DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 22 de decembro de 2025 Páx. 65391

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas da Intervención 7169 Cooperación para a sucesión de explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR617D).

O Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, recolle determinadas intervencións para o desenvolvemento rural que perseguen os obxectivos xerais e específicos da PAC.

O Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013 establece normas relacionadas coa política agrícola común.

O Plan estratéxico da PAC (PEPAC) de España 2023-2027, para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural foi aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6071 final, do 31 de agosto do 2022, e as súas modificacións deron lugar á versión vixente do PEPAC aprobada pola Decisión de execución da Comisión C(2025) 5713 final, do 14 de agosto de 2025.

O dito plan recolle as intervencións que se aplicarán en 2023-2027 para dar resposta ás necesidades do campo español e alcanzar os obxectivos da PAC en consonancia co Pacto verde europeo e dispón as normas para o financiamento dos gastos da PAC e sobre os sistemas de xestión e control que deben establecer os Estados membros.

O PEPAC para a Comunidade Autónoma de Galicia inclúe a Intervención 7169 Cooperación para a sucesión de explotacións, que ten como obxectivo fundamental favorecer a renovación xeracional, aumentar a viabilidade das explotacións agrarias mediante a súa reestruturación e ampliación e incrementar o grao de cualificación profesional das persoas titulares.

A nivel estatal, co fin de realizar unha correcta implantación e xestión das intervencións incluídas no PEPAC de España para o período 2023-2027 publicouse unha serie de normas a través da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, en que se inclúen as penalizacións e sancións ás persoas beneficiarias.

O Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da PAC, establece disposicións sobre os controis que se deben levar a cabo para o conxunto de intervencións respecto das solicitudes de axuda e das solicitudes de pagamento.

O Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no PEPAC, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da PAC para o período 2023-2027, recolle os supostos de aplicación de penalizacións.

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, crea o Banco de Explotacións, co obxectivo de garantir o relevo xeracional e de facilitar o contacto entre as persoas titulares de explotacións agroforestais que van cesar na súa actividade, con aquelas persoas interesadas en incorporarse á actividade agraria como titulares dunha explotación. O Banco de Explotacións, xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), actuará como instrumento público de intermediación para facilitar a posta en contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais que, voluntaria ou forzosamente, abandonen a actividade e persoas interesadas en incorporarse a ela.

Os principios reitores na aplicación deste instrumento de mobilización serán sempre a voluntariedade, a rendibilidade e a sostibilidade.

O artigo 17 desta lei establece, para as entidades colaboradoras da Agader, que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos da lei a través da cooperación coa Axencia, mediante a realización, entre outras, de funcións de intermediación e acompañamento.

As oficinas rurais, dependentes da consellería competente en materia de medio rural, desenvolverán as funcións previstas na lei para as entidades colaboradoras da Agader, consonte o establecido no artigo 17.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

A axuda da Intervención 7169 está ligada á transmisión de explotacións a través do Banco de Explotacións.

Conforme o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación electrónica será obrigatoria en todas as fases do procedemento tendo en conta a cualificación técnica das posibles persoas beneficiarias desta liña de axudas, para o uso dos medios electrónicos, dada a natureza das axudas expostas.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto regular na Comunidade Autónoma de Galicia as bases reguladoras das axudas da intervención 7169 Cooperación para a sucesión de explotacións, incluída no Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027.

Esta intervención regúlase mediante o seguinte procedemento administrativo: MR617D: Cooperación para a sucesión de explotacións agrarias.

2. A finalidade destas axudas é favorecer a renovación xeracional, aumentar a viabilidade das explotacións agrarias mediante a súa reestruturación e ampliación e incrementar o grao de cualificación profesional das persoas titulares, apoiando a persoas agricultoras que decidan cesar na súa actividade agraria co fin de ceder a súa explotación a outras persoas, mediante a presentación dun proxecto de cooperación.

3. A concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, conforme o disposto no capítulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a través da comparación das solicitudes presentadas co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de selección fixados no artigo 10.

4. Esta axuda contribúe aos obxectivos específicos (OE) do PEPAC:

• OE7 Atraer e apoiar as persoas agricultoras mozas e outras novas agricultoras e facilitar o desenvolvemento empresarial sostible nas zonas rurais.

• OE8 Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía circular e a silvicultura sostible.

Artigo 2. Financiamento

As axudas recollidas nesta orde financiaranse:

a) Con fondos do PEPAC 2023-2027, coa participación da Unión Europea do 60 % de fondos Feader, da Administración xeral do Estado nun 12 % e da Xunta de Galicia nun 28 %.

b) Con fondos propios da Comunidade Autónoma, no caso de anualidades que se executarán fóra do período de programación 2023-2027.

En todo caso, prevese a posibilidade de trasladar os compromisos que se adquiran con fondos propios da Comunidade Autónoma a fondos agrarios correspondentes ao seguinte período de programación da PAC.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos de aplicación desta orde entenderase por:

1. Cesión ou transferencia de explotación: a venda ou arrendamento das unidades de produción propiedade da persoa cedente, así como o abandono ou transmisión das unidades de produción non propias.

2. Persoa cedente: a persoa física titular dunha explotación agraria rexistrada no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (en diante, Reaga) durante os últimos 5 anos, e que cede a explotación a outra persoa.

3. Persoa cesionaria: a persoa física ou xurídica a quen se cede a explotación, xa se trate dunha persoa agricultora moza, unha persoa agricultora nova ou unha persoa agricultora preexistente.

4. Explotación agraria: conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola persoa titular, no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

5. Actividade agraria: conxunto de traballos que se require para a obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou forestais, así como a xestión ou a dirección e xerencia da explotación.

6. Xefa de explotación: persoa física que dispón do control efectivo e a longo prazo da explotación agraria, no que respecta ás decisións relacionadas coa xestión, os beneficios e os riscos financeiros e, polo tanto, é responsable da xestión das operacións financeiras e de produción habituais e diarias dela. É a persoa que figura como titular da explotación no Reaga.

7. Titular de explotación: persoa física ou xurídica, ou todo grupo de persoas físicas ou xurídicas, que ten o poder de adopción de decisións en relación coas actividades agrarias desempeñadas na explotación agraria, obtén os beneficios e asume o risco empresarial derivado da actividade agraria.

8. Proxecto de cooperación: acordo celebrado entre a persoa que cede a explotación agraria e a persoa que a recibe co obxectivo de traspasar a súa explotación, incluídos os dereitos e as prácticas e coñecementos adquiridos a través da experiencia.

9. Produción estándar total da explotación (PET): o valor obtido para a explotación que se transmite e cuxo cálculo é a resultante de multiplicar, para cada actividade, o seu coeficiente de produción estándar polo número de unidades da dita actividade (hectáreas, cabezas de gando ou colmeas), agregando posteriormente os valores obtidos para cada actividade da explotación.

10. Familiar de primeiro grao: para os efectos desta orde, serán familiares de primeiro grao o cónxuxe ou parella de feito, os fillos e os pais, e poderanse dar estes parentescos por consanguinidade ou por afinidade.

11. Banco de Explotacións: instrumento público creado pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de garantir a remuda xeracional, facilitando o contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais que abandonen a súa actividade, e persoas interesadas en xestionar unha explotación que poderían continuar con esa actividade. As persoas interesadas en ceder a súa explotación poderán solicitar a súa inclusión no banco e, por outra banda, as persoas interesadas en acceder a unha explotación poderán solicitar un proceso de intermediación ao Banco.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas, xefas de explotación, que cumpran os requisitos para acceder á xubilación no momento de realizar a transmisión, ou por causa de incapacidade laboral permanente, conforme a lexislación nacional, e que cedan a súa explotación agraria a outra persoa física ou xurídica que queira sucederlle a través dun proxecto de cooperación para a sucesión desa explotación agraria. Quedan excluídas da condición de persoa beneficiaria as persoas titulares de explotacións agrarias clasificadas como de autoconsumo ou non comercial.

2. As persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Presentar un proxecto de cooperación formalizado xunto coa solicitude da axuda, co contido indicado no artigo 6 e de acordo co anexo previsto na correspondente convocatoria, cunha persoa cesionaria que non poderá ser familiar de primeiro grao da persoa cedente, nin tratarse dunha persoa xurídica con algún socio que sexa familiar de primeiro grao desa persoa cedente.

b) Ser agricultor activo, segundo a definición establecida no título II, capítulo I do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagamentos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e a regulación da solicitude única do sistema integrado de xestión e control.

c) Exercer a actividade agraria durante os cinco anos anteriores á solicitude de axuda. Para os efectos desta orde entenderase que exerceu a actividade agraria cando estivese dado de alta no Reaga, como titular dunha explotación agraria, ininterrompidamente durante os cinco (5) anos anteriores á solicitude de axuda.

d) Ser titular dunha explotación agraria cuxa produción estándar total (PET) sexa, como mínimo, de 8.000 €.

e) Non ter máis de 70 anos.

f) Ter inscrita a explotación agraria no Banco de Explotacións ou realizar unha solicitude de inclusión de explotación ao Banco de Explotacións nunha data anterior á da publicación da correspondente convocatoria.

g) Cotizar á Seguridade Social pola súa actividade agraria na data de presentación da solicitude de axuda.

h) Estar en situación para acceder á xubilación no momento da transmisión, nun prazo máximo de seis (6) meses contado desde a data de presentación da solicitude de axuda ou, de ser o caso, ter recoñecida unha situación de incapacidade permanente para a actividade agraria no dito prazo.

i) Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A persoa solicitante será a beneficiaria e xustificará o cumprimento dos requisitos anteriores mediante a documentación que se exixa na correspondente convocatoria, en que se poderá eximir da presentación daqueles documentos que estean en poder da Administración.

3. As persoas beneficiarias da intervención regulada por medio desta orde proporcionarán a información necesaria á Autoridade de Xestión de Galicia ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización de tarefas, para poder realizar o seguimento e a avaliación do Plan estratéxico da política agrícola común para o período 2023-2027.

Artigo 5. Requisitos das persoas cesionarias

Poderán ser cesionarias as persoas físicas ou xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 18 anos e non superar os 55 anos na data de publicación da correspondente convocatoria, no caso de persoas físicas. Cando a persoa cesionaria sexa unha persoa xurídica, polo menos o 50 % das persoas asociadas deberán cumprir o requisito de idade exixido ás persoas físicas.

b) No caso de que a cesionaria sexa unha persoa física, non poderá ter unha relación familiar de primeiro grao coa persoa cedente. No caso de que sexa persoa xurídica, ningún dos seus socios poderá ser familiar de primeiro grao do cedente.

c) Ter formalizado coa persoa cedente un proxecto de cooperación co contido indicado no artigo 6 e de acordo co anexo previsto na correspondente convocatoria.

d) Comprometerse a realizar un contrato de arrendamento e/ou compravenda para a transferencia da explotación.

e) Asumir a condición de titular de explotación.

f) No caso de que a persoa cesionaria sexa unha persoa física, deberá cotizar á Seguridade Social pola súa actividade agraria ou comprometerse a iso con anterioridade ao momento da xustificación. No caso de que a cesionaria sexa unha entidade asociativa, o 50 % dos socios deberán ser cotizantes á Seguridade Social pola súa actividade agraria ou comprometerse a iso con anterioridade ao momento da xustificación.

g) Ter participado no proceso de intermediación co Banco de Explotacións, mediante solicitude de intermediación para o acceso a explotación do Banco de Explotacións (código de procedemento MR617C).

Artigo 6. Proxecto de cooperación

1. Deberá formalizarse un proxecto de cooperación entre a persoa cedente e a persoa cesionaria que vaia a sucedela na explotación, en que se recolla a transferencia dela mediante contrato de arrendamento e/ou venda. Este proxecto deberá presentarse xunto coa solicitude da axuda, que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria de axudas.

2. O proxecto de cooperación incluirá o seguinte contido mínimo:

a) A situación inicial da explotación.

b) Compromiso por parte da persoa cedente de cesar na súa actividade agraria, e darse de baixa no Reaga pola súa actividade agraria.

c) Compromiso da persoa cedente de transferir os dereitos de axuda á cesionaria segundo acordo entre as partes, ligados ás unidades de produción.

d) Relación de actuacións que vaia desenvolver a persoa cesionaria, que recolla se vai realizar unha primeira instalación, diversificación agraria, investimentos ou o desenvolvemento doutras intervencións e o asesoramento que poida recibir, tanto pola persoa cedente como por asesores externos á explotación.

e) A dedicación que fará a persoa cedente para a transmisión dos seus coñecementos á persoa cesionaria.

Artigo 7. Compromisos das persoas cedentes e persoas cesionarias

1. A persoa cedente e a cesionaria comprométense a cumprir todos os termos recollidos no proxecto de cooperación subscrito entre ambas e a realizar a cesión da explotación mediante contratos de arrendamento e/ou compravenda da forma indicada no citado proxecto.

2. Compromisos das persoas cedentes:

a) Realizar un contrato de arrendamento e/ou compravenda para a transmisión da explotación agraria.

b) Ceder á persoa ou ás persoas cesionarias a relación de parcelas e bens que forman parte da explotación (bens inmobles de natureza rústica, maquinaria agrícola, construcións e instalacións agroforestais e/ou industriais, gandaría e demais bens mobles integrados na explotación, así como os bens e dereitos de natureza inmaterial que poidan corresponder ao seu titular) segundo os datos recollidos no Banco de Explotacións e acordados no proceso de intermediación.

Cando a persoa cedente non sexa propietaria de toda a explotación, deberá resolver os contratos que afecten a actividade produtiva da devandita explotación ou achegar, de ser o caso, o compromiso de arrendamento das persoas propietarias coa persoa cesionaria. Este compromiso incluirase no proxecto de cooperación.

c) Acceder á xubilación conforme a lexislación nacional no momento de realizar a transmisión, no caso de xubilación, ou cesar formalmente na súa actividade, no caso de incapacidade laboral permanente.

d) Cesar na actividade agraria e causar baixa no Reaga pola súa actividade agraria. Non obstante, a persoa cedente poderá seguir explotando superficie agrícola e/ou gando para consumo familiar, sen declarala en ningún caso para os efectos de solicitude de calquera tipo de axuda. Neste caso, poderase permanecer dado de alta no Reaga como titular dunha explotación de autoconsumo.

e) Manter a explotación no Reaga a nome da persoa cedente, como mínimo, ata o momento da resolución de concesión da subvención.

f) Realizar a transmisión da explotación no prazo máximo de catro (4) meses desde a notificación da resolución de axuda.

g) En ningún caso a persoa cedente poderá figurar como titular de explotación agraria, salvo explotación de autoconsumo, nin solicitar axudas relacionadas coa súa actividade agraria durante os cinco (5) anos posteriores á data de xustificación da transmisión e solicitude do pagamento da axuda.

h) Informar a persoa cesionaria das axudas que existan, vinculadas á explotación, e consentir a subrogación da persoa cesionaria en todos os dereitos e obrigas derivados desas axudas.

3. Compromisos das persoas cesionarias:

a) Realizar un contrato de arrendamento e/ou compravenda para a transmisión da explotación agraria.

b) Asumir a condición de titular da explotación agraria da persoa cedente.

c) Xestionar, de forma directa, a explotación cedida pola persoa cedente, que deberá figurar ao seu nome no Reaga durante non menos de cinco (5) anos desde a data de solicitude de pagamento.

d) Cumprir a condición de agricultor activo, segundo a definición establecida no título II, capítulo I do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro.

e) Subrogarse nos dereitos e nas obrigas derivadas das axudas das que, se é o caso, sexa titular a persoa cedente, no caso de que estes non sexan resoltos pola persoa cedente.

4. Se antes de transcorrer o prazo de cinco (5) anos a persoa cesionaria abandona a actividade agraria, a explotación transmitida poderá cederse a unha nova cesionaria, e non poderá en ningún caso ser recuperada pola cedente, nin por un familiar de primeiro grao ou sociedade en que haxa un familiar de primeiro grao da persoa cedente. Neste caso, a persoa cedente deberá presentar a documentación acreditativa dunha nova cesión.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A axuda consistirá nun importe a tanto alzado en forma de pago anual por un período de cinco (5) anos que se calculará en función do tamaño da explotación. En todo caso, a axuda poderá acadar no total de todas as anualidades a contía de 30.000 €, ou un máximo anual de 6.000 €.

2. A axuda destinarase ás persoas agricultoras ou gandeiras que decidan cesar na súa actividade e cedan a súa explotación a outras persoas agricultoras ou gandeiras, compensando unha parte do custo de oportunidade que supón a dita cesión.

3. O importe anual (IA) calcularase tendo en conta o valor da produción estándar total (PET) da explotación definida no artigo 3, conforme a seguinte expresión:

IA (euros) = 60 x√ (PET-1500)

4. Finalmente, a axuda total en euros que percibirá a beneficiaria calcularase multiplicando por cinco a axuda final anual, conforme o punto 3 deste artigo, cun límite máximo de 30.000 €.

Artigo 9. Procedemento de concesión

1. A concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de selección fixados no artigo 10.

2. As axudas outorgaranse a aquelas persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos e a puntuación mínima establecida, obtivesen unha orde preferente como resultado de comparar as solicitudes presentadas, aplicando os criterios previstos. Con todo, se despois de aplicar as prioridades establecidas, existisen solicitudes coa mesma puntuación e o crédito dispoñible non fose suficiente para atendelas, utilizarase como criterio de ordenación a data e a hora de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Criterios de selección

1. Os proxectos serán baremados atendendo aos criterios de selección recollidos no anexo I.

2. Todas as solicitudes que cumpran os requisitos serán sometidas á aplicación dos criterios de selección, e serán por tanto valoradas aínda cando, por razóns de índole orzamentaria ou outra razón, non se requira ordenar as solicitudes en función da puntuación obtida. Serán prioritarias aquelas solicitudes que conten con maior puntuación.

3. Para que unha operación sexa seleccionada, esta deberá obter unha puntuación igual ou superior a 5 puntos e cumprir polo menos 2 criterios.

4. Se no momento da xustificación das condicións da subvención se detectase que non se cumpriu con algún dos criterios de selección puntuados para a concesión da axuda, o órgano xestor realizará unha nova baremación da solicitude en que se terán en conta, unicamente, os criterios de selección realmente satisfeitos.

Se froito desta nova baremación a solicitude obtivese unha puntuación inferior á mínima establecida para a súa selección, ou se se situase por baixo do limiar de priorización que no seu caso se aplicou, a axuda concedida será deixada sen efecto.

Artigo 11. Inicio do procedemento de concesión das axudas

1. O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde iniciarase de oficio, mediante convocatoria aprobada pola persoa titular da Consellería do Medio Rural.

2. A convocatoria e un extracto da mesma publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 12. Solicitudes de axuda

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365.

4. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente convocatoria en ningún caso poderá exceder dos seis (6) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. As oficinas rurais, informarán e asesorarán as persoas interesadas en presentar unha solicitude de axuda.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude de axuda, a documentación complementaria que se exixa na correspondente convocatoria, de acordo co anexo que esta incluirá.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos que se relacionan na convocatoria de axuda que están en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

Consultaranse ademais os datos que se relacionan na convocatoria de axuda, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Coordinación e Dinamización da Extensión Agraria da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos para verificar a admisibilidade dos expedientes.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de verificar o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, o órgano colexiado aplicará os criterios de prioridade para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria formule a proposta de resolución. Este órgano estará presidido pola persoa titular do Servizo de Coordinación e Dinamización da Extensión Agraria e integrado por tres persoas dese mesmo servizo con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. Corresponde á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por delegación da persoa titular da consellería competente en materia de medio rural, vista a proposta de resolución, a competencia para ditar a resolución de concesión. Esta ditarase no prazo de seis (6) meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión e de denegación, que producirá os efectos da notificación.

Artigo 19. Recursos fronte ás resolucións de subvención

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou no prazo de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión da axuda prevista nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Segundo petición expresa e motivada da persoa beneficiaria, poderá resolverse a autorización de modificación das condicións establecidas na resolución de concesión. Esta modificación non poderá prexudicar dereitos de terceiras persoas, e deberá manter o obxecto e finalidade que motivaron a concesión da axuda.

3. Se como consecuencia da modificación se produciren alteracións que afecten a puntuación outorgada na fase de valoración, procederase a unha nova baremación da solicitude aplicando os criterios de selección.

4. O órgano competente para a concesión da axuda o será tamén para a modificación da resolución. A proposta de modificación da resolución será asinada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria, e darase traslado ao órgano xestor para a instrución do expediente.

O prazo para resolver esta modificación será de tres (3) meses. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se produce, a persoa beneficiaria entenderá desestimada a súa petición.

5. A consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 21. Incompatibilidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde son incompatibles con outras que se puidesen conceder para a mesma finalidade.

2. Así mesmo, as persoas beneficiarias desta axuda non poderán optar a ningunha axuda vinculada á actividade agraria financiada con recursos públicos durante o período de compromisos, excepto as axudas que correspondan á actividade realizada con anterioridade á transmisión da explotación.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Comezo da subvencionabilidade

Serán subvencionables as transmisións que se realicen a partir da notificación da resolución da concesión de axuda.

Artigo 24. Xustificación das condicións da subvención

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das axudas e as cesionarias deberán xustificar o cumprimento dos requisitos exixidos para o pagamento da axuda, achegando dentro dos prazos establecidos a documentación prevista na correspondente convocatoria, xunto co anexo de solicitude de pagamento que esta incluirá.

2. A presentación da solicitude de pagamento, que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria, na forma e cos requisitos sinalados neste artigo, será condición indispensable para que poida procederse ao recoñecemento da obriga a favor da persoa beneficiaria e ao seu pagamento.

3. O prazo para a realización e xustificación da transmisión e o cumprimento das condicións do proxecto de cooperación será como máximo de catro (4) meses, computados a partir da notificación da resolución de concesión da axuda.

Cando a transmisión da explotación non poida realizarse ou xustificarse no prazo previsto, por causas debidamente xustificadas, poderá concederse á persoa beneficiaria, por solicitude desta, unha prórroga do prazo nos termos establecidos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Xunto coa solicitude de pagamento, que se incluirá como anexo na correspondente convocatoria, a presentación da documentación xustificativa deberá ser efectuada electronicamente a través da Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 25. Certificación das axudas

1. A xustificación da transmisión dos elementos da explotación, o cumprimento dos requisitos exixidos e dos criterios de selección, así como a contía do importe da axuda que se vai abonar, serán comprobados e certificados por persoal funcionario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural.

2. A certificación realizada por parte da oficina rural correspondente será requisito necesario para o recoñecemento da obriga e a tramitación da correspondente proposta de pagamento.

Artigo 26. Pagamento da axuda

1. As xefaturas de área de coordinación territorial de oficinas rurais correspondentes remitirán a documentación xustificativa achegada pola persoa beneficiaria e a certificación da comprobación dos compromisos ao Servizo de Coordinación e Dinamización da Extensión Agraria.

2. O órgano concedente comprobará a adecuada concesión e xustificación da axuda, así como a realización da cesión da explotación nos termos recollidos no proxecto de cooperación.

3. Notificaráselles ás persoas interesadas a contía da axuda para pagar, resultante da resolución de autorización do pagamento adoptada pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de conformidade coa correspondente certificación emitida polas xefaturas de área de coordinación territorial correspondentes.

4. O aboamento da axuda efectuarase en cinco anualidades, mediante ingreso na conta da entidade financeira designada para o efecto pola persoa interesada.

5. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto que a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e mentres sexa debedora de reintegro.

Artigo 27. Réxime de control

1. As solicitudes de axuda, as solicitudes de pagamento e outras declaracións controlaranse de forma que se garanta a comprobación real do cumprimento das condicións establecidas para a concesión da axuda e dos pagamentos.

2. As autoridades competentes deberán controlar todos os criterios de priorización, criterios de subvencionabilidade, compromisos e outras obrigacións mediante controis administrativos e, cando cumpra, sobre o terreo, en aplicación do disposto nos artigo 58 e seguintes do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

3. As persoas beneficiarias teñen a obriga de someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar o órgano concedente da axuda, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e a IGAE, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, o Fogga, a Autoridade de Xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control.

Artigo 28. Incumprimento, penalizacións e reintegro

1. Procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, ou a parte proporcional que corresponda de acordo co plan de controis, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Non se aplicará ningunha penalización, nin exclusión, nin se exixirá o reintegro da axuda nos seguintes casos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais previstas no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013; no artigo 4 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común; e no artigo 5 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

b) Cando o incumprimento se deba a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade e este erro non puidese ser razoablemente detectado pola persoa afectada.

c) Cando a persoa interesada poida demostrar de forma satisfactoria para a autoridade competente conforme os datos ou documentos achegados que non é responsable do incumprimento.

d) Cando o incumprimento se deba a erros manifestos recoñecidos pola autoridade competente, segundo o disposto no artigo 115.2 do Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro.

e) Outros casos en que a imposición dunha penalización non sexa adecuada, segundo o disposto no Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores serán de aplicación as penalizacións previstas no Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro. Os incumprimentos dos criterios/requisitos de admisibilidade e compromisos ou outras obrigacións que se produzan con relación coas axudas reguladas na presente orde darán lugar á aplicación de distintas penalizacións en función do tipo de incumprimento de que se trate, atendendo á súa gravidade, alcance, persistencia, reiteración e intencionalidade, tal e como establece o artigo 4 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro (anexo II).

Artigo 29. Protección dos intereses financeiros da Unión

A xestión das axudas reguladas nesta orde incluirá as medidas necesarias para previr, detectar e corrixir as irregularidades e fraude e para evitar o conflito de intereses, a teor do disposto no artigo 59 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro de 2021.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nestas bases reguladoras aplicarase o disposto na seguinte normativa:

Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013.

Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio de 2022, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/1475, do 6 de setembro de 2022, da Comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á avaliación dos plans estratéxicos da PAC e á subministración de información para o seguimento e a avaliación.

Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

Regulamento de execución nº (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico da política agrícola común e outras axudas da política agrícola común.

Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Lei 11/2021 de 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

Instrución ARX PEPAC 01/2023 Información, publicidade e visibilidade.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais

Disposición adicional cuarta. Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia

Habilítase o sistema de xestión de explotacións agrarias de Galicia-Xeaga para actualizar os elementos da explotación e presentar unha solicitude ao Banco de Explotacións.

As persoas titulares da explotación poden acceder a esta ferramenta mediante a seguinte ligazón https://xeaga.xunta.gal/xeaga/ e proceder á actualizar os elementos da súa explotación antes de presentar a solicitude destas axudas.

Disposición adicional quinta. Publicación de información das persoas beneficiarias

Infórmase as persoas beneficiarias da publicación de datos que lles concirnen de conformidade co artigo 98 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 e de que os ditos datos poderán ser tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión, de conformidade co artigo 99 do Regulamento (UE) nº 2021/2116.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I

Criterios de selección

Intervención 7169 Cooperación para a sucesión das explotacións agrarias

1. Criterios relativos á explotación e á persoa titular cedente

Puntuación

1.1. Localización da explotación agraria que se transfire

Municipio en zona desfavorecida (zona de montaña)

2

Municipio en zona desfavorecida (distinta de zona de montaña)

1

1.2. Explotación agraria acollida a réximes de calidade diferenciada

Explotación acollida á produción ecolóxica inscrita no Craega

2

Explotación acollida á IXP ou DO

1

1.3. Superficie da explotación que se transfire

≥ 30 ha

4

≥ 15 ha < 30 ha

3

≥ 5 ha < 15 ha

2

≥ 0,5 ha < 5 ha

1

2. Criterios relativos á persoa cesionaria

Puntuación

2.1. A persoa cesionaria é muller (se é persoa xurídica, a maioría das persoas asociadas son mulleres)

Si

2

2.2. Idade da persoa cesionaria (caso de ser persoa xurídica, media de idades das persoas asociadas)

Entre 18 e 40 anos

4

Entre 41 e 55 anos

3

2.3. Duración do contrato de arrendamento

≥ 10 anos

2

≥ 8 anos < 10 anos

1

Total

16

A puntuación máxima teórica atribuíble sumará un total de 16 puntos.

O limiar mínimo para ser subvencionable será de 5 puntos e polo menos dous criterios.

En caso de igualdade na aplicación dos criterios de selección, terán preferencia as actuacións que acaden maior puntuación:

a) En primeiro lugar, en aplicación do criterio 2.2.

b) En segundo lugar, o criterio 2.3.

c) En terceiro lugar, o criterio 2.1.

d) En cuarto lugar, o criterio 1.3.

e) En quinto lugar, o criterio 1.2.

f) En sexto lugar, o criterio 1.1.

ANEXO II

Penalizacións en aplicación do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo
que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións das intervencións previstas no PEPAC e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da PAC
para o período 2023-2027

1. Clasificación dos incumprimentos.

Os incumprimentos clasifícanse nos seguintes tipos: excluínte, básico, principal, secundario e terciario.

a) Incumprimento excluínte é aquel que non respecta os requisitos de subvencionabilidade establecidos na concesión, desde o momento en que se outorgou esta e ata a finalización do período de compromisos.

b) Incumprimento básico é aquel que ten consecuencias relevantes para os obxectivos perseguidos e estas repercusións duran máis dun ano ou é difícil poñer fin a estas con medios aceptables e, en todo caso, o incumprimento dos compromisos do cedente establecidos na presente orde, salvo que se cualifique como incumprimento principal, secundario ou terciario.

c) Incumprimento principal é aquel que implica consecuencias importantes para os obxectivos perseguidos e estas repercusións duran menos dun ano ou é posible poñer fin a estas con medios aceptables e, en todo caso:

a. Que o cedente non transmita ao cesionario a totalidade da base territorial e dereitos da explotación da que é propietario no momento da solicitude da axuda, fóra da parte que, se é o caso, se poida reservar o cedente para autoconsumo.

b. Que o cedente transmita parte da base territorial, dereitos ou gando da explotación de que é propietario a un familiar de primeiro grao ou sociedade en que algún dos seus socios sexa familiar de primeiro grao do cedente.

c. Que o cedente solicite axudas vinculadas á actividade agraria durante os tres primeiros anos tras a solicitude de pagamento.

d. Que o cedente se dea de alta no Reaga durante os tres primeiros anos logo da solicitude de pagamento.

d) Incumprimento secundario é aquel que ten baixa relevancia no obxectivo da liña de axuda solicitada e, en todo caso:

a. Que o cedente incumpra, por causa imputable a el, algún dos termos recollidos no proxecto de cooperación.

b. Que o cedente solicite axudas vinculadas á actividade agraria no cuarto ano despois da solicitude de pagamento.

c. Que o cedente se dea de alta no Reaga no cuarto ano despois da solicitude de pagamento.

e) Incumprimento terciario é aquel que ten escasa relevancia no obxectivo da liña de axuda solicitada e, en todo caso:

a. Que o cedente solicite axudas vinculadas á actividade agraria no quinto ano despois da solicitude de pagamento.

b. Que o cedente se dea de alta no Reaga no quinto ano despois da solicitude de pagamento.

2. Penalizacións.

En función dos incumprimentos detectados e a súa gradación aplicaranse as seguintes penalizacións sobre o importe total da axuda:

a) Os incumprimentos excluíntes darán lugar á perda do dereito ao cobramento total da axuda e ao reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas. Ademais, en casos de incumprimento grave, falsidade, creación de condicións artificiais e neglixencia, a persoa beneficiaria quedará excluída da mesma medida ou liña de axuda durante o ano natural en que se detectou o incumprimento e durante o ano natural seguinte.

b) Os incumprimentos básicos darán lugar á perda do dereito ao cobramento total da axuda e ao reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas.

c) Os incumprimentos principais darán lugar á aplicación dunha redución do importe de axuda total de:

1) O 20 % da axuda, se se produce un único incumprimento.

2) O 40 % da axuda, se se producen dous ou máis incumprimentos.

3) O 40 % da axuda, se en 2 ou máis anos, prodúcese un ou máis incumprimentos.

d) Os incumprimentos secundarios darán lugar á aplicación dunha redución do importe de axuda total de:

1) 5 % da axuda, se se produce un único incumprimento.

2) 10 % da axuda, se se producen dous ou máis incumprimentos.

3) 10 % da axuda, se en 2 ou máis anos, prodúcese un ou máis incumprimentos.

e) Os incumprimentos terciarios darán lugar á aplicación dunha redución do importe de axuda total de:

1) 1 % da axuda, se se produce un único incumprimento.

2) 1 % da axuda, se se producen dous ou máis incumprimentos.

3) 2 % da axuda, se en 2 ou máis anos, prodúcese un ou máis incumprimentos.

f) No caso de detectarse varios tipos de incumprimento para o cálculo da penalización final aplicarase unicamente a redución máis desfavorable sen sumar as reducións aplicables por cada incumprimento.

Tipos de incumprimento

Anos (1)

Incumprimentos (2)

Penalización

Excluínte

1 ou máis

1 ou máis

100 %

Básico

1 ou máis

1 ou máis

100 %

Principal

1

1

20 %

1

2 ou máis

40 %

2 ou máis

1 ou máis

40 %

Secundario

1

1

5 %

1

2 ou máis

10 %

2 ou máis

1 ou máis

10 %

Terciario

1

1

1 %

1

2 ou máis

1 %

2 ou máis

1 ou máis

2 %

(1) Número de anos de incumprimento dun mesmo compromiso ou outra obriga

(2) Número de incumprimentos detectados

g) Sen prexuízo do anterior, en casos de incumprimento grave, falsidade, creación de condicións artificiais e neglixencia, a persoa beneficiaria quedará excluída da mesma medida ou liña de axuda durante o ano natural en que se detectou o incumprimento e durante o ano natural seguinte.