Exposición de motivos
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na súa sesión do 24 de novembro de 2025, aprobou a Normativa de estudos de grao na Universidade de Vigo.
Por isto, este reitorado
RESOLVE:
Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da Normativa de estudos de grao na Universidade de Vigo, aprobado en Consello de Goberno da Universidade de Vigo na súa sesión do 24 de novembro de 2025.
Vigo, 28 de novembro de 2025
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
Acordo do Consello de Goberno, do 24 de novembro de 2025, polo que se aproba a Normativa de estudos de grao na Universidade de Vigo
Exposición de motivos.
Artigo 1. Obxecto.
Capítulo I. Disposicións xerais.
Artigo 2. Obxectivos das titulacións de grao universitario.
Artigo 3. Principios reitores xerais dos títulos de grao universitario.
Artigo 4. Requisitos xerais.
Artigo 5. Memorias dos títulos de grao universitario.
Artigo 6. Adscrición a ámbitos de coñecemento.
Artigo 7. Límite de prazas.
Artigo 8. Títulos conxuntos.
Artigo 9. Traballo académico do estudantado.
Capítulo II. Directrices xerais das titulacións de grao.
Artigo 10. Duración dos estudos de grao.
Artigo 11. Estrutura por curso.
Artigo 12. Mencións.
Artigo 13. Tipos e tamaño das materias.
Artigo 14. Créditos de formación básica.
Artigo 15. Créditos optativos e oferta de optatividade.
Artigo 16. Traballo de fin de grao.
Artigo 17. Prácticas externas.
Artigo 18. Excepcións.
Capítulo III. Modalidades docentes das titulacións de grao.
Artigo 19. Modalidades docentes.
Artigo 20. Porcentaxe de actividade presencial segundo o tipo de modalidade docente.
Artigo 21. Cálculo da porcentaxe de actividade presencial dun título.
Artigo 22. Aspectos que cómpre considerar nas modalidades híbrida e virtual.
Capítulo IV. Estruturas curriculares específicas e de innovación docente.
Artigo 23. Mención dual en titulacións de grao.
Artigo 24. Programas de ensinanzas de grao con itinerario académico aberto.
Artigo 25. Programa académico de simultaneidade de dobres graos.
Artigo 26. Programas académicos con percorridos sucesivos (PAPS) no ámbito da enxeñaría e da arquitectura.
Artigo 27. Outras estruturas curriculares específicas.
Artigo 28. Estratexias metodolóxicas de innovación docente.
Disposición derrogatoria única.
Disposición derradeira única.
Exposición de motivos
A Universidade de Vigo é unha institución pública á cal lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servizo público da educación superior e, como tal, ten o compromiso de acadar os maiores niveis formativos para o seu estudantado.
O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, ten por obxecto establecer a organización e a estrutura das ensinanzas universitarias, a partir dos principios xerais que definen o espazo europeo de educación superior (EEES). O seu ámbito de aplicación son as ensinanzas universitarias oficiais de grao, mestrado universitario e doutoramento, así como outras ensinanzas universitarias.
Artigo 1. Obxecto
Estas directrices teñen por obxecto establecer a estrutura das ensinanzas de grao da Universidade de Vigo.
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 2. Obxectivos das titulacións de grao universitario
Os títulos oficiais de grao teñen como obxectivo a formación xeral do estudantado nunha ou varias disciplinas, orientada á preparación para o exercicio de actividades de carácter profesional e garanta a súa formación integral como cidadáns. Nestes programas de estudo primarase a formación básica e xeral do estudantado fronte á especialización.
Artigo 3. Principios reitores xerais dos títulos de grao universitario
1. Os principios que deben inspirar o desenvolvemento de títulos universitarios son: o rigor académico do proxecto formativo; o cariz xeneralista no caso dos graos; a coherencia entre os obxectivos formativos, os resultados da aprendizaxe que se deben adquirir; os sistemas de avaliación e a súa comprensibilidade social.
2. Así mesmo, deben ter como referencia os principios e valores democráticos e os obxectivos de desenvolvemento sustentable: o respecto aos dereitos humanos e dereitos fundamentais; o respecto á igualdade de xénero; a non discriminación por calquera circunstancia persoal ou social; o respecto aos principios de accesibilidade universal; o tratamento da sustentabilidade.
3. Estes principios deberán incorporarse, na medida posible segundo a natureza do título e co formato que o centro responsable ou a universidade decida, como contidos ou resultados de aprendizaxe de carácter transversal.
Artigo 4. Requisitos xerais
1. Os títulos oficiais deben garantir unha oferta equilibrada de calidade e con pertinencia para Galicia e cos requisitos xerais que defina a Comunidade Autónoma.
2. Ademais destes requisitos xerais, o desenvolvemento da normativa autonómica e os diversos acordos coas universidades do SUG poderán incorporar outros requisitos específicos e/ou outras prioridades.
Artigo 5. Memorias dos títulos de grao universitario
As memorias dos títulos de grao oficiais estruturan os obxectivos formativos, os coñecementos e contidos que se adquirirán, as competencias e habilidades que se deben conseguir, as prácticas externas que se realizarán para reforzar o proxecto formativo e o sistema de avaliación do estudantado matriculado na titulación.
Artigo 6. Adscrición a ámbitos de coñecemento
Todos os títulos de grao deberán adscribirse, a través dunha declaración explícita na memoria de verificación, a un dos ámbitos de coñecemento recollidos no anexo I do Real decreto 822/2021.
Artigo 7. Límite de prazas
A aprobación dun grao implicará a determinación inicial do límite de prazas ofertadas. A Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) estudará anualmente as propostas de límite de prazas recibidas dos consellos de centro, e elevaralle a proposta ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
No caso de titulacións interuniversitarias especificarase a totalidade das prazas do programa e, de ser o caso, as que corresponden a cada universidade.
Artigo 8. Títulos conxuntos
1. Poderán desenvolverse graos conxuntos impartidos por varias universidades, conducentes á obtención dun título único. Estes títulos terán unha única denominación e un único plan de estudos e estarán regulados por un convenio de colaboración académica que se incorporará á memoria da titulación.
2. No convenio que regule os títulos conxuntos acordarase que universidade será a responsable do título e, polo tanto, a encargada da presentación da memoria nos diversos procedementos de aseguramento da calidade establecidos no Real decreto 822/2021, a universidade coordinadora e a composición da Comisión de Seguimento. Tamén se regularán as normativas académicas e de avaliación que se seguirán, a responsabilidade na emisión do título e a xestión dos expedientes do estudantado matriculado. Ademais, tratará a composición e as funcións da Comisión Interuniversitaria, a xestión da mobilidade do alumnado e do profesorado (de ser o caso), os mecanismos de transferencia de prazas vacantes entre universidades participantes, a achega económica de cada universidade (de ser o caso) e a modificación e extinción do propio convenio.
De non existir regulación expresa, o réxime será o seguinte:
a) As universidades ofrecerán de xeito independente o número de prazas, tanto para o primeiro curso, como para o acceso e a admisión en cursos superiores, de ser o caso.
b) En calquera dos accesos, o alumnado poderá presentar unha solicitude de ingreso independente en cada unha das universidades, e deberá optar, no caso de seren admitidos en máis dunha, por unha delas no momento de formalizar a matrícula.
c) Unha vez admitidos cos mesmos criterios de selección considerase estudante dunha única universidade. Poderase cambiar de universidade e a xestión do seu expediente noutro ano académico, conforme o establecido na letra e).
d) A matrícula formalizarase mediante os procedementos, as normas de liquidación de prezos e os prazos establecidos pola universidade en que se matricule. A matrícula será única e comprenderá todas as materias que pretenda cursar o alumnado na institución matriculada.
e) O alumnado matriculado nunha universidade conforme a letra d) poderá solicitar trasladar a xestión do seu expediente a outra con carácter anual, sen que teña a consideración xurídica de traslado, polo que non se deberán aboar prezos públicos por este concepto.
f) En ningún suposto o exercicio do dereito de matrícula establecido nestas normas obrigará a modificar o réxime de horarios e o calendario de exames en ningunha das universidades.
g) Cada universidade remitirá ás outras, a través do seu coordinador local, acta ou certificación académica por cada materia ou módulo en que exista alumnado inscrito das outras universidades unha vez finalizada cada unha das convocatorias oficiais, segundo o procedemento que se estableza.
h) As materias e as actividades cursadas polo alumnado e recollidas no seu expediente serán recoñecidas nas outras universidades sen que se someta a ningún tipo de proceso de adaptación ou validación. A transcrición do expediente será literal e sen textos engadidos, notas ou aclaracións.
i) Para a obtención do título o alumnado deberá ter superados todos os créditos establecidos, independentemente das universidades en que os superara.
j) O alumnado aboará os dereitos de expedición do título na universidade onde efectuase a última matrícula, que será a encargada da súa expedición en todo o relacionado coas certificacións, cos duplicados, co rexistro e coa custodia.
3. Se a universidade responsable do título conxunto non é española, as universidades españolas participantes acordarán que institución será a responsable da tramitación do título e do ciclo de verificación, seguimento, modificación e renovación da acreditación en España.
4. Se nun título conxunto participan varias universidades do SUG e ningunha é a responsable do título, as persoas representantes destas universidades acordarán que institución do SUG será a encargada da tramitación do título perante a Comunidade Autónoma.
5. Nos títulos conxuntos internacionais en que participe a Universidade de Vigo corresponderalle a custodia dos expedientes do estudantado ao cal lle expida o título, así como o mantemento dunha copia dos expedientes do alumnado que curse o título.
6. En xeral, as titulacións universitarias conxuntas internacionais deberán ter en conta o establecido nas disposicións adicionais sexta e sétima do Real decreto 822/2021.
Artigo 9. Traballo académico do estudantado
O crédito ECTS enténdese como a medida do haber académico e representa a cantidade de traballo do estudantado para cumprir cos obxectivos do programa de estudo, segundo o disposto na normativa da Universidade de Vigo.
A partir deste punto, calquera referencia a créditos neste regulamento entenderase referida a créditos do Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS).
CAPÍTULO II
Directrices xerais das titulacións de grao
Artigo 10. Duración dos estudos de grao
Os títulos oficiais de grao terán unha duración global de 240 e un nivel equivalente ao MECES 2, salvo aqueles que estean suxeitos a lexislación específica ou polas normas do Dereito da Unión Europea a ter 300 ou 360 créditos. Neste último caso e se 60 créditos son concordantes cos requisitos formativos correspondentes a un mestrado, poderán obter un nivel equivalente ao MECES 3 logo de solicitude ao Consello de Universidades.
Artigo 11. Estrutura por curso
A distribución de créditos por curso queda fixada en 60 créditos, agás nas titulacións conxuntas internacionais e nos programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións de grao con itinerario específico. O plan de estudos garantirá que a distribución de créditos entre os diferentes cuadrimestres sexa equilibrada.
Para o cómputo dos créditos dos programas aplicarase a unidade de crédito ECTS regulada no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro. Na Universidade de Vigo cada crédito ECTS supón 25 horas de traballo do estudantado.
Artigo 12. Mencións
1. As memorias dos plans de estudos de titulacións de grao poderán incluír mencións que supoñan unha intensificación curricular ou itinerario específico sobre un aspecto formativo determinado.
2. Cada mención terá como mínimo un 20 % da carga de créditos total do correspondente título de grao.
Artigo 13. Tipos e tamaño das materias
1. O deseño do plan de estudos deberá explicitar toda a formación teórica e práctica que o/a estudante debe adquirir e estará estruturado mediante materias básicas, materias obrigatorias, materias optativas e o traballo de fin de grao. Ademais, poderá incorporar prácticas externas, así como outras actividades formativas.
2. Como norma xeral, as materias serán de duración cuadrimestral e terán unha carga de traballo dun mínimo de 3 créditos e, preferentemente entre 3 e 6 créditos, excepto o traballo de fin de grao e prácticas externas, que terá os mínimos fixados no artigo 16 e 17.
3. Os módulos defínense como o conxunto de materias relacionadas entre si e poderán estar constituídos por materias de formación básica, materias obrigatorias e materias optativas.
4. Para cada materia establecerase unha guía docente cos obxectivos e resultados de aprendizaxe que se terán que adquirir para superar a dita materia. Deberá incluír os contidos, as metodoloxías, as accións formativas, os criterios de avaliación, a bibliografía e o sistema de cualificación de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 14. Créditos de formación básica
1. Os plans de estudos de 240 créditos terán un mínimo de 60 créditos de formación básica organizados en materias dun mínimo de 6 créditos e ofertados na primeira metade da titulación. Nos títulos de grao de 300 e 360 créditos a formación básica incluirá un mínimo de 75 e 90 créditos, respectivamente.
2. Como mínimo a metade dos créditos de formación básica estarán vinculados ao ámbito de coñecemento a que se adscribe o título.
Artigo 15. Créditos optativos e oferta de optatividade
1. Os plans de estudos terán un máximo dun 15 % de créditos optativos, non vinculados as mencións, do total de créditos do título. En casos excepcionais, e debidamente xustificados, poderá superarse este límite.
2. A oferta de créditos en materias optativas non superará o dobre dos créditos optativos que deba cursar o/a estudante. Os criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) aprobados polo Consello de Goberno fixarán a oferta anual a incorporar na dita PDA.
3. As prácticas externas de carácter optativo e os créditos obtidos por recoñecemento non computarán no cálculo do límite de optatividade.
Artigo 16. Traballo de fin de grao
1. O traballo de fin de grao terá carácter obrigatorio e a súa superación será imprescindible para a obtención do título oficial. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos.
2. Terá un mínimo de 6 créditos e un máximo de 24 créditos nos títulos de 240 créditos, de 30 créditos nos títulos de 300 créditos e de 36 créditos nos títulos de 360 créditos.
Artigo 17. Prácticas externas
No caso de que o plan de estudos incorpore a realización de prácticas externas, estas terán unha extensión máxima do 25 % do total de créditos do título, salvo que por directrices europeas deban supor outra porcentaxe, e deberán ofrecerse preferentemente na segunda metade do plan de estudos. Desta norma quedan exceptuados os graos que inclúan a mención dual, cuxa extensión estará entre o 20 % e o 40 % dos créditos. No caso de incorporar prácticas externas, deberase garantir a oferta para todo o estudantado e xustificar a súa viabilidade na memoria do título.
Artigo 18. Excepcións
1. Os plans de estudos de graos que habiliten para o desenvolvemento de actividades profesionais reguladas deberán organizarse atendendo ao disposto polas correspondentes ordes ministeriais.
2. No caso de títulos de grao que sexan un requisito para o acceso a másteres universitarios habilitantes, o plan de estudos deberá recoller as condicións formativas establecidas polas ordes ministeriais correspondentes.
3. Os títulos de grao conxuntos regularanse polo convenio do título.
CAPÍTULO III
Modalidades docentes das titulacións de grao
Artigo 19. Modalidades docentes
As titulacións de grao da Universidade de Vigo poderán impartirse en modalidade presencial, en modalidade híbrida e/ou en modalidade virtual. As memorias que recollen os plans de estudo deberán reflectir as modalidades docentes do título.
Artigo 20. Porcentaxe de actividade presencial segundo o tipo de modalidade docente
1. Na modalidade docente presencial, toda a actividade lectiva se desenvolverá interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. No caso de títulos intercentros ou de títulos conxuntos impartidos en distintas sedes, seguiranse as directrices establecidas pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e da Secretaría Xeral de Universidades (SXU).
2. Na modalidade docente híbrida, entre o 40 % e o 60 % da actividade lectiva das materias desenvolverase interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. O resto da actividade lectiva das materias desenvolverase de forma non presencial.
Debe manterse a unidade do proxecto formativo entre as actividades presenciais e as non presenciais.
3. Na modalidade docente virtual, a actividade lectiva desenvolverase maioritariamente de xeito non presencial. Enténdese como maioritariamente non presencial cando menos do 20 % da actividade lectiva se desenvolva interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico.
Artigo 21. Cálculo da porcentaxe de actividade presencial dun título
1. A porcentaxe de actividade presencial dun título de grao pode especificarse nas memorias dos títulos ben de xeito global, para todo o título, ben de xeito detallado, para cada materia.
2. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito global, esta expresarase a través dun valor único. A devandita porcentaxe será de aplicación en todas as materias de formación básica, obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos.
3. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito detallado, indicarase a porcentaxe para cada unha das materias de formación básica, obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos. A porcentaxe de actividade presencial do título determinarase mediante a suma dos créditos presenciais das materias de formación básica, das materias obrigatorias e das materias optativas dividido polo número de créditos de materias de formación básica, de materias obrigatorias e de materias optativas que debe cursar o/a estudante. Para a estimación da suma dos créditos presenciais das materias optativas, empregarase unha media ponderada sobre a oferta de optatividade aplicada sobre o número de créditos de materias optativas que debe cursar o/a estudante.
Artigo 22. Aspectos que cómpre considerar nas modalidades híbrida e virtual
As modalidades docentes híbrida e virtual deberán prestar especial atención a todos aqueles aspectos metodolóxicos e técnicos que presenten diferenzas segundo as actividades lectivas sexan presenciais ou non presenciais. Por exemplo: medidas que se utilizarán; canles de comunicación; coordinación do calendario académico presencial e non presencial; dispoñibilidade de materiais formativos; adquisición de competencias prácticas; verificación da identidade na avaliación non presencial, etc.
