DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 2025 Páx. 66331

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para a concesión de subvencións, mediante tramitación anticipada e en réxime de concorrencia competitiva, para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento IF313A).

O transporte por estrada é un sector estratéxico de calquera economía, como vén demostrando o crecemento da importancia das cadeas de subministración nacionais e internacionais. Isto fai que o volume de cargas que viaxan ao longo das nosas estradas vaia en aumento ano a ano e, a pesar de que outros modos de transporte poden suplir en parte as demandas, o transporte de mercadorías por estrada é na actualidade e seguirá sendo nun futuro próximo imprescindible. Con todo, para o seu desenvolvemento preséntase un inconveniente severo que resta competitividade ao sector e a Galicia como territorio loxístico.

Este non é outro que a ausencia de áreas de estacionamento seguras e protexidas (AESP), unhas pezas chave no transporte que, permiten ao condutor facer en condicións adecuadas os descansos aos cales está obrigado por lei ou simplemente estacionar adecuadamente o vehículo.

Neste sentido, existen dous niveis de AESP: AESP de concentración, dotadas de máis servizos e que se sitúan en grandes polos de atracción de mercadorías, e AESP de tránsito, localizadas para realizar descansos en ruta. Actualmente, en Galicia a oferta das primeiras é moi limitada e a oferta das segundas é inexistente.

Doutra banda, a importancia da creación de áreas de estacionamento seguras e protexidas aumenta chegando a considerarse elemento de competitividade para o transporte de mercadorías. A intención destas axudas é promover a creación de áreas de estacionamento seguras e protexidas en Galicia coa intención de crear unha Rede autonómica de aparcadoiros seguros que poida ser incluída na Rede nacional.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

En virtude do exposto, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as anteditas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento IF313A).

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións financiaranse con cargo á aplicación 05.08.512A.770.0, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Código de proxecto

2026

2027

Total

05.08.512A.770.0

2023 00247

300.000

260.000

560.000

2. A modificación desta distribución requirirá tramitar un reaxuste de anualidades no expediente do gasto.

3. O importe previsto poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de acordo co artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2026.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e a concesión das subvencións quedan sometidos á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2026 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídas as persoas autónomas, que estean activas no momento da presentación da solicitude, sen prexuízo de que cumpran os demais requisitos que estableza esta orde.

2. Considéranse empresas as entidades que na data de presentación da solicitude cumpran o establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014: considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 4. Actuacións subvencionables e requisitos que deben cumprir

1. Son subvencionables as actuacións para desenvolver AESP para vehículos de transporte de mercadorías.

2. Requisitos das AESP:

1) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia a unha distancia non superior a dez quilómetros dunha autovía, autoestrada ou estrada de titularidade nacional ou autonómica da rede estruturante ou complementaria. A distancia medirase desde a AESP ata o inicio do ramal de conexión máis próximo na estrada correspondente.

2) Obter unha certificación de polo menos nivel bronce de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación.

3) O perímetro da AESP deberá ter un peche dun mínimo de 1,80 m de altura que só permita entradas e saídas a través de puntos definidos. Entre o peche e a zona de estacionamento haberá unha zona libre dun metro. As prazas de aparcamento deben ter unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de ancho por 16,50 metros de longo.

4) Reservar unha porcentaxe mínima de prazas de aparcamento de rotación do 20 %. Entenderanse por prazas de rotación aquelas que non están suxeitas a contratos de duración superior a 24 horas.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables os gastos necesarios para desenvolver áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías que cumpran os seguintes requisitos:

1) Estean relacionados de maneira indubidable coa actuación que se vai desenvolver.

2) Estean realizados e pagados dentro do prazo de xustificación.

2. Considéranse gastos necesarios os seguintes:

Os custos relacionados coas instalacións e equipamentos necesarios para desenvolver a AESP (contratación externa da redacción do proxecto de execución, contratación externa das obras do proxecto de execución: construción das parcelas, das entradas e saídas, instalación de cámaras de seguridade, deseño dos sistemas de iluminación, instalación do peche, instalacións dos sistemas de conexións eléctricas, etc., custo da certificación de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión outros gastos que cumpran os requisitos).

3. Cando o importe dos gastos subvencionables supere os 15.000 € no caso de servizos ou subministracións e 40.000 € no caso de obras (en todos os casos IVE excluído), a persoa solicitante deberá obter como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se iniciase con anterioridade á solicitude da subvención. O solicitante deberá xustificar a oferta elixida cando esta non sexa a máis vantaxosa. No caso da contratación das obras do proxecto de execución, se se van realizar todas as unidades de obra co mesmo provedor, só se precisarán tres ofertas para o conxunto do proxecto.

3. Non se consideran gastos subvencionables:

1) O imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable.

2) Taxas de permisos ou licenzas.

3) Custo da adquisición do terreo ou os que estean relacionados con esa adquisición.

4) Os que recolle o artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia: os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 6. Período de execución das actuacións

O período de execución das actuacións abarcará desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data máxima de xustificación. Non se considerarán subvencionables as actuacións que emitisen a certificación final de obra antes da data de publicación desta orde.

Artigo 7. Contía da subvención

1. A contía da subvención será a seguinte:

– Por cada praza de aparcamento da AESP: 2.000 €.

O número máximo de prazas de aparcamento que se subvenciona é de 60; non obstante, a AESP pode ter un número maior de prazas.

– Por acadar unha certificación de nivel prata: 5.000 €.

– Por acadar unha certificación de nivel ouro ou platino: 10.000 € (non acumulativas co nivel prata).

– Dispoñibilidade de polo menos dúas conexións eléctricas para vehículos refrixerados: 2.000 €.

A contía máxima da subvención polas prazas de aparcamento é de 120.000 €.

A contía máxima da subvención por todos os conceptos é de 132.000 €.

En ningún caso a contía da subvención poderá superar o custo da AESP (incluíndo o custo das certificacións e das conexións eléctricas).

2. As subvencións desta orde serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

3. As subvencións desta orde están suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE serie L do 15 de decembro de 2023).

A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000 € no período dos tres anos previos. Este limite aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Só se pode presentar unha solicitude por persoa.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte: https://conselleria
depresidencia.xunta.gal/mobilidade

b) Na páxina web da sede electrónica da Xunta de Galicia, introducindo o procedemento IF313A no buscador: https://sede.xunta.gal/portada

c) No teléfono 981 54 43 61.

d) No enderezo electrónico: sxit.civ@xunta.gal

5. No anexo I debera, indicarse a seguinte información sobre as AESP:

1) A localización das AESP, con indicación das coordenadas.

2) A localización do ramal de conexión máis próximo na estrada correspondente e, con indicación das coordenadas, o nome da estrada, o treito, o punto quilométrico e a marxe dereita ou esquerda.

3) A distancia desde a AESP ata o inicio do ramal de conexión máis próximo (máximo dez).

4) A localización dos servizos adicionais, con indicación das coordenadas (gasolineira, cafetaría e/ou restaurante e hotel).

5) A distancia desde estes servizos á AESP.

6) O nivel da certificación que se pretende acadar de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello.

7) A descrición do peche (mínimo de 1,80 m e un metro de separación).

8) A dimensión das prazas previstas (mínimo de 3,30×16,50).

9) O número de prazas previsto.

10) O número de prazas destinadas a rotación (mínimo do 20 %).

11) Data de finalización prevista da AESP. Esta data será a que se tome como referencia para determinar o prazo máximo de xustificación.

12) Custo previsto da AESP, cunha desagregación dos investimentos máis importantes.

13) Descrición do réxime de explotación futuro e prezos que se propoñen por hora e día.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1.1. Memoria da actuación para desenvolver a AESP, que deberá conter, como mínimo, os seguintes puntos:

1) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) da AESP: o número, a distribución das prazas, as dedicadas a rotación e como se van diferenciar do resto, dos carrís de acceso ás prazas, etc.

2) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) do ramal de conexión máis próximo.

3) Descrición e documentación gráfica (localización, planos e fotografías) dos servizos adicionais.

4) Descrición doutras actuacións que se van realizar na AESP para obter o nivel de certificación proposto (iluminación, sistema de videovixilancia, etc.).

5) Descrición das actuacións para instalar as conexións eléctricas para vehículos refrixerados, no caso de que estean previstas.

6) Acreditación da titularidade dos terreos, de ser o caso.

7) Análise dos permisos e autorizacións necesarios para desenvolver o proxecto e acreditación daqueles con que xa conta, de ser o caso.

8) Tres ofertas de diferentes provedores ou xustificación da oferta elixida cando esta non sexa a máis vantaxosa.

O contido da memoria debe ser o suficientemente detallado para que se poidan comprobar os datos a que se refire o anexo I e os requisitos e criterios de valoración desta orde.

1.2. Documentación acreditativa da representación, no caso de actuar a través de representante.

1.3. Documentación acreditativa da constitución da persoa solicitante.

1.4. Certificado asinado pola dirección de execución sobre a porcentaxe de execución do proxecto (só para aquelas actuacións xa iniciadas).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable de procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

f) Alta na Seguridade Social en data concreta.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

j) Concesións doutras subvencións e axudas.

k) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

l) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias da aprobación do gasto, das resolucións de concesións ou denegacións, das modificacións das resolucións, dos recoñecementos das obrigas e dos pagamentos, reintegros e demais actuacións necesarias para desenvolver esta orde.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestrutura do Transporte e Planificación será o órgano competente para instruír o procedemento para a concesión das subvencións.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a instrución corresponderalle á persoa titular da xefatura do Servizo de Planificación.

Artigo 13. Instrución do procedemento e tramitación

1. Se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou no resto da normativa aplicable, será requirida a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. A documentación que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude deberán presentarse por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas presentadas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo de criterios de valoración e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, os solicitantes propostos para obter a subvención e a contía da axuda proposta a cada un deles.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: unha persoa subdirectora da Dirección Xeral de Mobilidade ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Mobilidade.

c) Un vogal: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Mobilidade.

d) Tamén poderá participar persoal técnico de apoio con voz pero sen voto.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade designará os membros da Comisión.

4. O informe que elabore a Comisión de Valoración remitiráselle ao órgano instrutor.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. Os criterios e as valoracións que se utilizarán para ponderar as AESP son os seguintes:

Número de criterio

Criterio

Desagregación do criterio

Valor da desagregación

1

Distancia en quilómetros desde a AESP á estrada de titularidade nacional ou autonómica da rede estruturante ou complementaria

De 7 a 10 km

2

De 4 a 6 km

10

De 0 a 3 km

30

2

Intensidade media diaria de vehículos pesados (número de vehículos pesados) no treito onde se sitúa o ramal de conexión

De 201 a 500

2

De 501 a 1.000

6

De 1.001 a 1.500

10

De 1.500 a 2.000

22

Máis de 2.000

36

3

Prazas de rotación superior ao mínimo do 20 %

Entre 21 % e 25 %

2

Entre 26 % e 30 %

4

Máis do 30 %

6

4

Existencia de servizos adicionais

Gasolineira a máis de 0,5 km e menos de 3,1 km

5

Gasolineira a menos de 0,5 km da AESP

12

Cafetaría e/ou restaurante a máis de 0,5 km e menos de 1,6 km

5

Cafetería e/ou restaurante a menos de 0,5 km da AESP

12

Hotel a menos de 5 km da AESP

1

Hotel a menos de 3 km da AESP

4

5

Madurez do proxecto

Dispoñibilidade do terreo

14

Dispoñibilidade de permisos e autorizacións: parciais

6

Dispoñibilidade de permisos e autorizacións: totais

12

A puntuación máxima que se pode obter é de 126 puntos.

Criterio 1. A distancia medirase desde a AESP ata o inicio do ramal de conexión máis próximo na estrada correspondente.

Criterio 2. A intensidade media diaria de vehículos pesados no treito onde se sitúa o ramal de conexión será a que figura nos datos públicos que recolle tanto a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas coma o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible.

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/es/estradas/rede-autonomica/datos-trafico?

https://www.transportes.gob.es/carreteras/catalogo-y-evolucion-de-la-red-de-carreteras

Criterio 4. Os servizos propostos deberán existir ou estar en execución no momento de presentar a solicitude.

Criterio 5.

Terreos: o proxecto dispón do terreo necesario para desenvolver a AESP no momento de presentar a solicitude.

Dispoñibilidade de permisos e autorizacións: o proxecto conta con algún ou todos os permisos necesarios para desenvolver a AESP no momento de presentar a solicitude.

2. As subvencións concederanse ás solicitudes que obteñan as máximas puntuacións ata esgotar o crédito. O resto de solicitudes quedarán como suplentes ata que exista unha renuncia ou se amplíe o crédito da convocatoria. Porén, non se poderá conceder ningunha subvención despois do 30 de decembro de 2026.

3. En caso de empate entre solicitudes, o criterio para desempatar é a maior puntuación nos números un, dous, tres, catro e cinco sucesivamente. De continuar o empate, o criterio será a data e a hora da presentación da solicitude e, por último, o número de entrada máis baixo que lle asigne o rexistro.

Artigo 16. Audiencia

1. Unha vez instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración á directora da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar a resolución de concesión, que deberá estar motivada e expresará, cando menos, o beneficiario, así como a subvención concedida ou, se é caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data da presentación da solicitude. Se transcorrese este prazo sen ditarse a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A antedita resolución será notificada mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez días hábiles desde a notificación da resolución sen que a persoa beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará á persoa interesada por medios electrónicos.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para conceder as axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar a actuación para a cal se concedeu a subvención no prazo establecido e xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención.

b) Obter unha certificación válida emitida por un organismo certificador acreditado, de acordo co Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión e mantela durante un período mínimo de cinco anos.

c) Manter os requisitos para conceder a subvención durante un período mínimo de cinco anos desde a data de obtención da certificación indicada no punto anterior.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) No caso de non poder realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

f) Adoptar medidas de información e comunicación (carteis informativos, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.).

g) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de 5 anos a partir da recepción do último pagamento.

h) Manter unha contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coas actuacións subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos subvencionados ao abeiro desta orde.

i) Achegar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

j) Efectuar o reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Subcontratación

1. As persoas beneficiarias poderán concertar con terceiras persoas a execución das actuacións subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 100 % do custo total de cada unha das actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as persoas beneficiarias, que asumirán ante a Administración a responsabilidade da execución da actividade subvencionada, así como de que se respecten os límites establecidos nesta orde en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables, e exixirán aos contratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

3. Os subcontratistas están suxeitos ao deber de colaboración para permitir as actuacións de control e quedan obrigados a facilitarlles aos organismos de auditoría e control autonómicos, nacionais ou europeos canta documentación e información lles sexa requirida relativa ás actividades subcontratadas.

4. A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 22.3.c) desta orde, sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, puideren corresponder.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizarase mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Prazos e xustificación da subvención

1. Os prazos para realizar a xustificación da subvención e dos pagamentos dos gastos subvencionables serán os seguintes:

a) Para os proxectos que finalicen entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026:

Xustificación final: o 30 de novembro de 2026.

Os gastos deben estar pagados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026.

b) Para os proxectos que finalicen entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de novembro de 2027:

Xustificación parcial: o 30 de novembro de 2026.

Os gastos deben estar pagados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026:

Xustificación final: o 30 de novembro de 2027.

Os gastos deben estar pagados entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de novembro de 2027.

Período de finalización do proxecto

Tipo de xustificación

Data límite
da xustificación

Prazo para o pagamento
dos gastos

Entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026

Xustificación final

30 de novembro de 2026

Entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026

Entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de novembro de 2027

Xustificación parcial (exixe garantía)

30 de novembro de 2026

Entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026

Xustificación final

30 de novembro de 2027

Entre o 1 de decembro de 2026 e o 30 de novembro de 2027

2. Xustificación parcial da subvención.

A xustificación debe reflectir a execución da AESP e debe incluír o seguinte:

1) Solicitude de pagamento da axuda (anexo II).

2) Copia das certificacións parciais asinadas pola dirección de execución de obra.

3) Copia das facturas e xustificantes de pagamento.

4) Garantía polo pagamento á conta do primeiro ano no caso dos proxectos que rematen no ano seguinte.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata o 31 de xaneiro de 2027.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta na primeira anualidade.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de economía e facenda.

Non terán que presentar a garantía os beneficiarios das subvencións para os cales os pagamentos da primeira anualidade non superen os 18.000 €.

3. Xustificación final da subvención.

A xustificación debe reflectir a execución da AESP e debe incluír o seguinte:

1) Solicitude de pagamento da axuda (anexo II).

2) Copia das certificacións parciais e da final asinada pola dirección de execución de obra.

3) Copia das facturas e xustificantes de pagamento.

