DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 22 de decembro de 2025 Páx. 65385

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de decembro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa Elis Manomatic, S.A.U., que presta servizos de lavandaría en centros hospitalarios da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, así como en outras entidades hospitalarias, convocada para os días 23 e 30 de decembro de 2025.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo establece que cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera tipo de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración, así como nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

A prestación da asistencia sanitaria pública non pode verse gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquela é considerada e recoñecida como prioritaria en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos nas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, co fin de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Os representantes dos traballadores do centro de traballo de Boqueixón (A Coruña) da empresa Elis Manomatic, S.A.U., identificados na convocatoria como Elis Boqueixón-Rías Altas, comunicaron a convocatoria dunha folga para os días 23 e 30 de decembro de 2025, en horario das 10.20 ás 14.00 horas e das 18.20 ás 21.00 horas, que afectará o persoal do centro de traballo que a empresa ten en Boqueixón (A Coruña).

A empresa Elis Manomatic, S.A.U., presta neste centro de traballo servizos de lavandería industrial consistentes na recollida, lavado, desinfección, secado, pasado de ferro, empaquetado e distribución de roupa hospitalaria e sanitaria, incluíndo roupa de cama, uniformes clínicos, lencería hospitalaria e téxtiles críticos para a actividade asistencial.

A empresa é adxudicataria dun contrato co Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a prestación do servizo de lavandería dos centros hospitalarios integrantes da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, en concreto: o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, o Hospital Gil Casares, o Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, o Hospital Psiquiátrico de Conxo e o Hospital do Barbanza.

Así mesmo, a empresa presta servizos de lavandería a varios hospitais privados, entre eles o Hospital Povisa, o Hospital Ribera Juan Cardona e o Hospital Vithas Fátima, centros concertados co Sergas baixo distintas fórmulas, e cuxa actividade asistencial depende igualmente da subministración continua de roupa limpa e desinfectada.

Polo tanto, a folga convocada afecta de maneira directa a operatividade de centros hospitalarios públicos e doutras entidades sanitarias esenciais para o funcionamento da atención sanitaria, ao tratarse dun servizo público esencial.

Ademais, hai que ter en conta que concorre nun período de máxima presión asistencial, propio da época invernal, caracterizada por unha elevada incidencia de infeccións respiratorias, e que está convocada para os días 23 e 30 de decembro, datas inmediatamente anteriores a xornadas con actividade reducida por convenio colectivo do sector (24 e 31 de decembro) e a festivos en que non se presta actividade laboral (25 de decembro e 1 de xaneiro), o que amplifica o seu impacto sobre a continuidade da asistencia sanitaria.

Con base no que antecede e logo de audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

Dado que o servizo prestado está directamente vinculado á continuidade da asistencia sanitaria, considérase esencial manter un nivel mínimo de actividade que garanta a hixiene e a dispoñibilidade de roupa hospitalaria e sanitaria necesaria para a atención aos pacientes, así como a dotación de roupa para o persoal que presta servizos en áreas críticas, urxencias e quirófanos sen que supoña unha vulneración do dereito fundamental dos traballadores a exercer a folga.

O lavado de roupa responde ás necesidades asistenciais diarias dos centros das áreas sanitarias, e comprende tanto roupa plana (sabas, toallas, etc.) destinado ao uso de pacientes como de roupa de forma (vestiario do persoal, camisóns e pixamas de pacientes, etc).

As circunstancias concorrentes xustifican a fixación de servizos mínimos suficientes e proporcionados, destinados a garantir a continuidade do servizo público esencial de asistencia sanitaria e a evitar graves prexuízos á saúde da poboación.

Este conxunto de servizos mínimos pretende garantir a continuidade dun servizo esencial que afectaría gravemente a saúde e benestar de pacientes e o persoal sanitario no caso de non ser debidamente mantido. A súa implementación é imprescindible para evitar danos irreparables e para que as instalacións hospitalarias poidan continuar co seu funcionamento básico en canto á subministración de roupa limpa e desinfectada.

Ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado, mediante os devanditos contratos.

Estas circunstancias, xunto coa necesidade de garantir diariamente a dispoñibilidade de roupa limpa suficiente para atender a actividade asistencial imprescindible, de acordo coas necesidades ordinarias dos centros sanitarios e coas obrigas derivadas do contrato de prestación do servizo de lavandería formalizado co Servizo Galego de Saúde, determinan o establecemento dos servizos mínimos que figuran no anexo desta orde.

Artigo 2

A empresa Elis Manomatic, S.A.U., adoptará as medidas organizativas necesarias para asegurar o cumprimento efectivo dos servizos mínimos durante a vixencia da folga.

A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os devanditos efectivos.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Nas xornadas de folga a que fai referencia esta orde, os servizos mínimos que deben quedar garantidos en cada área de traballo son os que a seguir se relacionan:

1. Procesado de roupa lisa.

Establécese a presenza de 34 persoas traballadoras, distribuídas en dúas quendas, para o procesado de roupa lisa, conforme a seguinte dotación funcional:

– 1 encargado/a.

– 1 posto de túnel de lavado.

– 3 postos de plataforma de separación.

– 1 posto de Turnus.

– 2 liñas de toallas.

– 3 calandras de sabas.

– 5 calandras de pezas pequenas.

– 1 posto de expedicións.

Todas as presenzas indicadas terán unha xornada de 6 horas e 40 minutos, o que supón un total de 240 horas produtivas. Tendo en conta que a capacidade produtiva do centro é de 57,3 kg/hora en roupa hospitalaria (incluíndo o lavado), considérase que con estas presenzas se garante a cobertura das necesidades esenciais dos centros hospitalarios aos que se presta servizo.

2. Vestiario laboral (VT).

Establécese a presenza de 8 persoas traballadoras, distribuídas en 4 persoas na quenda de mañá e 4 persoas na quenda de tarde, cunha xornada de 6 horas e 40 minutos, o que supón un total de 53,36 horas produtivas. Considerando unha capacidade produtiva de 85,6 unidades/hora en roupa hospitalaria (incluíndo o lavado), estas presenzas considéranse suficientes para garantir a atención das necesidades esenciais correspondentes.

3. Administración.

Establécese a presenza de 1 persoa traballadora adscrita a funcións de administración.

4. Mantemento.

Establécese a presenza de 2 persoas traballadoras de mantemento, unha por cada quenda.

5. Loxística.

Establécese a presenza de 3 persoas traballadoras de loxística (Axentes de Servizo), adscritas ás seguintes rutas e horarios:

– 1 Axente de Servizo con camión, das 5.00 ás13.00 horas, para o Hospital Fátima.

– 1 Axente de Servizo con camión, das 7.30 ás 15.30 horas, para o Hospital Clínico e Povisa.

– 1 Axente de Servizo con camión, das 9.30 ás 17.30 horas, para o Hospital Clínico e o resto de hospitais do Servizo Galego de Saúde.