De conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e por razóns de interese público que o aconsellan a pesar de terse rexeitado a notificación posta á disposición de Belarmino Docampo Piñeiro, publícase a Resolución emitida pola Dirección de Portos de Galicia o 17 de novembro de 2025, que require o aboamento dos custos derivados do operativo de anticontaminación, refrotamento e traslado do barco Jangoikoa no porto de Camariñas.
Este anuncio publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
No expediente tramitado para o efecto emitiuse acordo de iniciación sen que no trámite de audiencia a persoa interesada formulase alegacións.
Esta resolución emítea a Dirección de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 15.3, letras a) e b) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, e de acordo co previsto nos artigos 100 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 146 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
O importe ao que ascenderon as actuacións do operativo de anticontaminación, refrotamento e traslado do barco Jangoikoa, afundido tras sufrir incendio no porto de Camariñas o 4 de setembro de 2024, foi de 43.113,34 euros co IVE engadido.
O aboamento coa utilización de impreso, que poderá solicitarse na sede dos servizos centrais de Portos de Galicia, deberá facerse nos seguintes prazos:
– Se a publicación se realiza entre os días 1 ao 15 de cada mes, desde a data da publicación ata o día 5 do segundo mes posterior ou, se este non for hábil, ata o inmediato hábil seguinte.
– Se a publicación se realiza entre os días 16 e o último de cada mes, desde a data de publicación ata o día 5 do segundo mes posterior ou, se este non for hábil, ata o inmediato hábil seguinte.
De non ingresar a dita cantidade no prazo sinalado, esta de acordo co artigo 101 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas seralles exixida mediante o procedemento previsto nas normas reguladoras do procedemento de recadación na vía executiva.
Este acto administrativo, que ten eficacia executiva, non esgota a vía administrativa, e contra el poderase interpoñer recurso de alzada perante o Consello Reitor de Portos de Galicia, nun prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación.
O expediente completo para o seu exame, en horario de 9.00 a 14.00 horas, atópase na sede dos servizos centrais de Portos de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
Juan Sanmartín Ferreiro
Director xeral de Portos de Galicia
