DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 10 de decembro de 2025 Páx. 63253

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2025, conxunta da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito do Diario Oficial de Galicia.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou os órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se fose o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, de ser o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se é o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Consonte o Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia conta coa Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación para o exercicio das súas competencias, e o artigo 13 deste decreto confírelle á Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación a edición do Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito do Diario Oficial de Galicia (DOG):

a) A sinatura automatizada do conxunto de publicacións do DOG.

b) A sinatura automatizada do conxunto de notificacións que se envían para a súa publicación no taboleiro de edictos único (TEU).

c) A sinatura automatizada do conxunto de notificacións que se envían para a súa publicación na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, do mantemento, da supervisión e do control de calidade e, de ser o caso, da auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado DIARIO OFICIAL DE GALICIA para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico DIARIO OFICIAL DE GALICIA sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

Emilio José de la Iglesia Lema
Director xeral do Gabinete Técnico
da Presidencia da Xunta de Galicia

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia