DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63251

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 27 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas e a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D).

BDNS (Identif.): 872982.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de no-vembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/872982

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que promovan servizos no ámbito da música en vivo, incluídos promotores, mánagers e axentes, así como empresas de organización de eventos musicais, sempre que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas (código de procedemento C302D).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas e a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT302D).

Cuarto. Importe

Estas subvencións, de carácter plurianual, financiaranse a cargo aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2026, por importe de 400.000 €, no código de proxecto 2015-00003, na aplicación e distribución plurianual indicada no cadro que segue:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2026

Anualidade 2027

13.A1.432B.770.0

200.000 €

200.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais