O 30 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR937A).
O artigo 2 desta resolución establece que para o financiamento destas axudas se destinará un crédito dun millón de euros (1.000.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025. Ademais, sinala que este crédito poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación.
Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resulta insuficiente debido ao volume de solicitudes recibidas e que existe crédito dispoñible procedente de remanentes doutras convocatorias que se pode aplicar a incrementar o importe do crédito inicialmente previsto, considérase necesario realizar unha ampliación do importe establecido inicialmente.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria
1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 3 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, na contía de trescentos mil euros (300.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.470.0.
2. Esta ampliación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na resolución de convocatoria nin o resto do seu articulado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
