DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 2025 Páx. 65002

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a Resolución do 10 de decembro de 2025 pola que se finaliza o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2025 e 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

No Diario Oficial de Galicia número 192, do 6 de outubro de 2025, publicouse a Orde do 24 de setembro de 2025 pola que se efectúa a segunda convocatoria de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS700A).

Pola súa banda no Diario Oficial de Galicia número 132, do 9 de xullo de 2025, publicouse a Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

As subvencións desta segunda convocatoria destinaranse á consecución do programa II, destinado a servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.

Serán obxecto deste programa os novos proxectos destinados ao financiamento de unidades de atención temperá promovidos por entidades locais ou agrupacións destas, que non foron subvencionados ao abeiro das convocatorias precedentes desta consellería, orde recolle que as subvencións se destinarán á consecución das seguintes finalidades:

Para o financiamento desta nova convocatoria para a subvención do programa II destínase crédito por importe total dun millón cento noventa e cinco mil trescentos corenta e dous euros con noventa e oito céntimos (1.195.342,98 €), que se imputará á aplicación 08.04.312E.460.1.

Unha vez revisadas as solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución do procedemento, segundo establece o seu artigo 11, comprobado que todas cumprían cos requisitos establecidos e coa documentación necesaria, estas foron remitidas á Comisión de Valoración; órgano creado no artigo 12 da citada orde.

O órgano instrutor, tras a baremación e á vista do informe realizado pola Comisión de Valoración, formulou as propostas de resolución, que, como establece o artigo 12, elevou ao órgano competente, á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, que en virtude da competencia delegada na disposición adicional terceira da Orde do 27 de xullo de 2024 para resolver os procedementos de concesión, emite a correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como sinala o artigo 14 da dita Orde do 6 de outubro de 2025, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento publicaranse no Diario Oficial de Galicia, que producirá os efectos da notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal) e de forma complementaria só por medios electrónicos.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 10 de decembro de 2025, ditada no procedemento BS700A de subvencións destinadas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, nos anos 2025 a 2026, susceptible de ser cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e que se xunta a esta resolución no anexo.

Segundo. Comunicar que a dita Resolución do 10 de decembro de 2025 finaliza o procedemento de concesión das axudas, pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025

Begoña Abeijón Fernández
Directora xeral de Persoas con Discapacidade

ANEXO

Resolución do 10 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se finaliza o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2025 e 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A)

Convocatoria: Orde do 24 de setembro de 2025 pola que se efectúa a segunda convocatoria de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS700A).

Bases reguladoras: Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

Antecedentes:

1. A Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade, unha vez consultada a base de datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, comprobou que as entidades solicitantes cumprían cos requisitos, establecidos na orde de convocatoria, de estaren inscritas no devandito rexistro, así como o resto dos requisitos específicos establecidos no artigo 7 das bases reguladoras.

2. No suposto de solicitudes individuais, contan cun censo mínimo de 10.000 habitantes, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2023, fonte do Instituto Galego de Estatística.

3. A Comisión de Valoración encargada do estudo das solicitudes para o outorgamento das subvencións realizou a valoración de todas as solicitudes presentadas por cumprir cos requisitos previos exixidos e emitiu o seu informe.

No dito informe, e tras aplicación dos criterios de valoración do artigo 20 das bases reguladoras, determina que, en atención ao financiamento previsto no artigo 3 da Orde do 24 de setembro de 2025 (programa II: (1.195.342,98 €) e tendo en conta o sinalado no artigo 4.1.b) sobre os importes máximos segundo o tipo de xestión, que se teñen en conta para determinar o importe máximo subvencionable en cada caso, todos os expedientes son susceptibles de proposta de resolución con cargo a cada programa.

4. O órgano instrutor, á vista do informe realizado pola comisión do procedemento e de acordo coa documentación que consta no seu poder, elevou ao órgano competente para resolver a proposta de Resolución do 26 de novembro de 2025, para o programa II, que de seguido se relaciona. Comunicou que todas as solicitudes presentadas cumpren cos requisitos necesarios para acceder ás axudas desta convocatoria, resulta acreditado que se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa da Facenda da Xunta de Galicia e que, así mesmo, se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social. Tamén indica que todas as solicitudes foron valoradas segundo os criterios sinalados no artigo 20 das bases reguladoras.

Por todo o anterior, unha vez fiscalizado o gasto de conformidade coa Intervención Delegada, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, en virtude da competencia delegada na disposición adicional terceira para resolver os procedementos de concesión,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.312E.460.1 (código de proxecto 2023 00145) as subvencións que se sinalan no anexo I ás entidades que se relacionan, para a prestación de servizos ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, condicionadas ao cumprimento das obrigas das entidades beneficiarias establecidas nos artigos 11 e 28 da Orde do 27 de xuño de 2024 e, en todo caso, as establecidas no artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. O importe do financiamento desta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % (717.205,79 €) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía Infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e a uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e nenas, e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01 «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».

Terceiro. O importe da subvención calcúlase segundo o sistema de custos simplificados de custo unitario por hora máis a porcentaxe de tipo fixo para os outros gastos directos e indirectos, segundo o establecido nos artigos 53.1.b) e d), 55.2.a) e 56.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, de acordo co previsto no artigo 10 das bases reguladoras.

Cuarto. Dado que esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, respectarase o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013; no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Quinto. A aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista de operación, que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Sexto. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención, as entidades beneficiarias poderán comunicar no prazo de 10 días hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na Orde do 27 de xuño de 2024 e na Orde do 24 de setembro de 2025. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétimo. Os pagamentos realizaranse coa seguinte periodicidade:

a) Para a anualidade 2025, realizarase o pagamento do 60 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión.

b) Para a anualidade 2026, realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 70 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2026.

O importe restante ou a parte que corresponda, aboarase ata o 31 de decembro de 2026, que se pagará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

Oitavo.

A xustificación da actuación executada obxecto de subvención realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, de conformidade co disposto no artigo 26 da orde:

a) Anexo IV. Solicitude de pagamento e declaración. Asinada pola persoa representante da entidade ou da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras. Ademais dos datos identificativos faranse constar as declaracións sobre o cumprimento da finalidade e da normativa, sobre solicitude ou non doutras subvencións actualizada e sobre inexistencia de causa que implique prohibición para ser persoa beneficiaria. Así mesmo, relación da documentación complementaria que se xunta.

b) Anexo V. Certificación sobre condicións da execución. Asinada polo/a secretario/a da entidade ou a persoa representante da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras, na que figure:

1º. Declaración, se é caso, sobre o cumprimento da normativa aplicable en materia de publicidade ás axudas financiadas a través de fondos da Unión Europea, así como en materia de subvencións e, se é o caso, en materia de contratación pública e demais normativa aplicable.

2º. Indicación do prazo de execución e do número de horas totais de traballo dedicadas segundo os grupos profesionais, a suma das cifras correspondentes a todas as persoas integrantes do equipo.

3º. Datos de cada un dos integrantes do equipo: os datos persoais, os períodos de desempeño, os grupos e perfís profesionais, o tipo de vinculación coa entidade, a dedicación total ou parcial e o número de horas de traballo calculadas segundo o disposto no artigo 10.3 das bases reguladoras. No caso de xestión indirecta, estes datos deberán corresponderse cos indicados nas facturas da entidade prestadora das cales se achegará unha copia xunto co xustificante bancario do seu pagamento. Para que as actuacións poidan ser cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, nestas facturas darase cumprimento ao disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Así pois, no caso de gastos de persoal que formen parte da prestación de servizos externos, a súa acreditación realizarase mediante a factura emitida pola entidade provedora dos servizos, na cal se deberá identificar claramente por separado o custo do persoal externo participante, atendendo aos criterios establecidos no artigo 5.1.a) da citada Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro.

Así mesmo, nestas facturas deberán constar os datos persoais de cada un dos integrantes do equipo de traballo, os períodos de desempeño, os grupos e perfís profesionais, o tipo de vinculación coa entidade, a dedicación total ou parcial e o número total de horas de traballo de cada técnico.

4º. Réxime da prestación en función do horario semanal.

5º. Número de usuarios/as atendidos/as desagregado por sexo, así como totais. Os datos reflectidos na certificación deberán coincidir cos recollidos na aplicación informática referida no artigo 11.d) das bases reguladoras.

c) Anexo VI. Folla mensual de horas traballadas. Asinadas pola persoa traballadora, así como, no caso de xestión directa, polo/a secretario/a ou persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º das bases reguladoras e no de xestión indirecta, pola persoa responsable da entidade prestadora. Achegarase unha por cada traballador/a e mes de desempeño na que figuren as horas diarias efectivamente traballadas dedicadas ao servizo, así como os totais. Deberá cubrirse en función do establecido no artigo 10.3 das bases reguladoras. A suma das horas consignadas en todas as fichas debe ser equivalente ás contías consignadas no anexo V.

d) Documentación xustificativa da publicidade da actuación segundo o establecido nos artigos 11.c) e 28 das bases reguladoras: as fotografías do lugar ou os lugares no/nos que se levou a cabo a prestación nas que se aprecie a situación do cartel ou carteis informativo/s, con indicación da data de colocación, os documentos relativos á publicidade na páxina web; por exemplo, as capturas de pantalla e na documentación escrita: a copia dun exemplar de cada tipo utilizado.

e) Se é o caso, para o suposto de xestión indirecta, a copia das facturas referidas na letra b), ordinal 3º do punto 6 do artigo 26 das bases reguladoras, xunto cos xustificantes bancarios de pagamento.

Os datos que se consignen nos respectivos anexos e documentos sinalados neste número 5, serán unicamente os da prestación do servizo que se desenvolva durante o período reflectido na resolución de concesión da subvención.

f) Documentación acreditativa de titulación de cada un dos profesionais que conforman o equipo da respectiva unidade de atención temperá.

Noveno. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido levará consigo a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase á entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Décimo. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do gasto que consideren convenientes.

Décimo primeiro. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e as obrigas reflectidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación. En particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

c) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

d) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos nos cales se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea, xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñeren delas, mencionando os obxectivos e os resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

En todo caso, durante a execución da actuación respectarase o reflectido no artigo 11.c), sen prexuízo de que os carteis deberán permanecer colocados e na páxina web coa correspondente información, cando menos, ata a data na cal remata o prazo final de xustificación da subvención establecido no artigo 26 da Orde do 24 de setembro de 2025.

e) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións nas que participan están financiadas pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social e Igualdade. Ademais, informar as persoas destinatarias de que estas están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como dos obxectivos dos fondos.

f) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/a dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitaraselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática Participa2127.

g) Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal. Os relativos ás persoas usuarias ou participantes na actuación subvencionada incorporaranse ao rexistro de actividades de tratamento de datos. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e a incorporación dos seus datos, sendo a entidade beneficiaria da axuda a que deberá recadar e custodiar esta documentación.

h) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Entre a información e a documentación, que se debe conservar incluirase a seguinte:

1º. No caso de xestión directa do servizo pola propia entidade beneficiaria da subvención, deberán conservarse os contratos laborais ou mercantís, a información da situación de alta na Seguridade Social das persoas traballadoras adscritas, das horas dedicadas polos traballadores a cada unha das prestacións e do lugar de impartición, a documentación relativa ao control horario, ás verificacións de asistencia e aquela da que se dispoña nos casos nos que a titulación exixida poida ser suplida por coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión e complementados con formación específica.

2º. No caso de xestión indirecta do servizo mediante a concertación con terceiros da execución total ou parcial da actividade subvencionada, deberán conservarse as facturas emitidas pola entidade adxudicataria prestadora do servizo, onde consten os datos persoais de cada un dos integrantes do equipo de traballo, os períodos de desempeño, os grupos e os perfís profesionais, os tipo de vinculación coa entidade, a dedicación total ou parcial e o número total de horas de traballo de cada técnico. Ademais, deberá conservarse a documentación do expediente de contratación que acredite o cumprimento da Lei de contratos do sector público ou, se é o caso, do expediente do concerto social que acredite o cumprimento dos artigos 33.bis a 33 septies da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e o Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

k) Así mesmo, cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades ou agrupacións interesadas poidan exercer calquera outro que proceda en dereito. O recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025. A conselleira de Política Social e Igualdade. P.D. (D.A. terceira, Orde do 27 de xuño de 2024; DOG núm. 132, do 9 de xullo). Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade.

ANEXO I

Horas solicitadas e subvencionadas. Desagregamento por entidade e grupo profesional

Expediente

Entidade

NIF

Grupo profesional

Nº de profesionais

Horas solicitadas

Horas con subvención final

BS700A/2025/0002

Agrupación de concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes

P3604500C

I

3

4.221,00

3.869,91

BS700A/2025/0003

Concello de Culleredo

P1503100H

I

3

3.870,00

3.869,91

Total

8.091,00

7.739,82

ANEXO II

Importe subvencionado. Desagregado por anualidade e programa

Programa

Expediente

Entidade

NIF

2025

2026

Importe total

II

BS700A/2025/0002

Agrupación de concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes

P3604500C

108.771,56 €

108.771,56 €

II

BS700A/2025/0003

Concello de Culleredo

P1503100H

108.771,56 €

108.771,56 €

Total

217.543,12 €

217.543,12 €

ANEXO III

Desagregación puntuación obtida

Programa

Expediente

NIF

Entidade

Tipo xestión

Núm. de

concellos

Poboación

Réxime de servizo

% disca.

Ptos. total

II

BS700A/2025/0002

P3604500C

Agrupación de concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes

30

12

10

5

6

63

II

BS700A/2025/0003

P1503100H

Concello de Culleredo

0

0

10

5

0

15