CAPÍTULO IV
Estruturas curriculares específicas e de innovación docente
Artigo 23. Mención dual en titulacións de grao
1. As memorias de título de grao poderán incorporar unha mención dual que conforme un proxecto formativo común entre o centro universitario responsable do título e unha entidade colaboradora, que poderá ser unha empresa, unha organización social, unha organización sindical, unha institución ou unha Administración.
A supervisión e o liderado formativo serán por conta do centro universitario responsable.
2. Para a obtención da mención dual será condición necesaria que se desenvolvan na entidade colaboradora entre o 20 % e o 40 % dos créditos do título de grao. Dentro destas porcentaxes deberá incluírse o traballo de fin de grao.
3. O desenvolvemento da mención dual debe seguir as condicións contidas no artigo 22 do Real decreto 822/2021 e na normativa da Comunidade Autónoma.
Artigo 24. Programas de ensinanzas de grao con itinerario académico aberto
1. A universidade, no seu obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible poderá ofertar graos con itinerario académico aberto.
Trátase de posibilitar que calquera estudante poida comezar os seus estudos na universidade sen necesidade de decidir inmediatamente o grao a cursar e/ou que dubiden entre máis dunha área de coñecemento e desexen conseguir unha formación multidisciplinar.
2. O desenvolvemento dos programas de ensinanzas de grao con itinerario académico aberto debe seguir as condicións contidas no artigo 23 do Real decreto 822/2021, na normativa da Comunidade Autónoma e na normativa específica da Universidade de Vigo.
Artigo 25. Programa académico de simultaneidade de dobres graos
1. Poderán ofertase programas de simultaneidade de dúas titulacións de grao para a obtención de cada un dos títulos que o conforman, co obxectivo de sumar sinerxías formativas de títulos que se complementan desde o punto de vista educativo e/ou profesional.
2. O desenvolvemento dos programas de simultaneidade de dobres graos debe seguir as condicións contidas no artigo 24 do Real decreto 822/2021, na normativa da Comunidade Autónoma e na normativa específica da Universidade de Vigo.
Artigo 26. Programas académicos con percorridos sucesivos (PAPS) no ámbito da enxeñaría e da arquitectura
1. Poderán ofertarse un título de grao e un título de máster universitario orientado á especialización profesional, mantendo a súa diferenciación e independencia estrutural coa finalidade de reforzar a formación integral do estudantado.
2. O PAPS non constitúe unha nova titulación, senón que proporciona itinerarios curriculares específicos que permiten cursar ambas as dúas titulacións oficiais vencelladas preexistentes de forma parcialmente simultánea para, unha vez finalizados os estudos, obter ambos os títulos, consonte co establecido na normativa reguladora da Universidade de Vigo.
Artigo 27. Outras estruturas curriculares específicas
As memorias de título poderán incorporar outras estruturas curriculares específicas nos seus plans de estudo. A referencia a estas estruturas curriculares reflectirase no suplemento europeo ao título.
Artigo 28. Estratexias metodolóxicas de innovación docente
1. As memorias de título poderán incorporar estratexias metodolóxicas de innovación docente específicas e diferenciadas que impliquen a totalidade das materias que configuran un título. Por exemplo: aula invertida; aprendizaxe baseada no traballo por proxectos ou casos prácticos; desenvolvemento de traballo colaborativo e cooperativo; aprendizaxe baseada na capacidade de resolución de problemas; competencias multilingües; docencia articulada no uso intensivo das tecnoloxías dixitais da información e da comunicación; outras iniciativas de carácter similar impulsadas pola universidade ou os seus centros.
O obxectivo destas estratexias singulares será a mellora do ensino e da aprendizaxe. A referencia a estas estratexias metodolóxicas reflectirase no suplemento europeo ao título.
Tamén lles poderán ser recoñecidas aos/ás estudantes mediante a emisión dun certificado, co fin de poñelas en valor.
2. A incorporación de propostas de innovación docente globais debe seguir as condicións contidas no artigo 21 do Real decreto 822/2021.
Disposición derrogatoria única
Queda derrogada calquera norma de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste regulamento.
Disposición derradeira única
A presente normativa entrará en vigor o día seguinte de publicarse no taboleiro electrónico oficial da Universidade de Vigo tras a súa aprobación no Consello de Goberno.
