devolva os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 26 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo da persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais de conformidade coa disposición adicional primeira desta resolución, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, as persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, proporase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Axencia Galega das Industrias Culturais ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 31. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas, así como:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Demais normativa xeral de aplicación.

Artigo 32. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 33. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpondo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

En aplicación da disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, que establece que «o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, de ser o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria», deléganse no director da Axencia Galega das Industrias Culturais as modificacións, aceptacións das renuncias presentadas e outras incidencias das axudas previstas nesta orde, tales como redistribucións de anualidades, acordos de inicio e resolucións de procedementos de reintegros e perdas de dereito total ou parcial ao cobramento da subvención.

Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file