A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilanova de Arousa que tivo lugar o 11 de novembro de 2025 acordou a suspensión do outorgamento de licenzas urbanísticas de parcelación, edificación e demolición nun ámbito de solo situado na Braña-Cálago, co fin de estudar a modificación da ordenación urbanística contida nas vixentes normas subsidiarias do planeamento municipal, todo ao abeiro do artigo 47 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e do artigo 86 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da LSG.
De acordo co anterior, a suspensión de licenzas deberase publicar no DOG e nun dos periódicos de maior difusión da provincia, e a súa vixencia extinguirase en todo caso no prazo dun (1) ano.
O documento completo co ámbito afectado poderá ser consultado no Servizo de Urbanismo e na sede electrónica do Concello de Vilanova de Arousa.
Este acordo poderá impugnarse mediante interposición de recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dentro do prazo máximo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Vilanova de Arousa, 18 de novembro de 2025
Gonzalo Durán Hermida
Alcalde
