A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias e consciente da importancia de establecer medidas de estímulo á creación audiovisual, ten como obxectivo promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor artístico co propósito de contribuír ao enriquecemento cultural do país a través das distintas formas de expresión audiovisual e, para o logro dos seus obxectivos, poderá conceder subvencións.
Con estas axudas, a Axencia quere impulsar a creación de obras audiovisuais en galego a través do apoio á realización e posprodución de curtametraxes e á produción de longametraxes, co fin último de promover o sector creativo da industria audiovisual galega e, ao mesmo tempo, contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.
De acordo co anterior,
RESOLVO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT207E).
Artigo 2. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias:
1. As persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
2. As persoas físicas autónomas ou as persoas xurídicas que estean constituídas como produtora independente no momento de presentar a solicitude, teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
3. Deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 2 e 4 das bases reguladoras.
Artigo 3. Financiamento
Para a concesión destas subvencións destínase un crédito global de 176.000 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.A1.432B.480.0 e 13.A1.432B.770.0 do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, código de proxecto 2015-0003, para os anos 2026 e 2027, segundo a distribución económica do cadro seguinte:
|
Aplicación orzamentaria |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
|
13.A1.432B.480.0 |
48.000 € |
|
|
13.A1.432B.770.0 |
34.000 € |
94.000 € |
Este expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se producirán aqueles.
Artigo 4. Solicitudes
4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican nas bases reguladoras e cumprir cos requisitos establecidos nelas.
4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
4.3. En relación coa presentación das solicitudes, as persoas solicitantes ás cales vai dirixida esta convocatoria de subvencións, que sexan persoas físicas, encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica e dedicación profesional, que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia
Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Información ás persoas interesadas
6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais:
https://industriasculturais.xunta.gal/es
b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.
c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
Artigo 7. Réxime de recursos
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).
Artigo 9. Rexistro Público de Subvencións
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e de que, para ser persoa beneficiaria da axuda, deberán autorizar a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
ANEXO I
Bases reguladoras das axudas á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego convocadas para o ano 2026 (código de procedemento C207E)
Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión
1. O obxecto destas bases é regular as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a realización de curtametraxes a cargo de creadores/as individuais, e a posprodución de curtametraxes e a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT207E).
2. Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere impulsar a creación de obras audiovisuais en galego a través do apoio á realización e posprodución de curtametraxes e a produción de longametraxes, co fin de promover o sector creativo da industria cultural galega e, ao mesmo tempo, contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.
3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L), para aqueles beneficiarios que realicen unha actividade económica.
O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 300.000 euros durante o período dos tres anos previos á data da concesión.
Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
4. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes para o mesmo proxecto.
Porén, estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas, subvencións, ingresos ou recursos públicos ou privados para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto subvencionado, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias:
1.1. As persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
1.2. As persoas físicas autónomas ou as persoas xurídicas que estean constituídas como produtora independente no momento de presentar a solicitude, teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
2. Deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos específicos:
2.1. Para proxectos da modalidade A:
a) Proxectos da submodalidade A1 (realización de curtametraxe), unicamente poderán presentarse aquelas persoas físicas que exerzan como director ou directora da obra.
b) Proxectos da submodalidade A2 (curtametraxes en construción), a persoa beneficiaria terá que ser persoa autónoma ou empresa, en ambos os casos constituída como produtora audiovisual.
2.2. Proxectos da modalidade B (longametraxes), a persoa beneficiaria terá que ser persoa autónoma ou empresa, en ambos os casos constituída como produtora audiovisual.
3. Non poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas
1. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 176.000 euros, con cargo ás seguintes aplicacións do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, para os anos 2026 e 2027, no código de proxecto 2015-0003, coa distribución do cadro seguinte:
|
Aplicación orzamentaria |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
|
13.A1.432B.480.0 |
48.000 € |
|
|
13.A1.432B.770.0 |
34.000 € |
94.000 € |
2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.
3. A alteración da distribución dos créditos establecida nesta convocatoria non precisará dunha nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
4. No caso de existiren solicitudes que, cumprindo todos os requisitos, non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera formada polas persoas solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou calquera outra causa que permitise o incremento do crédito inicial.
5. O crédito distribuirase entre as distintas modalidades entre os proxectos máis puntuados, cun número de proxectos e un importe máximo de subvención por modalidade, e a axuda poderá acadar unha intensidade máxima do 100 %, tal como se reflicte no cadro seguinte:
|
Contía máxima da subvención |
Nº de proxectos por modalidade |
Ano 2026 |
Ano 2027 |
Total |
|
|
Submodalidade A1 |
8.000 € |
6 |
48.000 € |
48.000 € |
|
|
Submodalidade A2 |
4.000 € |
2 |
4.000 € |
4.000 € |
8.000 € |
|
Modalidade B |
40.000 € |
3 |
30.000 € |
90.000 € |
120.000 € |
|
Total |
11 |
82.000 € |
94.000 € |
176.000 € |
6. Este expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2025 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución se entenderán condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produzan aqueles.
Artigo 4. Proxectos subvencionables. Modalidades e requisitos
Os proxectos obxecto desta convocatoria están clasificados nas modalidades que se detallan a continuación:
1. Modalidade A: subvencións a curtametraxes. Esta modalidade consta de dúas submodalidades:
A1: axudas a curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos.
A2: axudas a curtametraxes en construción que estean gravadas en versión orixinal galega, teñan unha duración inferior a 60 minutos e teñan previsto realizar os traballos de posprodución en Galicia.
2. Modalidade B: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que se correspondan con propostas de especial valor artístico e creativo e/ou empreguen novas formas de linguaxe audiovisual e/ou adopten fórmulas narrativas non convencionais, e que estean a cargo dun director ou dunha directora que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica.
Cada proxecto só poderá estar inscrito nunha modalidade.
Se o proxecto se presenta á submodalidade A2 de curtametraxes en construción, non pode contar cunha subvención previa outorgada en anteriores convocatorias de axudas da Agadic, en calquera das liñas existentes.
Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro do período de execución establecido na presente convocatoria e se xustifiquen e acrediten o seu pagamento con antelación á data de xustificación da subvención.
2. Para os efectos desta convocatoria, serán gastos subvencionables os relativos á posprodución da curtametraxe en construción (modalidade A2) e á realización da longametraxe (modalidade B). Tamén terán a consideración de gastos subvencionables os gastos de amortización de material informático e audiovisual directamente relacionado coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, ata un máximo do 5 % do importe da subvención, sempre que se cumpra nas seguintes normas:
2.1. A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.
2.2. Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.
2.3. Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar ou copias, así como a xustificación do seu pagamento ou copias.
3. Así mesmo, terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes á asesoría xurídica ou financeira, gastos financeiros e gastos notariais ou rexistrais cando estean estreitamente vinculados á realización do proxecto subvencionado.
4. Non serán gastos subvencionables:
4.1. O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.
4.2. Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.
5. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde a data de publicación da presente convocatoria ata a data máxima de xustificación establecida nas presentes bases segundo cada modalidade:
Modalidade A1: o 15 de outubro de 2026.
Modalidade A2: o 15 de xuño de 2027.
Modalidade B: o 15 de setembro de 2027.
Artigo 6. Subcontratación
1. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros produtores a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social do produtor co que se pretenda contratar a actividade.
2. Non se considera subcontratación a contratación de calquera actividade ou servizo de produción con profesionais ou empresas en cuxo obxecto social non se inclúa a produción cinematográfica.
Artigo 7. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. En relación coa presentación das solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta convocatoria de subvencións, encádranse nun colectivo especialmente cualificado en canto á súa capacidade técnica e dedicación profesional, que acredita a posibilidade e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos e, polo tanto, teñen a obriga de empregalos para a realización de calquera trámite deste procedemento administrativo, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
4. Cubriranse no anexo II, entre outras, as seguintes declaracións responsables:
4.1. Declaración en que conste que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ao concorreren, como mínimo, dous dos requisitos que se relacionan:
a) Que teña como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.
b) Que o contido estea ambientado principalmente en España.
c) Que o contido teña relación directa coa literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a escultura e, en xeral, coas expresións da creación artística.
d) Que o guión sexa a adaptación dunha obra literaria preexistente.
e) Que o contido teña carácter biográfico ou, en xeral, reflicta feitos ou personaxes de carácter histórico, sen prexuízo das adaptacións libres propias dun guión cinematográfico.
f) Que o contido inclúa principalmente relatos, feitos ou personaxes mitolóxicos ou lendarios que poidan considerarse integrados en calquera patrimonio ou tradición cultural do mundo.
