Examinado o expediente iniciado por solicitude de Parque Eólico de Malpica, S.A. en relación coa autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Con data do 10 de setembro de 2024 Parque Eólico de Malpica, S.A. solicita a autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico denominado Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación de 7,75 MW de potencia, situado no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña).
Segundo. Con datas do 17 de setembro e do 4 de outubro de 2024 a empresa solicitante aportou documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.
Terceiro. Con data do 14 de novembro de 2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas remitiulle a documentación técnica do proxecto de almacenamento eléctrico denominado Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación ao Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 45.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Cuarto. Con data do 22 de novembro de 2024, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña remitiulle a documentación técnica do proxecto á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a solicitude de inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada de acordo co indicado no artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Quinto. Con data do 15 de abril de 2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, resolveu formular o informe de impacto ambiental do proxecto do sistema de almacenamento de enerxía por baterías Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado, no termo municipal de Malpica de Bergantiños (clave 2024/0282) no cal se concluíu que «de acordo cos antecedentes e como resultado da avaliación de impacto ambiental simplificada realizada, formular o informe de impacto ambiental do proxecto de sistema de almacenamento BESS-hibridación do PE Malpica repotenciado...» «...no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña), concluíndo que, nos termos recollidos ao longo desta resolución, e sempre que se cumpra, ademais do recollido no documento ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo desta resolución, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria» (DOG nº 83, do 2 de maio de 2025)».
Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 47.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do proxecto aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Concello de Malpica de Bergantiños, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Servizo de Montes, Servizo de Industria do Departamento Territorial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Red Eléctrica de España, S.A.
A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o 25 de agosto de 2025; Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o 8 de xullo de 2025; Dirección Xeral de Defensa do Monte, o 1 de xullo de 2025; Servizo de Montes, o 15 de xullo de 2025; Servizo de Industria do Departamento Territorial da Coruña, o 2 de xullo de 2025; UFD Distribución Electricidad, S.A., o 17 de xullo e o 1 de outubro de 2025, e Red Eléctrica de España, S.A., o 29 de xullo de 2025.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
Sétimo. Mediante Acordo do 29 de xullo de 2025, o Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria, someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de almacenamento eléctrico Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación, no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 149, do 6 de agosto de 2025. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Malpica de Bergantiños), e nas dependencias da Consellería de Economía e Industria do Departamento Territorial da Coruña. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía e Industria.
Posteriormente foron publicadas dúas resolucións, do 6 de agosto e do 5 de setembro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, de emendas de erros materiais do antedito acordo (Diario Oficial de Galicia nº 154, do 13 de agosto e nº 191, do 3 de outubro).
Oitavo. Con data do 5 de novembro de 2025, o Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria, remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e achegou informe técnico do 4 de novembro de 2025 sobre o proxecto indicando que «desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas».
Noveno. Con data do 10.11.2025 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas solicitoulle a promotora o proxecto de execución refundido e o acordo de promotores segundo o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000 onde deberá achegar un documento subscrito por todos os titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na posición de liña de chegada á subestación Cabana 66 kV.
Décimo. Con data do 25.11.2025 a promotora presentou o declaración responsable onde se recolle que «non existen outros promotores que utilicen as infraestruturas de conexión necesarias para a evacuación da enerxía producida polo proxecto, polo que non resulta aplicable o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000», e achegou o refundido do proxecto denominado Proxecto de execución refundido, asinado o 21 de novembro de 2025, polo enxeñeiro técnico industrial Javier Martín Anarte, colexiado nº 12.161, do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Sevilla, e visado polo dito colexio o 23 de novembro de 2025 co número 3086/2024-A05.
Décimo primeiro. Con data do 28.11.2025, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas remitiulle ao Departamento Territorial da Coruña o proxecto de execución refundido achegado pola empresa solicitante o 25.11.2025.
Décimo segundo. Con data 1.12.2025 o Departamento Territorial da Coruña emitiu informe onde indica que «non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización adminsitrativa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas».
Décimo terceiro. O proxecto de almacenamento eléctrico e da súa liña de evacuación de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 7,75 MW, de acordo coa comunicación de data do 19 de decembro de 2024 do xestor da rede.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.
Cuarto. O proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación atópase sometido ao trámite de avaliación ambiental simplificada de acordo co recollido no título II, capítulo II, sección 2ª da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Sexto. Non se recibiron alegacións relativas ao proxecto de execución.
No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta no informe de impacto ambiental emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 15 de abril de 2025, en que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Consello da Cultura Galega, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular.
De acordo co que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do proxecto de almacenamento eléctrico Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación, sito no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña) e promovido por Parque Eólico de Malpica, S.A., para unha potencia de 7,75 MW.
Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para o proxecto de almacenamento eléctrico Bess Hibridación PE Malpica Repotenciado e a súa liña de evacuación que Parque Eólico de Malpica, S.A. promove no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña) segundo o proxecto denominado Proxecto de Execución Refundido, asinado o 21 de novembro de 2025 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Martín Anarte, colexiado nº 12.161 do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Sevilla e visado polo dito colexio o 23 de novembro de 2025 co número 3086/2024-A05.
As características finais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Parque Eólico de Malpica, S.A. (CIF A15493315).
Concello afectado: Malpica de Bergantiños (A Coruña).
Coordenadas da parcela na se sitúa a instalación (ETRS89 UTM fuso 29):
|
Vértice |
X |
Y |
|
1 |
509.129,0203 |
4.794.261,6687 |
Potencia instalada evacuable: 7,75 MW, cunha capacidade de almacenamento de 15,5 MWh (duración 2h).
Orzamento execución material: 4.582.082,75 €.
Características técnicas recollidas no proxecto Sistema de almacenamento de enerxía eléctrica baseado en baterías de 15,5 MW/h (2 h) de capacidade e 7,75 MW de potencia, conectado á SET PE Malpica repotenciado (IN661A 2014/1):
1. Sistema de baterías tipo LFP integradas en 3 contedores tipo marítimo de 40 pés, que se configuran en 2 unidades de almacenamento compostas por:
• Unidade de almacenamento 1: 1 contedor (BESS 1).
• Unidade de almacenamento 2: 2 contedores (BESS 2 e 3).
• Características de cada contedor: 5.184 kWh de capacidade, 2.592 kW de potencia e refrixeración por aire forzado.
2. Estacións de potencia (EP/Skid) compostas por:
• EP/Skid 1: 1 sistema de conversión de enerxía (PCS) e estación transformadora de elevación de 3.500 kVA (0,578/20 kV) con refrixeración ONAN, que dará servizo á unidade de almacenamento 1.
• EP/Skid 2: 1 sistema de conversión de enerxía (PCS) e estación transformadora de elevación de 6.500 kVA (0,578/20 kV) con refrixeración ONAN, que dará servizo á unidade de almacenamento 2.
3. Sistema de SS.AA., que dará servizo ao sistema de baterías e ás EP. O transformador dos SS.AA. será o proxectado de 200 kVA na SET PE Malpica (a substitución deste trafo polo existente é obxecto doutro expediente).
4. Liñas de evacuación/captación en baixa tensión:
• LBTS a 578 V, condutor tipo H1Z2Z2-K de 2×(9×1×240 mm2) con orixe nas unidades de almacenamento e remate nas EP.
5. Liñas de evacuación/captación en media tensión:
• LMTS a 20 kV, de 25 m, condutor tipo Al XLPE 12/20 kV 3×(1×400) mm2, con orixe na EP 1 proxectada e remate no Skid 2 proxectado.
• LMTS a 20 kV, de 25 m, condutor tipo Al XLPE 12/20 kV 3×(1×400) mm2, con orixe no EP 2 proxectado e remate na cela de entrada de liña proxectada na SET PE Malpica (o conxunto de novas celas proxectadas nesta SET é obxecto doutro expediente).
6. Sistema de xestión da enerxía (EMS). Este sistema será o encargado de limitar a potencia máxima de carga/descarga das baterías.
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. O proxecto de almacenamento eléctrico e a súa liña de evacuación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución e addendas referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, de 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión, e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria, poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación e un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, perante o Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Economía e Industria, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Parque Eólico de Malpica, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución; para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do proxecto.
5. O prazo máximo para a posta en servizo das instalacións será dun ano contado a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.
6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
7. A empresa promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas no informe de impacto ambiental do 15 de abril de 2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
8. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Planificación Enerxéticas e Minas e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e no informe de impacto ambiental.
9. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.3 do informe de impacto ambiental.
10. Deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) núm. 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) núm. 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial da Coruña, acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.
11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
