DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 22 de decembro de 2025 Páx. 65609

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Carballo

ANUNCIO de tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais nunha parcela situada no lugar da Redonda, Berdillo (orde 169/2025).

Antecedentes:

Primeiro. O día 24 de outubro de 2025, a Policía Local elaborou un informe sobre a parcela con referencia catastral 15019A098001400000IP, situada no lugar da Redonda, Berdillo. O informe constata que non cumpre coa lexislación en materia de prevención de incendios forestais e que se precisa a xestión da biomasa e a corta das especies arbóreas non permitidas.

Segundo. O día 21 de agosto de 2025 recadáronse da Dirección Xeral do Catastro datos sobre a titularidade da parcela obxecto de denuncia. Segundo a certificación catastral, a parcela con referencia catastral 15019A098001400000IP pertence a Herd Manuel Fraga Cebey, a quen se lle intentou notificar sen éxito a encomenda das tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Referencia catastral

15019A098001400000IP

Identificación da persoa responsable

Herdeiros Manuel Fraga Cebey

Título polo cal é considerado persoa responsable

100 % propiedade

Lugar

A Redonda

Parroquia

Berdillo

Concello

Carballo

Superficie afectada encadrada en faixas secundarias

1.194,5 m²

Superficie afectada non encadrada en faixas secundarias

0 m²

Total de superficie afectada

1.194,5 m²

Consideracións xurídicas:

Primeira. É competencia das entidades locais a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 12 e 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e, de xeito máis concreto, a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (en diante, LPDCIF).

Segunda. A LPDCIF establece no seu artigo 21 que será obrigatorio, nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión da biomasa estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais, nos primeiros 50 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei. As distancias mediranse desde o límite do solo urbano ou núcleo rural, de ser o caso. As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o seu paramento.

Terceira. O artigo 22 da LPDCIF sinala que a execución da xestión da biomasa se fará «antes de que finalice o mes de maio de cada ano» (prazo afectado, no ano 2020, pola pandemia da COVID e as medidas lexislativas adoptadas como consecuencia delas, que se prorrogará ao 16 de xullo) e que, no caso de incumprimento, os entes locais lles notificarán ás persoas responsables para que no prazo de quince días acometan as tarefas referidas. De non se executar estes traballos, as administracións públicas poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa e, neste caso, repercutiranlles os custos ás persoas responsables.

Cuarta. O artigo 20 da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo (en diante, OMRLSH) sinala que «os propietarios dos terreos deberán mantelos limpos, libres de restos e residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público. Na falta destes, serán os que figuren como titulares catastrais os responsables do cumprimento das obrigas establecidas nesta ordenanza».

Quinta. O artigo 21 da OMRLSH recolle algunhas das obrigas, concretamente a de «manter os predios limpos e libres de residuos» (21.1), a de «manter os predios libres de animais perigosos ou de focos potencialmente infecciosos e realizar os labores preventivos que sexan necesarios» (21.2) ou a de «evitar o crecemento incontrolado de maleza […] así como controlar as plantacións, aínda que sexan crecementos accidentais» (21.3).

Sexta. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), establece que «cando os interesados nun procedemento sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben cando, intentada esta, non se puidese efectuar, a notificación farase por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado».

Na mesma liña, a Instrución 1/2018, do 26 de abril, da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 87, do 7 de maio), establece no seu artigo 8.1.c) que «cando se trate de persoas físicas e non se poida obter un domicilio para os efectos de notificacións polos medios previstos no punto anterior ou as persoas responsables sexan descoñecidas, as notificacións efectuaranse directamente mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, cos datos catastrais do terreo. O cómputo do prazo aplicable ás persoas destinatarias das notificacións iniciarase o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado».

En cumprimento do disposto na LPDCIF e na OMRLSH, e demais normativa de aplicación, no uso das atribucións que me confire a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenarlle a Herd. Manuel Fraga Cebey, ou a quen legalmente proceda, a realización das medidas de prevención de incendios forestais e xestión da biomasa na parcela con referencia catastral 15019A098001400000IP, situada no lugar da Redonda, Berdillo, de acordo co previsto nos artigos 21 e 22 da LPDCIF, na parte da parcela encadrada nas faixas secundarias de protección.

Segundo. A realización das tarefas de limpeza e prevención sinaladas no punto resolutivo primeiro farana as persoas titulares do terreo afectado nos quince (15) días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. O texto íntegro da comunicación estará ao dispor da persoa destinataria na sede electrónica do Concello de Carballo.

Terceiro. En caso de persistencia no incumprimento transcorrido o referido prazo, o Concello de Carballo realizará sen máis trámites a execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión da biomasa e, se é o caso, o comiso das especies arbóreas prohibidas e retiradas, de acordo co establecido na lexislación referida nas consideracións xurídicas. Quen realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen o consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais recollidos legalmente, e a(s) persoa(s) titular(es) do terreo ou dereito de aproveitamento terá(n) a obriga legal de facilitar o necesario acceso para a realización dos traballos.

Cuarto. No caso de proceder á execución subsidiaria, o Concello realizará a liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso. Neste caso, a liquidación provisional dos traballos necesarios para xestionar a biomasa nas faixas secundarias establécese nunha cantidade estimada de 3.953,15 € por hectárea.

Superficie afectada encadrada en faixas secundarias

1.194,5 m²

Superficie afectada non encadrada en faixas secundarias

0 m²

Total de superficie afectada

1.194,5 m²

Liquidación provisional

472,20 €

Quinto. En caso de persistencia do incumprimento, e transcorrido o prazo outorgado, iniciarase tamén o correspondente procedemento sancionador segundo o previsto no título VII da LPDCIF:

a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da LPDCIF):

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellería con competencia en materia forestal: a persoa titular do departamento territorial para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves; o órgano competente en materia forestal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves, e a persoa titular da consellería competente en materia forestal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable será competencia do Concello de Carballo. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves corresponderalle á persoa titular da Alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21.ter.

b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da LPDCIF), sen prexuízo do establecido no artigo 51.2.g) para as faltas graves.

c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se pode impor no caso de infracción leve: 1.000 € (artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da LPDCIF. No caso de ser considerada infracción grave, a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b).

d) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co artigo 22.2 da LPDCIF, de ser o caso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor alternativamente o recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, ante o alcalde do Concello de Carballo, de acordo cos artigos 123 e 124 da LPAC, ou o recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, de acordo co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Se se opta por interpor o recurso potestativo de reposición, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo mentres que aquel non se resolva expresamente ou produza efectos a súa desestimación por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo de que as partes interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren máis conveniente ao seu dereito.

Carballo, 28 de novembro de 2025

José Daniel Pérez López
Alcalde