g) Que ofreza un mellor coñecemento da diversidade cultural, social, relixiosa, étnica, filosófica ou antropolóxica.
h) Que o contido estea relacionado con asuntos ou temáticas que forman parte da realidade social, cultural ou política española, ou con incidencia sobre eles.
i) Que no relato cinematográfico, un dos protagonistas ou varios dos personaxes secundarios estean directamente vinculados con esa mesma realidade social, cultural ou política española.
j) Que se dirixa especificamente a un público infantil ou xuvenil e conteña valores acordes cos principios e fins da educación recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a norma que, de ser o caso a substitúa, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
4.2. Declaración de que o proxecto é obra orixinal ou de que a persoa solicitante é titular dos dereitos suficientes de propiedade da obra preexistente, de ser o caso.
4.3. Que en relación coa submodalidade A1 (curtametraxes sobre proxecto), de ser o caso:
– A persoa solicitante non figura como persoa responsable da dirección de ningunha longametraxe realizada.
– A persoa solicitante non recibiu axudas á realización de curtametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.
4.4. Que, en relación coa modalidade B (longametraxes), de ser o caso:
– A persoa responsable da dirección do proxecto que se presenta non recibiu subvencións á realización de longametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.
Artigo 8. Prazo para a presentación de solicitudes e emenda
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
– Documentación xeral:
a) Documentación acreditativa de posuír os dereitos ou ter autorización expresa da persoa propietaria dos dereitos da obra preexistente, de ser o caso.
Se a persoa solicitante é persoa xurídica:
b) Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.
c) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.
d) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude, de ser o caso.
Esta documentación terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión da solicitude, quedando inadmitidas as solicitudes que non a presenten.
Documentación específica:
1.1. Submodalidade A1: curtametraxes sobre proxecto.
1.1.1. Un dossier único do proxecto que conteña as seguintes partes, segundo a mesma orde e nomenclatura:
a) Datos identificativos do proxecto: título, xénero e profesionais técnicos e artísticos que formarán parte del.
b) Memoria explicativa do proxecto, de non máis de 500 palabras, onde consten as intencións artísticas do director ou directora e as intencións de promoción e distribución da curtametraxe.
c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 250 palabras.
d) Guión definitivo, técnico ou literario, da curtametraxe.
e) Calendario e plan de produción.
f) Currículo do equipo técnico-artístico.
1.1.2. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para unha mellor defensa do proxecto.
1.2. Submodalidade A2 (curtametraxes en construción).
1.2.1. Un dossier único do proxecto que conteña as seguintes partes, segundo a mesma orde e nomenclatura:
a) Datos identificativos do proxecto: título, xénero e profesionais técnicos e artísticos que forman parte del.
b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión non máis de 500 palabras, na cal consten as intencións artísticas do/da autor/a e a proposta de promoción e distribución da curtametraxe.
c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 250 palabras.
d) Ligazón ao primeiro corte da curtametraxe, con chave de acceso.
e) Calendario e plan de remate dos traballos de montaxe e posprodución en Galicia.
1.2.2. Orzamento do proxecto segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic.
1.2.3. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
1.3. Modalidade B: longametraxes.
1.3.1. Un dossier único do proxecto que conteña as seguintes partes, segundo a mesma orde e nomenclatura:
a) Datos identificativos do proxecto: título, xénero e duración. Deberán figurar tamén os nomes das persoas propostas para intervir na produción, en concreto e de ser o caso: responsables da dirección, guión, produción executiva, composición da banda sonora, dirección de fotografía e montaxe, así como actores/actrices.
b) Breve memoria asinada polo director ou directora da película en que describirá, entre outros aspectos, as súas intencións artísticas, a proposta estética e o carácter innovador do proxecto en canto a temática e narrativa.
c) Sinopse argumental dun máximo de 250 palabras.
d) Guión definitivo do proxecto ou tratamento, de ser o caso.
e) Descrición breve dos valores de produción do proxecto, orzamento estimado, estratexia de financiamento e viabilidade de realización, descrición das audiencias obxectivo e intencións en canto ao lanzamento e distribución. No mesmo punto deberán figurar o cronograma do proxecto e a descrición dos plans de produción, localizacións e rodaxe.
1.3.2. Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic).
1.3.3. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Con relación aos puntos 1.1.1, 1.2.1 e 1.3.1, o órgano instrutor comprobará a presentación do dossier como documento único pero non realizará a comprobación do seu contido. O dossier non poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao largo da fase de instrución do procedemento previa á reunión da Comisión de Valoración.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de modo presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dada de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Publicación
1. A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. Así mesmo, de forma complementaria, poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co establecido no artigo seguinte.
Artigo 12. Notificación das resolucións e actos administrativos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e se entenden rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 15. Instrución do procedemento
1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.
2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.
3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.
2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos e información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais expertas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nestas bases e nas de concesión da subvención.
Artigo 16. Comisión de Valoración
1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración de carácter paritario, entre homes e mulleres, nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, que estará integrada por:
– Unha persoa técnica pertencente ao cadro de persoal da Agadic.
– Dúas persoas profesionais de recoñecido prestixio no mundo cultural e/ou audiovisual, de entre as cales se designará o seu presidente/a. A persoa que exerza a presidencia da comisión terá voto de calidade en caso de empate de puntuación.
– Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que exercerá a secretaría da comisión, con voz e sen voto.
2. Para a composición da comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. A condición de membro da comisión ten carácter persoal e non permite actuar por delegación nin por substitución en ningún caso. As persoas que formen parte da comisión declararán por escrito non teren relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria e absteranse se se dá algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
4. A comisión poderá solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.
5. A Comisión de Valoración, previamente á cualificación das solicitudes, redactará una acta en que concrete os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito semellante ás persoas solicitantes. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixará constancia documental nun informe motivado onde se relacionarán os proxectos examinados por orde de prelación, coa puntuación de cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, sinalando os proxectos subvencionables que obteñan maior puntuación: 6 proxectos da submodalidade A1, 2 proxectos da submodalidade A2 e 3 proxectos da modalidade B.
6. Entre os proxectos propostos para seren subvencionados farase a seguinte reserva:
Dos seis proxectos subvencionables da modalidade A1, catro estarán reservados para aquelas persoas solicitantes que non figuren como persoa responsable da dirección de ningunha longametraxe realizada e que non recibisen axudas á realización de curtametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre as demais persoas solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida.
Dos tres proxectos da modalidade B reservaranse dous proxectos para aquelas solicitudes cuxo director ou directora non recibise subvencións á realización de longametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.
7. Elaborarase unha listaxe de reserva co resto de actuacións avaliadas para seren atendidas de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou de incrementarse os créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.
Artigo 17. Criterios de valoración
Os criterios de valoración que aplicará a comisión serán os seguintes, ademais de ter en conta o criterio de repartición establecido no artigo 16.5 e 6 destas bases:
|
Modalidade A: curtametraxes |
|
|
A1: realización de curtametraxes sobre proxecto |
Máximo 30 puntos |
|
a) Calidade e creatividade da proposta: teranse en conta a relevancia e orixinalidade da temática, a estética, o valor artístico, o seu carácter arriscado e innovador, a contribución á diversidade cinematográfica e o potencial de circulación. |
Ata 15 puntos |
|
b) Viabilidade cinematográfica: teranse en conta as posibilidades de realización da proposta con base na súa temática e o grao de dificultade en canto a localizacións e equipo técnico e artístico para levala a cabo. |
Ata 5 puntos |
|
c) Contribución cultural definida a través dos seguintes parámetros: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice referencias ao patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego. |
10 puntos se o proxecto cumpre dous dos parámetros que se detallan |
|
A2: curtametraxes en construción |
Máximo 35 puntos |
|
a) Calidade e creatividade do material fílmico presentado: teranse en conta a relevancia e orixinalidade da temática, a estética, o valor artístico, o seu carácter arriscado e innovador, a contribución á diversidade cinematográfica e o potencial de circulación. |
Ata 15 puntos |
|
b) Traballos de remate e posprodución propostos e adecuación ao orzamento presentado. |
Ata 5 puntos |
|
c) Plan de lanzamento e difusión da película: terase en conta a presentación dunha estratexia e a coherencia das accións deseñadas para a difusión da obra |
Ata 5 puntos |
|
d) Contribución cultural definida a través dos seguintes parámetros: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice referencias ao patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego. |
10 puntos se o proxecto cumpre dous dos parámetros que se detallan |
|
Modalidade B: longametraxes |
Máximo 35 puntos |
|
a) Calidade e creatividade da proposta: teranse en conta a relevancia e orixinalidade da temática, a creatividade, a estética proposta, o valor artístico, o carácter arriscado e innovador da obra en canto á linguaxe e narración e a súa contribución á diversidade cinematográfica. Terase en conta tamén a composición do equipo técnico e artístico do proxecto. |
Ata 15 puntos |
|
b) Deseño de produción e adecuación do orzamento ao proxecto presentado. |
Ata 5 puntos |
|
c) Potencial de circulación da obra e plan de lanzamento. Valorarase a presentación dunha estratexia e a coherencia entre o proxecto e as accións deseñadas para a súa difusión. |
Ata 5 puntos |
|
d) Contribución cultural definida a través dos seguintes parámetros: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice referencias ao patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego. |
10 puntos se o proxecto cumpre dous dos parámetros que se detallan |
Artigo 18. Audiencia
1. Efectuada a valoración, a comisión redactará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que lles deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.
Artigo 19. Resolución da convocatoria
1. Transcorrido o prazo das alegacións, se é o caso, o órgano instrutor ditará a proposta de resolución, que elevará á Presidencia do Consello Reitor, indicando o número de solicitudes propostas para seren subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas, así como as solicitudes propostas para seren inadmitidas e desistidas coa súa causa, e as desestimadas.
2. O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais.
3. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras e da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
4. A devandita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (https://industriasculturais.xunta.gal/es), pola cal se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Será motivada e fará mención expresa, cando menos,
a) Da relación de entidades beneficiarias da axuda.
b) Das solicitudes inadmitidas e as desistidas, indicando a causa de non admisión ou desistencia.
c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.
5. Na resolución as persoas beneficiarias que procedan serán informadas sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 13.12.2323, serie L).
6. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique ou notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
7. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os recursos establecidos no artigo 32 destas bases.
Artigo 20. Aceptación e renuncia da subvención
1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida, no prazo máximo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.
Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.
b) Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou cambios nos responsables do equipo técnico notificarase con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.
c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
d) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.
e) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.
f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento da actuación obxecto da subvención:
– Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia», utilizando a súa marca principal (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal).
– Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e comunicacións en redes sociais, deberá facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.
2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.
3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:
a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.
b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin danen dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da persoa beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade coa disposición adicional primeira da presente resolución, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle á persoa interesada.
6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido para cada anualidade, e sempre terá que solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de xustificación da anualidade correspondente.
Artigo 23. Xustificación da subvención
1. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención e responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada.
2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.
3. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.
De conformidade co disposto na Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas, que modifica os artigos 13 e 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando a persoa beneficiaria dunha subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e no suposto de subvencións superiores a 30.000 euros, non poderá obter a condición de persoa beneficiaria no suposto de que incumpra os prazos citados.
Esta circunstancia deberase acreditar coa presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non poida presentarse, acreditarase cunha certificación emitida polo auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar que a persoa beneficiaria cumpre os requisitos establecidos nas bases reguladoras para proceder ao pagamento das subvencións, incluíndo no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e do alcance das comprobacións practicadas, de conformidade co artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo sétimo.
6. A persoa beneficiaria deberá presentar, dentro do prazo de xustificación, a memoria xustificativa da realización do proxecto de creación audiovisual, que conterá:
6.1. Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a realización da curtametraxe, finalización da curtametraxe ou realización de longametraxe, segundo proceda.
6.2. Dúas copias da obra obxecto de subvención, unha delas en soporte USB que permita a lectura nun ordenador. A outra copia deberá achegarse na súa versión orixinal, en formato DCP, que cumpra a normativa DCI e non encriptado, DCDM e ProRes 422 HQ ou superior, ademais dunha versión en H264. Os arquivos serán os de máis resolución e calidade tanto de imaxe como de son (preferiblemente con mestura en 5.1 ou 2.0 para as obras con son monoaural) utilizados na produción e da versión orixinal.
6.3. Unha copia da inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual.
6.4. Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.
6.5. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos tres anos previos á data de concesión, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo III).
6.6. Ademais do anterior, para as modalidades A2 e B, unha memoria económica, que se corresponderá co orzamento presentado e que conterá:
6.6.1. Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúa o número de documento, a identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.
6.6.2. Copia das facturas ou documentos, de acordo co establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE núm. 289, do 1 de decembro de 2012), de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e copia dos documentos xustificativos do seu pagamento, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.
6.6.3. Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.
6.6.4. Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.
7. Completarase a xustificación da subvención unha vez que a Agadic deposite unha das copias da obra entregadas na Filmoteca de Galicia, como unidade adscrita á Axencia. O persoal técnico da Filmoteca emitirá un informe conforme a obra se corresponde co proxecto presentado e cumpre cos requisitos establecidos polas bases da convocatoria, que se incorporará ao expediente administrativo.
8. Prazos de xustificación anuais e finais da subvención.
|
Prazo de xustificación |
|
|
Submodalidade A1 |
15 de outubro de 2026 |
|
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
|
|
Submodalidade A2 |
1 de decembro de 2026 |
15 de xuño de 2027 |
|
Modalidade B |
1 de decembro de 2026 |
15 de setembro de 2027 |
9. A xustificación parcial da anualidade realizarase mediante a achega da seguinte documentación:
9.1. Memoria do estado de execución do proxecto.
9.2. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante o período dos anos tres previos á data de concesión, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo III).
9.3. Memoria económica segundo o punto 6.6 do presente artigo.
10. As persoas beneficiarias que non xustifiquen a anualidade correspondente nas datas sinaladas nin solicitaran a reasignación da subvención perderán o dereito a cobrar o importe non xustificado en tempo e forma.
11. Para os efectos de xustificación, o gasto subvencionable da segunda anualidade para a submodalidade A2 e modalidade B entenderase a partir do 2 de decembro de 2026.
Artigo 24. Pagamento da subvención
1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 972007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia que exime de constitución de garantías as persoas beneficiarias destas axudas.
2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.
3. O pagamento de cada anualidade realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para que os órganos competentes da Axencia verifiquen o cumprimento da actividade subvencionada.
4. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dunha declaración das axudas públicas solicitadas ou recibidas para o proxecto (anexo III).
5. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.
Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen obteña esta información, deberá achegar tales certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.
Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, serán requiridas para regularizaren a súa situación e presentaren por si mesmas os correspondentes certificados.
6. Pagamentos anticipados.
As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.1 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada e non poderá exceder o importe de subvención da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. O pagamento anticipado poderá ser solicitado ata cun mes de antelación ao prazo de xustificación da anualidade.
7. Pagamentos á conta.
As persoas ou entidades beneficiarias de subvención para proxectos presentados ás modalidades A2 e B, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar pagamentos á conta, tal e como se recolle no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A porcentaxe máxima dos pagamentos á conta non excederá o 50 % do importe da subvención concedida nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
8. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos anticipados que, de ser o caso, se concedan non poderán ser superiores ao 80 % da subvención concedida, nin excederán a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
9. Constitución de garantías. As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo de aprobación do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.
Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención
1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención que a persoa beneficiaria incumpra a súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.
3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.
Artigo 26. Causas de reintegro
1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
3. Son causas de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que foi concedida a axuda.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.
e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou a concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
Artigo 27. Gradación de incumprimentos
1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique, polo menos, o 60 % dos custos previstos no proxecto.
2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.
O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.
3. Nos seguintes casos de incumprimento procederá o reintegro parcial do seguinte xeito:
a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %
b) Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
4. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.
A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.
5. No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.
Artigo 28. Procedemento de reintegro
1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 26 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarao de oficio a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade coa disposición adicional primeira da presente resolución, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 29. Control
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.
2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.
3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.
4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mismo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 30. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto: https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia
No formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Artigo 31. Normativa aplicable
1. Será de aplicación a seguinte normativa:
1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e, supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.
1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
1.5. Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
Artigo 32. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
Artigo 33. Recursos administrativos
A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
En aplicación da disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da Agadic, que establece que «o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, de ser o caso, nas correspondentes resolucións de convocatoria», deléganse no director da Axencia Galega das Industrias Culturais as modificacións, aceptacións das renuncias presentadas e outras incidencias das axudas previstas nesta orde, tales como redistribucións de anualidades, acordos de inicio e resolucións de procedementos de reintegro e perdas do dereito, total ou parcial, ao cobramento da subvención.
Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
