DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 2025 Páx. 65239

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

ACORDO do 4 de decembro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, polo que se acorda o inicio do procedemento para a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado no Distrito Marítimo de Sada, polígono 1.

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao ser descoñecidas as persoas interesadas, notifícaselles o inicio do procedemento para a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado no Distrito Marítimo de Sada, polígono 1.

Antecedentes:

1. O 7 de novembro de 2025 os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 247 e 279 estenderon a acta número 202327542 na cal reflicten o seguinte: «Na posición 43º 23` 27,5`` N//008º 17` 34,2`` W, na ensenada de Lorbé, observamos un viveiro que carece de calquera elemento identificativo. Nel hai penduradas un gran número de cordas de produción; ademais conta cunha caseta para a almacenaxe de cordas e demais utensilios propios da acuicultura de mexillón. Nela atopamos varias nasas de ferro e de madeira, tipo nécora-camarón. Este viveiro é empregado habitualmente para o aviveiramento de especies (crustáceos) por profesionais do sector, aínda que hoxe non había ningunha especie».

Na dita acta consta que o viveiro inspeccionado é descoñecido.

2. Con data do 13 de novembro de 2025, ás 11.35 horas, os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 232, 233, 255 e 289 estenderon a acta número 202327537, relativa ao mesmo viveiro na cal deixan constancia do seguinte: «(...) procedemos ao recoñecemento da batea en cuestión, que achegamos nas fotografías. Comprobamos que na metade dela hai cordas de engorda de mexillón; noutro bordo ten unha caseta metálica con útiles para a acuicultura e nasas tipo polbo (xunto con boias amarelas sen ningún tipo de identificación). Non dispón da preceptiva placa identificativa (co nome, o distrito, o polígono e a cuadrícula). A batea máis próxima a ela e máis ao norte si que dispón de placa, onde figura:

Nome: Elvira 6.

Distrito: Sada.

Polígono: 1.

Cuadrícula: 88.

(...)

Un dos axentes baixa da lancha á batea inspeccionada e comproba que non hai especies aviveiradas (práctica habitual nesta plataforma)».

3. O 18 de novembro de 2025 os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 232, 233, 255 e 289 estenderon unha nova acta número 202327637, na cal reflicten: «(...) de acordo coa Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, procedemos a facer unha descrición e un inventario da batea en cuestión:

– Batea de madeira (bastante deteriorada) con medidas 16,1*17,2 m (276,9 m2).

– 2 flotadores azuis cilíndricos de 17,2*1,3 m.

– 199 cordas de engorda de mexillón penduradas e 4 moreas de cordas moreadas na superficie da batea (en seco).

– Un caseto de 5,6*5,9 m de chapa galvanizada e armazón de madeira (cunha apertura lateral).

– Artes de pesca/marisqueo: 211 nasas metálicas con malla de plástico (tipo polbo), 31 nasas de madeira con malla de rede e 1 nasa de plástico, 1 volantín amoreado e 1 trasmallo (recuberto cuns plásticos).

– Unhas 60 boias (amarelas) de sinalización de aparellos.

– 5 caixas de peixe plásticas, 60 caixas de bivalvos plásticas, uns 500 cestiños plásticos de acuicultura (cilíndricos).

– 3 bins de cabullaría e redes para a batea.

– 3 rizóns.

– Defensas (tipo rodas de camión): 5 no costado da batea e 3 no interior do caseto (de maior envergadura).

– 1 clasificadora de mexillón e 2 moegas.

– 2 trueiros.

– Unhas 14 pranchas no chan para reforzar o firme (pola deterioración).

Non dispoñemos de medios para determinar o sistema de fondeo do artefacto flotante».

Na dita acta déixase constancia de que a persoa propietaria é descoñecida.

4. Non consta no arquivo informático desta Consellería do Mar o outorgamento de concesión de actividade para a explotación dun viveiro de cultivos mariños na localización reflectida nas referidas actas do Distrito Marítimo de Sada, no polígono 1.

Consideracións legais:

Primeira. A competencia para incoar este procedemento corresponde á directora territorial na Coruña da Consellería do Mar, de acordo co establecido no artigo 2 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais.

Segunda. A tramitación deste procedemento realizarase de acordo co disposto na Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceira. O artigo 47 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, dispón: «1. O exercicio por toda persoa física ou xurídica da actividade de cultivos mariños require un título administrativo habilitante previo outorgado pola consellería competente en materia de acuicultura, sen prexuízo dos permisos, das licenzas e das autorizacións que corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas competencias. 2. Para efectos desta lei, considéranse títulos administrativos habilitantes aqueles que se outorgan ás persoas físicas ou xurídicas para a instalación, a posta en funcionamento e a explotación dos establecementos de cultivos mariños. (...) 4. Os establecementos de cultivos mariños que precisen ocupar para a súa instalación, a posta en funcionamento e a explotación de terreos de dominio público marítimo ou marítimo-terrestre precisarán da concesión de actividade, que outorgará a consellería competente en materia de acuicultura, conforme o procedemento que regulamentariamente se estableza (...)».

Cuarta. O artigo 2 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, establece que: «Unha vez contrastada a inexistencia de título habilitante nos arquivos da delegación territorial correspondente, o delegado territorial (agora director/a territorial) ordenará: a) A apertura e a instrución do procedemento de retirada do viveiro ilegal e a súa identificación (...)».

Consultado o arquivo informático da Consellería do Mar no cal se anotan os establecementos de acuicultura de Galicia, constátase que non figura o outorgamento de concesión de actividade para a explotación dun viveiro de cultivos mariños na posición reflectida nas actas 202327542, 202327537 e 202327637.

Quinta. A Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, no seu artigo 3 dispón que co fin de evitar riscos para a saúde pública a persoa titular do departamento territorial desta consellería poderá acordar como medida provisional a retirada e a destrución inmediata dos produtos do viveiro por razóns de sanidade e hixiene.

De acordo co reflectido na acta número 202327637, no viveiro hai penduradas 199 cordas de engorda de mexillón. Por conseguinte, tendo en conta que se descoñece a orixe do mexillón pendurado nelas e as súas condicións de produción, procede acordar a medida provisional de retirada e de destrución do mexillón das cordas penduradas no dito viveiro por razóns de saúde pública.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 2 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais,

ACORDO:

1. Iniciar o procedemento para a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N//008º 17` 34,2`` W, do Distrito Marítimo de Sada, polígono 1, por non contar coa concesión de actividade e proceder á súa identificación coa correspondente placa.

2. Adoptar a medida provisional de retirada e de destrución do mexillón das cordas de engorda a penduradas no referido viveiro, por razóns de saúde pública.

3. Notificar este acordo ás persoas interesadas mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, ao ser descoñecidas, outorgándolles o prazo de 5 días, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar as alegacións que consideren oportunas.

A Coruña, 4 de decembro de 2025

María José Cancelo Baquero
Directora territorial da Coruña