4) Copia da certificación de fin de obra asinada pola dirección facultativa.

5) Proxecto de execución (recoméndase un documento cun enlace para poder descargalo).

6) Copia da licenza de obra.

7) Certificado vixente emitido por un organismo certificador acreditado, de acordo co establecido no Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello.

8) Memoria da actuación da AESP xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, que deberá conter como mínimo as epígrafes a que se refire o artigo 9.1.1 de acordo coa execución final do proxecto.

9) Certificado asinado pola dirección de execución de obra sobre:

a) O cumprimento do proxecto dos requisitos da AESP.

– O perímetro da AESP deberá ter un peche dun mínimo de 1,80 m de altura que só permita entradas e saídas a través de puntos definidos. Entre o peche e a zona de estacionamento haberá unha zona libre dun metro. As prazas de aparcamento deben ter unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de ancho por 16,50 metros de longo.

– Reservar unha porcentaxe mínima de prazas de aparcamento de rotación do 20 %. Entenderanse por prazas de rotación aquelas que non están suxeitas a contratos de duración superior a 24 horas.

b) O número de prazas da AESP.

c) A instalación de polo menos dúas conexións eléctricas para vehículos refrixerados.

10) Reportaxe fotográfica das obras realizadas, que incluirá imaxes nas distintas fases de execución e desde distintos ángulos, tanto xerais como de detalle.

11) Proba do cumprimento das obrigas de publicidade da axuda.

O beneficiario deberá, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Informar ao público do apoio da Xunta de Galicia a través da súa páxina web e/ou das súas redes sociais, no caso de que dispoña delas, facendo unha breve descrición da actuación, dos seus obxectivos e dos resultados acadados.

b) Colocar un cartel informativo sobre o proxecto, dun tamaño mínimo A3 (297×420 mm), no cal se mencionará a axuda da Xunta de Galicia nun lugar ben visible para o público.

4. Se a subvención é superior a 60.000 €, na última anualidade a persoa beneficiaria deberalle comunicar cunha antelación suficiente ao órgano concedente a finalización das actuacións na AESP para as cales solicitou a subvención, para que a Administración realice a comprobación material do investimento e quede constancia desa comprobación mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario. Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

5. Para comprobar o cumprimento do período mínimo das condicións da subvención, o órgano concedente poderá solicitar en calquera momento dos cinco anos seguintes a documentación actualizada que se require neste artigo.

6. Calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento, que, de ser o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas, sen prexuízo das sancións que puideren corresponder.

7. A documentación xustificativa deberá presentarse por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. No caso de que a solicitude de pagamento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez días hábiles.

9. A falta de presentación da solicitude de pagamento ou da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 24. Pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase tras a comprobación da xustificación que presentou o beneficiario e pola parte proporcional da contía da subvención que xustificou.

2. O pagamento á conta pola xustificación parcial da subvención non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados nin excederá a anualidade prevista.

A garantía que se presentou na primeira anualidade cancelarase unha vez comprobada a adecuada xustificación da primeira anualidade no prazo de seis meses desde que tivese entrada na Administración a xustificación.

3. As persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña ou denegue expresamente o consentimento ao órgano convocante para solicitar as certificacións, estas deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nesta orde, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, de ser o caso, á obrigación de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Non someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 16.

g) Non presentar no prazo exixido o certificado válido de rexistro da AESP segundo o estándar proposto polo adxudicatario, en cumprimento do Regulamento delegado (UE) 2022/1012 da Comisión.

4. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Artigo 26. Réxime de infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Fiscalización e control

1. O órgano concedente poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do anterior, o órgano concedente realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a persoa beneficiaria, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano concedente xunto co informe de verificación. A persoa beneficiaria queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado para realizar as actuacións copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais, todas as persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde están sometidas ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 28. Réxime de recursos

1. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os recursos seguintes:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nesta orde, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 30. Publicidade

1. De conformidade co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano concedente incluirá as axudas concedidas ao abeiro desta orde e as sancións que como consecuencia delas puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude autorízase o tratamento necesario dos datos persoais e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano que convoca publicará as subvencións concedidas ao abeiro desta orde na súa páxina web e no Diario Oficial de Galicia, e expresará a norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da persoa beneficiaria e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución das concesións.

Artigo 31. Base de datos nacional de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

2. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file