Asunto: estudo de detalle para reordenar volumes no cuarteirón número 6 do parque empresarial de Muros.
Promotor: bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, S.L.U.
Situación: concello de Muros (A Coruña).
1. Antecedentes.
Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión celebrada o día 26 de outubro de 2006, acordou a aprobación definitiva do proxecto sectorial do parque empresarial de Muros (A Coruña) e do correspondente proxecto de urbanización, para os efectos do establecido pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Este acordo fíxose público en virtude da Resolución do 13 de novembro de 2006 da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 226, do 23 de novembro).
Segundo. No inventario do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia recóllese o parque empresarial de Muros como unha actuación en funcionamento (código de área 15053011). Figura como promotor da área a sociedade Suelo Empresarial de Atlántico, S.L. (en diante, SEA) e delimítase a súa superficie total en 181.433,07 m2.
Terceiro. Con data 11.11.2025 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o estudo de detalle sobre o cuarteirón número 6 do parque empresarial de Muros dirixido á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial. Advertido un erro material, con data 25.11.2025 remítese novamente a documentación corrixida.
2. Marco normativo e tramitación.
Primeiro. A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, resulta de aplicación a este ámbito conforme o disposto na súa disposición transitoria segunda, punto 2, que establece que «os ámbitos de solo empresarial de promoción pública ordenados mediante proxectos sectoriais ou proxectos de interese autonómico serán desenvolvidos, na medida en que resulte procedente, mediante os instrumentos de desenvolvemento e execución recollidos na presente lei». No artigo 47 de dita lei enuméranse os instrumentos de desenvolvemento e execución das áreas empresariais de promoción pública, entre os cales se encontran os estudos de detalle.
Segundo. O capítulo VI do título III da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, regula os estudos de detalle, indicando que o obxecto destes é axustar aliñacións e rasantes, así como ordenar volumes. No referente ao contido, este será o establecido na normativa urbanística con indicación expresa de que non poderá modificar as determinacións dos plans que desenvolvan, sen prexuízo da posibilidade de efectuar as adaptacións exixidas para completar ou axustar aliñacións e rasantes, así como para ordenar volumes.
Terceiro. En canto ao procedemento de tramitación e aprobación do estudo de detalle, o artigo 73 da Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia, establece que unha vez formulado, o estudo de detalle se presentará ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo ou o concello competente, segundo o previsto no número 3 do artigo 48 da citada lei. Pola súa parte, a disposición adicional duodécima da Lei 3/2022, de áreas empresariais de Galicia establece que «as referencias feitas na presente lei ao Instituto Galego da Vivenda e Solo entenderanse realizadas á consellería competente en materia de solo empresarial».
Cuarto. De acordo co disposto na disposición adicional sétima do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Economía e Industria asumirá as competencias en materia de solo empresarial, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, as funcións relativas a solo empresarial correspóndenlle á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
Quinto. De acordo co artigo 73.2 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, é preciso dar audiencia ao concello ou concellos afectados polo prazo de un mes. No obstante, a documentación achegada inclúe un informe dos servizos técnicos-xurídicos do concello de Muros en que, para evitar o trámite de audiencia, xa achegan informe favorable sobre o estudo de detalle do parque empresarial de Muros. O citado informe foi asinado polo asesor xurídico e a arquitecta municipal do concello con data 29.10.2025 e 30.10.2025, respectivamente.
Sexto. De acordo co artigo 73.4 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, a resolución de aprobación dos estudos de detalle e as súas disposicións normativas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia, logo de inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Sétima. Consideracións técnicas: o estudo de detalle ten por obxecto ordenar os volumes edificables das parcelas 8; 9; 10; 11; 12; 13 e 14 do cuarteirón número 6 do proxecto sectorial do parque empresarial de Muros. O obxectivo é agrupar as parcelas eliminando os recuamentos intermedios previstos no proxecto sectorial. Ao agrupar as parcelas proponse unha edificación en volume único que respecte os recuamentos e aliñacións dos novos lindes resultantes da agrupación.
A proposta de ordenación de volume feita neste estudo de detalle xera unha ocupación e edificabilidade menor na parcela agrupada da que correspondería de acordo coa ocupación e edificabilidade prevista no proxecto sectorial para o conxunto do cuarteirón.
A implantación dun novo volume, distinto do recollido neste estudo de detalle, requiriría dunha nova análise e, polo tanto, da tramitación e xustificación dun novo estudo de detalle.
Oitava. Feito un control documental por parte do Servizo de Planificación e Ordenación do Solo Empresarial, considérase que a documentación técnica do estudo de detalle achegado, redactado por AnteaGroup, cumpre co contido do artigo 193. Documentación dos estudos de detalle do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia.
Igualmente, entre a documentación achegada para a tramitación deste estudo de detalle atópase a autorización de SEA promotor do parque empresarial e titular das parcelas que se pretenden agrupar.
En consecuencia, con data 26.11.2024, foi emitido informe técnico favorable pola xefa do Servizo de Planificación e Ordenación do Solo Empresarial.
3. Conclusión.
Visto canto antecede, en atención á documentación e informes que constan no expediente,
RESOLVO:
Aprobar o estudo de detalle para axustar os recuamentos e volumes no cuarteirón número 6 do proxecto sectorial do parque empresarial de Muros.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
