DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 12 de decembro de 2025 Páx. 63938

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2025/150-4).

Expediente: IN407A 2025/150-4.

Promotora: BorgWarger Emissions Systems Spain, S.L.

Denominación: LMTS, CS BorgWarner-Porto do Molle.

Concello: Nigrán.

Feitos:

1. O 30.7.2025, a empresa BorgWarger Emissions Systems Spain, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS BorgWarner-Porto do Molle.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro industrial Diego Chouza Montero, colexiado 2955 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e contén un orzamento total de 50.123,98 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de seccionamento e a súa liña de acometida na rúa das Pontes, no Porto do Molle, no concello de Nigrán, para atender a subministración á nova sede de BorgWarner.

Estas instalacións eléctricas, unha vez rematadas e antes da súa posta en servizo, serán obxecto de cesión á empresa distribuidora da zona; neste caso, UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.

3. O 1.10.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CS BorgWarner-Porto do Molle.

Consideracións legais e técnicas.

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 mm², de 15 de metros de lonxitude (7,5 m x 2), con orixe e final na LMT GON818, entre o centro de seccionamento 36CXR1 e o centro de transformación 36CVW9, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.

– Centro de seccionamento con cela compacta de illamento e corte en SF6 (tres posicións de liña e unha de interruptor, 3L+1P SS.AA.).

– A instalación está situada na parcela M20.03, na rúa das Pontes, Porto do Molle, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa BorgWarger Emissions Systems Spain, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS BorgWarner-Porto do Molle, expediente IN407A 2025/150-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e aos dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial, os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empreguen gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou ao equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente en que conste que a instalación foi realizada de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12.6.2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se van aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.

– Contrato de cesión entre BorgWarger Emissions Systems Spain, S.L. (promotor) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de novembro de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra