DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 2025 Páx. 66440

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2025 pola que se amplía o prazo máximo de execución e xustificación dos proxectos establecidos na Resolución do 9 de decembro de 2024 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e pola que se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Mediante a Resolución do 9 de decembro de 2024 publicouse a resolución pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e pola que se convocan en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2025).

No punto quinto do resolvo da dita resolución establécese que o prazo máximo de execución dos proxectos de transformación dixital das pemes rematará o 30 de xuño de 2026. Así mesmo, indícase que as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 31 de outubro de 2025 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 31 de outubro de 2025 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2026 no resto dos proxectos.

A experiencia na tramitación desta convocatoria amosa que a combinación de varios factores –entre eles, a necesidade de realizar unha avaliación rigorosa en concorrencia competitiva, a propia carga administrativa asociada á xestión de fondos Feder, así como procesos de adaptación e mellora dos procedementos e sistemas de xestión, propios da modernización administrativa– está a alongar os prazos efectivos de resolución dos expedientes.

Como consecuencia diso, existe un risco apreciable de que unha parte das pemes beneficiarias non dispoña dun prazo suficiente para desenvolver e implantar na súa totalidade os proxectos de dixitalización antes do 30 de xuño de 2026, o que podería comprometer o grao de execución dos proxectos aprobados e dos fondos asignados á convocatoria.

Tendo en conta que a ampliación proposta non supón incremento de crédito nin modificación das anualidades previstas, e que non existen terceiros afectados, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación do prazo máximo de execución dos proxectos

Ampliar ata o 30 de setembro de 2026 o prazo máximo de execución e xustificación dos proxectos previsto no punto quinto do resolvo da Resolución do 9 de decembro de 2024 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e pola que se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Artigo 2. Eficacia

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica