O Pleno do Concello, na súa sesión extraordinaria que tivo lugar o 19 de novembro de 2025, en primeira convocatoria, aprobou definitivamente o estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións e de rasantes do viario previsto nas normas subsidiarias de planeamento entre a rúa Estrada de Cea e a rúa Alameda en Maside, na versión redactada e asinada dixitalmente polo arquitecto municipal Óscar González Fernández o 14 de novembro de 2025.
A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do estudo de detalle aprobado quedan condicionadas, de conformidade co establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), á publicación do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia e á inscrición do instrumento no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da LSG, e ao que dispoña para tal efecto a lexislación vixente en materia de réxime local (artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, entrada en vigor, logo de cumprimento dos trámites preceptivos e logo de transcorrer quince (15) días hábiles desde a publicación completa do texto no Boletín Oficial da provincia de Ourense).
En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 82.4 da LSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan aprobado quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites.
O contido íntegro do estudo de detalle aprobado estará á disposición das persoas interesadas para a súa consulta presencial nas dependencias municipais sitas no número 1 da praza Maior de Maside, en horario de oficina, con cita previa concertada. Así mesmo, poderá consultarse de forma dixital a través do portal de transparencia da sede electrónica do Concello, na seguinte ligazón: https://maside.sedelectronica.gal/transparency, na epígrafe 7. Urbanismo, Obras Públicas e Medio Ambiente.
O estudo de detalle aprobado de xeito definitivo, como instrumento de planeamento urbanístico de desenvolvemento do planeamento municipal, será inmediatamente executivo tras a súa entrada en vigor segundo o disposto no artigo 82 da LSG.
Os instrumentos de planeamento son disposicións de carácter xeral, polo que a súa aprobación definitiva non é obxecto de recurso en vía administrativa.
Sirva este anuncio como notificación do acordo ás persoas propietarias e demais persoas interesadas directamente afectadas polo estudo de detalle, indícaselles que, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra el poderán interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste acto, que pon fin á vía administrativa, sen prexuízo de que poidan interpor calquera outro recurso ou reclamación que consideren conveniente ao seu dereito.
O que se publica para os efectos previstos no artigo 82.2 da LSG e no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, aprobatorio do Regulamento daquela.
Maside, 22 de novembro de 2025
O alcalde
P.D. (Decreto 761/2025, do 19 de novembro)
Wenceslao Ángel Botana Mosquera
Primeiro tenente de alcalde
