O Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (en diante, Moves III) para o ano 2025 está regulado polo Real decreto lei 3/2025, que pola súa vez remite ao establecido polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril. A convocatoria destas axudas no ámbito territorial de Galicia formalizouse mediante a Resolución da Dirección do Inega do 26 de xuño de 2025, publicada no DOG número 123, do 30 de xuño.
O artigo 10.3 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, prevé a posibilidade de ampliar o prazo, se existe dispoñibilidade orzamentaria e sempre que non houbese finalizado o prazo de vixencia. Ademais, o artigo 10.10 do citado real decreto establece que poderá dedicarse á adquisición de vehículos eléctricos ata un oitenta por cento do orzamento (programa de incentivos 1).
O artigo 3.2 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2025, do presidente da EPE Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, M.P. (IDAE), amplíase o orzamento para a execución dos programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (programa Moves III para 2025), aprobado polo Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, e outórgaselle nova axuda á Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 14.000.000,00 € adicionais.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar os fondos destinados ao Moves III_2025, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 3 da Resolución do 26 de xuño de 2025, que quedarán redactados do seguinte xeito:
«1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 32.936.965,35 euros.
|
Importe de 2025 (€) |
Importe de 2026 (€) |
Total |
|
9.000.000,00 |
23.936.965,35 |
32.936.965,35 |
O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.1, 09.A3.733A.745.4, 09.A3.733A.744.2, 09.A3.733A.762.1, 09.A3.733A.772.1 e 09.A3.733A.782.1.
2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:
|
Tipo de actuación |
Orzamento total (€) |
|
|
Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos (80 %) |
26.349.572,28 |
» |
|
Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (20 %) |
6.587.393,07 |
|
|
Total |
32.936.965,35 |
Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.
Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
