DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2026 Páx. 418

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vila de Cruces (expediente IN407A 2025/081-4).

Expediente: IN407A 2025/081-4.

Promotora: Hidroeléctrica de Lalín, S.L.

Denominación: LMTS, CS Punto Fronteira Penagudín.

Concello: Vila de Cruces.

Feitos:

1. O 22.4.2025, a empresa Hidroeléctrica de Lalín, S.L., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS Punto Fronteira Penagudín.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial César Méndez Lorenzo, colexiado 1350 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, e contén un orzamento total de 120.921,72 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a renovación do punto fronteira para mellorar e modernizar as instalacións de interconexión coa distribuidora da zona, neste caso Hidroeléctrica de Silleda. Para isto, están proxectas as seguintes obras no lugar de Agro de Abaixo (polígono 506, parcela 56), no concello de Vila de Cruces (Pontevedra):

• Instalación dun centro de seccionamento en caseta prefabricada tipo PFU-5, composto das seguintes celas de media tensión: unha cela de interruptor automático, unha cela de liña motorizada, unha cela de remonte e dúas celas de medida.

• Liña de media tensión subterránea que sae do punto fronteira e se conecta á rede de distribución mediante un paso aerosubterráneo no apoio existente nº 108 da liña de media tensión aérea (LMTA) CH Castelo a Penagudín.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vila de Cruces, o Servizo de Infraestruturas Agrarias e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vila de Cruces e polo Servizo de Infraestruturas Agrarias.

O 14.8.2025, o Servizo do Patrimonio Cultural emitiu unha resolución pola que non autorizaba as obras proxectadas, pois o proxecto non recolle medidas de integración do novo edificio prefabricado que se situará na contorna inmediata ao ben protexido, nun ámbito de solo rústico caracterizado por grandes parcelas agrarias sen outras construcións próximas á Casa de Abraldes.

Esa resolución foi trasladada á Hidroeléctrica de Lalín, que presentou un anexo ao proxecto con medidas de integración do edificio prefabricado. Este anexo foi trasladado ao Servizo do Patrimonio Cultural para a emisión dun novo informe. Como este non se emitiu, este departamento territorial entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 14.10.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CS Punto Fronteira Penagudín.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 12/20 kV 3×240, de 15 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente nº 108 da LMTA CH Castelo a Penagudín, mediante paso aéreo subterráneo e final no centro de seccionamento (punto fronteira) proxectado Penagudín.

– Centro seccionamento (punto fronteira) en edificio prefabricado, con unha cela de interruptor automático, unha de liña motorizada, unha de remonte, dúas de medida, armario de planta (protección e control), armario de telecontrol para dúas posicións e sistema de alimentación ininterrompida.

A instalación está situada en Agro de Abaixo, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Hidroeléctrica de Lalín, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS Punto Fronteira Penagudín, expediente IN407A 2025/081-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 3 de decembro de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra