DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 2025 Páx. 64838

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2025, do 15 de decembro, de modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Exposición de motivos

O deporte e as competicións deportivas fomentan os valores deportivos e mais a socialización e o intercambio de experiencias, ademais de estaren directamente relacionados co benestar e co desenvolvemento social e individual. Na práctica deportiva e na organización de competicións, a seguridade e a protección de deportistas, axentes deportivos e persoas espectadoras debe ser unha prioridade para todas as persoas, velando así por un deporte libre de violencia en calquera das súas formas, xa sexa física ou verbal.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, dedica o seu título IX á «Actuación pública na prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva». Deste modo, crea a Comisión Galega de Control da Violencia, como o órgano colexiado de participación dos distintos sectores con intereses no ámbito da prevención e represión da violencia, da análise das súas causas e do exercicio da potestade sancionadora na materia. A Comisión actúa de conformidade cos parámetros establecidos na lei, así como no Decreto 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia.

Logo dos anos transcorridos desde a entrada en vigor da Lei 3/2012, do 2 de abril, enténdese oportuno, polo que supón de transcendente para toda a sociedade, establecer a posibilidade da acción popular para o ámbito deportivo prevista no artigo 125 da Constitución española de 1978. A reforma proposta posibilitaría a comparecencia da Administración autonómica como acusación popular nos procedementos por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo que se sigan no territorio da comunidade autónoma, co fin lexítimo e co interese social de actuar contra esta praga do deporte e do conxunto das nosas sociedades que son os comportamentos violentos. Trataríase, en definitiva, de garantir aínda mais a protección da legalidade e do interese social, así como o propio sistema deportivo galego, considerado como un patrimonio social colectivo pertencente a toda a sociedade de Galicia.

A loita contra a praga que é a violencia no deporte é unha tarefa común de todos os axentes deportivos e sociais: das persoas deportistas e afeccionadas, de todos os axentes deportivos, dos medios de comunicación e, por suposto, das administracións públicas. Todos temos que ser contundentes desde as nosas respectivas competencias e responsabilidades e non fraquearmos no obxectivo común que perseguimos, que é un deporte libre de calquera forma de violencia. O deporte é respecto e tolerancia, é inclusión e participación cívica; cada un dos actos violentos que se producen (non importa cal for o seu alcance e a súa forma) contravén estes valores e a propia esencia deportiva.

Vencellada a esta modificación, e vista a práctica dos anos precedentes, enténdense necesarias dúas modificacións máis. A primeira, co gallo de acadarmos unha maior seguridade xurídica para as persoas interesadas, vai referida a clarificar o réxime de prescrición das infraccións e sancións, para o cal se propón unha remisión ao réxime xeral establecido no artigo 30 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. En segundo termo, e vistas a práctica precedente e mais outras previsións legais de natureza análoga, considérase axeitado establecer expresamente a práctica que se deberá seguir na concorrencia de procedementos penais e administrativos nun caso de actuación pública na represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva.

Pola súa banda, e como se pon de manifesto no ámbito comparado, incluído o da propia Unión Europea, o bo goberno no deporte é un requisito esencial das organizacións e federacións deportivas. Neste sentido, débense respectar os principios de democracia interna, transparencia, integridade, solidariedade, igualdade de xénero, apertura, rendición de contas e responsabilidade social.

É esencial que as federacións deportivas eleven o nivel de esixencia das súas normas de bo goberno, a través de principios que garantan a xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de intereses ou, entre outros, a duración limitada dos cargos electos federativos, co obxecto de garantir a renovación destas entidades de natureza privada que exercen funcións públicas delegadas. Estas normas ou códigos de bo goberno deben, ademais, condicionar o financiamento público do deporte, no sentido de concorrencia de normas mínimas de gobernanza, seguimento e información establecidas e de acceso público. Esta lei establece, xa que logo, a obrigatoriedade de as federacións deportivas de Galicia contaren cun código de bo goberno, co obxectivo final de garantir a integridade no deporte.

Este texto estrutúrase nun único artigo con sete apartados, dúas disposicións adicionais e unha disposición derradeira.

No apartado un engádese un novo artigo 55 bis, referido ao código de bo goberno e ao deber de transparencia das federacións deportivas de Galicia.

No apartado dous modifícase o artigo 58.5 para incorporar os prazos de elaboración dos censos electorais, inicial e provisional, reducindo os prazos previstos no Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

No apartado tres introdúcese un engadido na letra c) do artigo 93.1 para que o Comité Galego de Xustiza Deportiva tramite e resolva, a través do procedemento en materia electoral federativa, os actos ou as omisións que se produzan na convocatoria das eleccións federativas, no regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral federativa, e os recursos que se presenten contra as resolucións das xuntas electorais das federacións deportivas, modificando así o Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

O apartado catro modifica o artigo 125, relativo ao réxime de recursos, e o apartado cinco incorpora un novo artigo 128 bis, referido ao exercicio da acción popular.

Os apartados seis e sete –respectivamente, os novos artigos 165 e 166 da Lei do deporte– regulan, o primeiro deles, as cuestións da prescrición das infraccións e sancións e o segundo, a suspensión de procedementos administrativos ou disciplinarios nos supostos de concorrencia de procedemento penal.

Pola súa parte, a disposición adicional primeira establece un prazo de seis meses para as federacións aprobaren os seus respectivos códigos de bo goberno.

Alén diso, introdúcese unha disposición adicional segunda co fin de adecuar todo o texto da lei á linguaxe non sexista.

Por último, a disposición derradeira da norma establece que a entrada en vigor da lei se producirá o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo artigo, o 55 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 55 bis. Código de bo goberno

1. Mediante un acordo da súa asemblea xeral, as federacións deportivas galegas aprobarán un código de bo goberno no que se establezan as prácticas de boa gobernanza e integridade da federación, as regras en materia de transparencia, o código de conduta para os seus órganos de goberno, a xunta directiva e a comisión delegada e mais os seus membros, alén das normas relativas á xestión e o control de todas as transaccións económicas que efectúe a federación.

2. Sen prexuízo doutras regras que puideren establecerse, o código terá por contido mínimo as seguintes obrigas:

a) Manter o segredo dos datos e as informacións que se obteñan mediante o desempeño dun cargo na federación, de xeito que non se poidan utilizar eses datos ou informacións en beneficio propio ou de terceiros.

b) Non facer un uso indebido do patrimonio federativo, nin se valer da propia posición para obter vantaxes patrimoniais.

c) Instituír un sistema de autorización de operacións onde se estableza a persoa ou persoas que deben autorizar coas súas sinaturas cada unha das operacións que, en función da súa contía, realice a federación, regulando un sistema de segregación de funcións no que ningunha persoa poida intervir en todas as fases dunha mesma transacción económica.

d) A presidenta ou presidente, a vicepresidenta ou vicepresidente e mais os membros da xunta directiva, da comisión delegada ou da asemblea xeral, así como calquera outro persoal directivo federativo deberán subministrar información relativa á existencia de relacións de carácter contractual, comercial ou familiar con provedores ou entidades que tiveren vínculos comerciais ou profesionais coa federación de que forman parte.

e) A incompatibilidade do cargo de presidenta ou presidente, de vicepresidenta ou vicepresidente e de membro da xunta directiva, da comisión delegada ou da asemblea xeral, así como de calquera outro cargo directivo federativo co exercicio de funcións retribuídas de asesoramento profesional con esa federación ou coa prestación de servizos profesionais diferentes dos que implique o cargo e baixo relación laboral, civil ou mercantil.

f) O deber expreso de incluír o principio de igualdade e non-discriminación por razón de xénero.

g) O sometemento, na contratación de obras, servizos e subministracións, aos principios de publicidade, concorrencia e transparencia dos procedementos, de non-discriminación e igualdade de trato das candidaturas e de libre competencia.

h) O establecemento dos criterios obxectivos de distribución de axudas ou bolsas por parte da federación.

i) O presidente ou presidenta da federación non poderá ocupar o cargo máis de catro mandatos. Non obstante o anterior, poderá optar a un único mandato adicional no suposto de que a súa sexa a única candidatura á presidencia, cando así o aproben expresamente dous terzos dos membros da asemblea xeral ou cando concorran razóns de interese deportivo, organizativo ou institucional que xustifiquen a continuidade da presidencia, tales como a existencia de plans estratéxicos plurianuais en execución, a dirección de proxectos ou eventos de carácter estratéxico, o exercicio de cargos representativos en organizacións estatais ou internacionais ou calquera outro suposto excepcional. Este mandato adicional deberá ser autorizado, previa e motivadamente, pola administración autonómica con competencias en materia de deporte.

3. As federacións deportivas galegas deberán cumprir as obrigas de publicidade activa previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, ou na normativa que a substitúa. Sen prexuízo das obrigas impostas pola normativa en vigor, as federacións deportivas galegas publicarán nas súas respectivas páxinas web:

a) O código de bo goberno regulado neste artigo.

b) As actas da asemblea xeral e, se for o caso, os extractos das actas das reunións da xunta directiva e da comisión delegada, con referencia expresa aos acordos adoptados.

c) Os calendarios deportivos.

4. O incumprimento do código de bo goberno ou das obrigas de transparencia supoñerá un suposto de infracción moi grave dos previstos na letra k) do artigo 116 desta lei.».

Dous. Engádese no artigo 58.5 in fine: «Os prazos previstos para a elaboración do censo electoral inicial e do censo provisional serán de cinco días naturais, coa excepción do prazo de exposición pública, que será de dez días naturais.».

Tres. Engádese na letra c) do artigo 93.1 in fine: «e o regulamento aprobado pola asemblea xeral federativa, polo procedemento previsto nos artigos 55 e seguintes do Decreto 120/2013».

Catro. Modifícase o artigo 125, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 125. Réxime de recursos

As resolucións que, en aplicación da potestade sancionadora, dite o Comité de Xustiza Deportiva poñen fin á vía administrativa, e poderase recorrer contra elas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de poder facer uso potestativo do recurso administrativo de reposición ante o mesmo Comité e nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.».

Cinco. Engádese un novo artigo, o 128 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 128 bis. Acción popular

1. A Administración da Xunta de Galicia poderá exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte, na forma e nas condicións establecidas pola lexislación procesual.

2. O exercicio da acción popular por parte da Administración da Xunta de Galicia non se levará a cabo se existir negativa expresa por parte da vítima ou, se for o caso, de quen exerza a súa representación legal.».

Seis. Engádese un novo artigo, o 165, coa seguinte redacción:

«Artigo 165. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as graves, aos dous anos e as leves, aos seis meses. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por faltas graves, aos dous anos e as impostas por faltas leves, ao ano.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día en que a infracción se cometeu. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a correr desde que finalizou a conduta infractora. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, dun procedemento administrativo de natureza sancionadora. Reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por unha causa non imputable ao presunto responsable.

3. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución mediante a que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para recorrela. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución. Volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por unha causa non imputable á persoa infractora.».

Sete. Engádese un novo artigo, o 166, coa seguinte redacción:

«Artigo 166. Concorrencia de procedementos penais, administrativos e disciplinarios

1. A incoación dun proceso penal non será obstáculo para a iniciación, se é o caso, dun procedemento administrativo e disciplinario polos mesmos feitos, mais non se ditará resolución neles ata que recaia unha sentenza ou un auto de sobresemento firmes na causa penal. En todo caso, a declaración de feitos probados contida na resolución que poña termo ao proceso penal vinculará a resolución que se dite nos procedementos administrativo e disciplinario, sen prexuízo da distinta cualificación xurídica que poidan merecer nunha ou noutra vía. Só poderá recaer unha sanción penal, administrativa e disciplinaria sobre os mesmos feitos cando non exista identidade de fundamento xurídico.

2. Cando a unha mesma persoa física ou xurídica e con identidade de feitos lle resulten simultaneamente aplicables sancións administrativas e disciplinarias previstas nesta lei, será de tramitación preferente o procedemento administrativo sancionador. Cometido o feito infractor en que poida producirse concorrencia de responsabilidade administrativa e disciplinaria, o órgano competente para a instrución de cada un dos procedementos estará obrigado a inicialo e a notificar a incoación do expediente ao órgano recíproco, administrativo ou federativo, segundo o caso.

3. Cando un órgano federativo reciba a notificación de incoación dun expediente administrativo sancionador relativo a suxeitos e feitos idénticos aos que estean dando lugar á tramitación dun expediente disciplinario, suspenderá a tramitación do procedemento e notificarao ao órgano administrativo que tramite o procedemento sancionador. No caso de que non exista identidade de suxeitos, feitos ou fundamentos xurídicos, poderá, non obstante, continuar a tramitación do procedemento disciplinario.

4. Unha vez rematado o expediente administrativo sancionador, o órgano competente para resolvelo notificará o acordo resolutorio ao órgano disciplinario federativo que comunicou a suspensión do procedemento, quen levantará a suspensión e adoptará un dos seguintes acordos:

a) Continuar o procedemento disciplinario cando non exista identidade de fundamentos xurídicos para a imposición da sanción ou, cando habéndoa, a sanción administrativa sexa inferior á que poida corresponder como consecuencia do procedemento disciplinario.

b) Acordar o arquivo das actuacións cando exista identidade de fundamentos xurídicos e a sanción administrativa sexa igual ou superior á que poida impoñerse como consecuencia do procedemento disciplinario.

5. No caso de que o órgano disciplinario decida continuar o procedemento sancionador por existir identidade de fundamentos xurídicos pero a infracción sexa susceptible dunha sanción superior á administrativamente imposta, a resolución do expediente disciplinario reducirá a sanción aplicable na contía ou entidade que corresponda pola aplicación da sanción administrativa previa, facendo constar expresamente a contía da redución na resolución do procedemento.

6. No caso de que recaia unha resolución xudicial que anule total ou parcialmente a sanción administrativa, o órgano que a ditou notificará este feito ao órgano disciplinario federativo que no seu día lle comunicase a incoación do procedemento, co fin de que este proceda a arquivar as actuacións, salvo que non exista identidade de fundamentos xurídicos entre a sanción administrativa anulada e a eventual sanción disciplinaria que poida impoñerse, en cuxo caso procederá conforme o disposto na letra a) do apartado 4 deste artigo.».

Disposición adicional primeira. Prazo para a aprobación do código de bo goberno

No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, as federacións deportivas galegas aprobarán en asemblea o seu código de bo goberno, nos termos establecidos no artigo 55 bis. O establecido na letra i) do punto 2 deste artigo non terá en conta os mandatos anteriores ou vixentes no momento de entrada en vigor desta norma.

Disposición adicional segunda. Adecuación do texto articulado da Lei 3/2012 á linguaxe non sexista

a) Nos artigos 3.g), 4.i), 4.l), 5.1.m), 5.1.p), 5.1.t), 11, 21.1.b), 21.1.c), 24.1, 28.3), 31, 32, 33, 34, 36, 37, 51.1, 56.2.a), 56.2.c), 65, 83.3, 87.4, 87.5.b), 97.2.f), 98.5, 108, 130, 131, 132 e 133, onde di «deportista» debe dicir «persoa deportista».

b) Nos artigos 16.2, 35.1, 38, 51, 83.1.e), 87.4, 87.5.b), 97.2.b), 98.5 e 117.f), onde di «técnico» debe dicir «persoa técnica».

c) Nos artigos 35, 38, 56.2.f), 131.3, 131.4, onde di «adestrador» debe dicir «persoa adestradora».

d) Nos artigos 47 e 87.5.b), onde di «socio» debe dicir «persoa socia».

e) Nos artigos 105.4 e 106.1.a), onde di «xuíz», debe dicir «xuíz e xuíza».

f) Nos artigos 35, 38, 51, 56.2.f), 87, 97, 105.5 e 106.1.a), onde di «árbitro» debe dicir «árbitro e árbitra».

g) Nos artigos 28.5, 44.3, 52.2, 55, 57.2, 58, 62, 92, 93.1.e), 95.2, 109, 110.2, 147.1.d) e 161.2, onde di «membro» debe dicir «persoa membro».

h) Nos artigos 62.2, 87.1, 95.1, 159 e 162, onde di «suxeito», debe dicir «persoa».

i) Nos artigos 147.f), 87, 93.1.e), 98.1.g), 98.1.h), 110.2, 120.j), 131 e 162.1, onde di «directivo» debe dicir «persoa directiva».

j) No artigo 92.1, onde di «licenciado» debe dicir «licenciado ou licenciada».

k) Nos artigos 55.d), 58.2 e 92.3, onde di «integrante» debe dicir «persoa integrante».

l) No artigo 114, onde di «inspector» debe dicir «inspector ou inspectora».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de decembro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente