DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 2025 Páx. 67484

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2025 pola que se ordena a publicación da resolución da VI edición do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, acordada polo Pleno na súa xuntanza do 19 de decembro de 2025.

Por Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 23 de setembro de 2019, creouse o Premio Carlos G. Otero Díaz para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións públicas e aprobáronse as súas bases reguladoras (DOG n° 215, do 12 de novembro).

As ditas bases reguladoras foron modificadas por acordos do mesmo órgano, do 18 de maio de 2022 e do 28 de maio de 2024.

A VI edición do premio convocouse por Acordo do Pleno do 10 de xullo de 2025.

Examinadas as actas correspondentes ás sesións levadas a cabo os días 27.11.2025, 9.12.2025 e o 11.12.2025 polo xurado da VI edición do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, o Pleno, na súa xuntanza do 19 de decembro de 2025, adoptou por unanimidade o seguinte acordo:

«1º. Facer súas as consideracións efectuadas polo xurado nas actas mencionadas e, por tanto, outorgar o primeiro premio da VI edición do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz correspondente ao 2025 ao traballo Análisis de los riesgos a la integridad en el ciclo de gestión de las personas en el sector público. Mecanismos de prevención y buenas prácticas, cuxos autores son Pilar Moreno García e Juan Vega Felgueroso.

2º. Facer súas as consideracións efectuadas polo xurado nas actas mencionadas e, por tanto outorgar o segundo premio da VI edición do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz correspondente ao 2025 ao traballo titulado Hacia un mapa socioemocional del denunciante de corrupción. Bloqueos y estrategias para una implementación efectiva de los canales de denuncia, cuxos autores son Manuel García Bernárdez, e Marta Blázquez Expósito.

3º. Autorizar a publicación deste ditame no DOG e comunicalo aos autores dos traballos nos seus enderezos electrónicos, unha vez prestado para o efecto o consentimento expreso previsto para tal efecto no anexo I da convocatoria».

Así pois, dando cumprimento ao disposto na base 12 das bases reguladoras do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, ordeno a publicación do referido Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 19 de decembro de 2025, relativo á resolución da VI edición do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia