DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2026 Páx. 388

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2025 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de condutor/a, grupo IV.1, pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos Estatutos desta universidade, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, en execución do establecido no anexo I, oferta xeral, da Resolución do 8 de maio de 2025 (DOG do 19 de maio), da oferta de emprego público do persoal técnico de xestión e de administración e servizos para o ano 2025, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional condutor/a, grupo IV.1, pola quenda de acceso libre, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza (1) vacante na categoría profesional condutor/a, grupo IV.1, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de acceso libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.3. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade de emprego público; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52 da Lei de emprego público de Galicia.

b) Ter feitos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, graduado escolar, FPI, ou equivalente ou certificado de profesionalidade. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Estar en posesión do permiso de conducir D e CAP de transporte de viaxeiros/as por estrada.

e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.

f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá formalizar a súa solicitude e aboar a taxa correspondente unicamente por medios electrónicos. Empregarase o seguinte formulario da sede electrónica: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm

Para a presentación de solicitudes empregaranse os seguintes medios de identificación:

• No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

• No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 2 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Permiso de conducir D e CAP de transporte de viaxeiros/as por estrada.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, debendo presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se atope debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán, para tal efecto, os diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1, C2 ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.4. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase coa solicitude, e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación da experiencia farase mediante certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste o corpo ou a escala e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. No caso de persoal da USC, expedirao de oficio a Administración e engadirase á solicitude.

Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

A acreditación da formación farase mediante copias dos documentos acreditativos e, no caso de persoal da USC, expedirase de oficio unha certificación e engadirase á solicitude.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. Os dereitos de exame serán de 26,99 €. Para realizar o seu ingreso empregarase un dos medios que se indican a continuación:

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido no punto 3.2.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e se comprometen a achegar a documentación que nela se indica.

Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no punto 3.2 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na lista de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.

5. Tribunal

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría segunda, de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado en Consello de Goberno da USC o 29 de decembro de 2020.

O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da USC.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.

5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal, por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no punto anterior ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, presencial ou a distancia, de todos os seus membros, de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia das persoas que exerzan a presidencia, a secretaría e da metade, polo menos, dos seus membros para actuar validamente.

5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que xulgue pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás cales se refire o punto 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza a renuncia da persoa seleccionada antes da contratación, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «F» de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único, e serán excluídas da oposición as que non comparezan. Así mesmo, as persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.

Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, e por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Só para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira: con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan exentas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira dalgún dos niveis B2, C1, C2, ou equivalente e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

6.7. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, e naqueloutros lugares que considere oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

6.8. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

Estas reclamacións presentaranse a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron na epígrafe 3.2.

6.9. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, segundo o previsto no anexo I.

No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que, se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade, e a orde alfabética establecida na base 6.1.

6.10. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.2.

6.11. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no punto 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado.

7. Finalización do proceso.

7.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, a persoa seleccionada que figure nela deberá presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros a seguinte documentación (no caso de non constar xa no seu expediente, e no caso de non ter entregado xa copias auténticas):

a) Titulación exixida na base 2.1.c).

b) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

c) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega indicado na base 3.3.

d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.3.

e) Documentación que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

f) Permiso de conducir D e CAP de transporte de viaxeiros/as por estrada.

g) Documentación acreditativa, de ser o caso, dos méritos alegados segundo a base 3.4.

7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito. Quen non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

7.3. O persoal cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. A solicitude irá acompañada dun informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

7.4. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.

7.5. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o campus de preferencia na solicitude.

7.6. O período de proba será de dous meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

8. Disposición derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: condutor/a.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, excepto o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que achegaran documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente o certificado Celga 2 ou equivalente.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

– Primeira proba. Expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito.

A duración desta proba será de 45 minutos.

–Segunda proba. Comprensión oral.

As persoas aspirantes escoitarán un texto (gravado ou lido no momento) e, nun cuestionario tipo test, deberán contestar unha batería de preguntas que asegure a comprensión do fragmento escoitado.

A duración desta proba será de 15 minutos.

– Terceira proba. Comprensión escrita

Ás persoas aspirantes proporcionaráselles un texto breve, sobre o cal se lles fará unha batería de preguntas tipo test de modo que se avalíe a súa capacidade de comprensión do texto.

A duración desta proba será de 15 minutos.

– Cuarta proba. Expresión oral.

Consistirá nunha entrevista co persoal examinador, que nun modelo de folla de avaliación irá anotando distintos parámetros da fala da persoa entrevistada, tanto da súa fonética como da súa riqueza léxica, tanto da pronunciación como da sintaxe.

A duración da entrevista será de 10 minutos.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será correcta, proposto polo tribunal e correspondente ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para este exercicio será de 95 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos, e será necesario, para superalo, obter un mínimo do 60 % do total de respostas correctas, o que supón unha cualificación de 15 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na condución dun vehículo en vías abertas ao tráfico cumprindo as normas de tráfico e seguridade viaria demostrando a destreza necesaria para o posto ao que se opta e, ao mesmo tempo, localizar un ou máis centros da USC.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 30 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario, para superalo, obter un mínimo de 12,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos, e valorarase de 0 a 5 puntos.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se é o caso, as anuladas pola súa orde.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos:

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 3: 0,30 puntos.

• Celga 4: 0,50 puntos.

• Curso medio de linguaxe administrativa: 0,60 puntos.

• Curso superior de linguaxe administrativa: 0,80 puntos.

• Celga 5: 1 punto.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: condutor/a

Programa

Coñecementos específicos:

1. Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria. Regulamento xeral de circulación. Normas xerais de comportamento na circulación. Circulación de vehículos.

2. Autorizacións administrativas. Permisos e licenzas de condución: clases. Vixencia. Permiso por puntos. Infraccións e sancións. Documentos necesarios para circular. O seguro obrigatorio dos vehículos de motor. Accesorios e repostos regulamentarios.

3. Condicións técnicas que deben reunir os vehículos para que sexa permitida a súa circulación pola vía pública. Inspección técnica de vehículos. Tipos e prazos. Resultado das inspeccións, reformas de importancia.

4. Manobras básicas da circulación. Clasificación. Sinalización, execución e prohibicións. Distancias entre vehículos. Inmobilizacións.

5. O motor. Tipos de motores. O motor de explosión e combustión, clases e tipos, funcionamento. O motor diésel: órganos principais.

6. Sistemas que forman parte do vehículo de motor: alimentación, engraxe, refrixeración, eléctrico e iluminación; tipos, funcionamento, mantemento, avarías.

7. Outros sistemas: distribución, transmisión, suspensión, dirección e freos: clases, funcionamento, mantemento, avarías.

8. Rodas e pneumáticos: funcións das rodas. Equilibrado. Pneumáticos: clases, elementos e funcións. A adherencia, a banda de rodaxe do pneumático. Factores que modifican o rendemento dos pneumáticos. Influencia da vía na adherencia.

9. Seguridade viaria: elementos de seguridade nos vehículos. A seguridade activa. A seguridade pasiva. Sistemas avanzados de axuda á condución (sistemas ADAS).

10. O condutor: a observación, a anticipación. Factores que inflúen nas aptitudes do condutor: a fatiga, a somnolencia, o tabaco, o alcohol, os medicamentos, as substancias estupefacientes e substancias psicotrópicas. Probas e limites máximos legais. A distancia de detención, o tempo de reacción e os factores que inflúen nela.

11. A vía: perigos concretos en curvas e interseccións. Obstáculos na calzada. A condución nocturna. Condución en condicións climatolóxicas e ambientais adversas.

12. A velocidade. Os límites legais. A adecuación da velocidade ás circunstancias do tráfico. A distancia de seguridade.

13. O accidente de circulación: comportamento no caso de accidente. Delitos contra a seguridade do tráfico. Nocións básicas de primeiros auxilios.

14. O transporte de viaxeiros. Vehículos de transporte colectivo de viaxeiros. Masas e dimensións máximas permitidas. A utilización do cinto de seguridade. Condución de vehículos pesados ou de grandes dimensións.

15. A condución eficiente. O consumo do combustible. A resistencia ao avance do vehículo. Mantemento adecuado do vehículo. Influencia dos vehículos de motor na deterioración do ambiente. Elementos contaminantes. Os catalizadores. Medidas que se van adoptar para evitar a contaminación. Etiquetas ou distintivos ambientais.

16. Réxime legal dos transportes por estrada: clases de transporte, disposicións comúns aos transportes de mercadorías e de viaxeiros. Disposicións específicas do transporte de persoas. Clasificación das autorizacións, réxime sancionador.

17. O tacógrafo. Tipos. Vehículos obrigados. Tempos de condución e descanso.

18. Os sinales de tráfico. Prioridade entre sinais. Aplicación, retirada, tipos e significado dos sinais de circulación, sinais nos vehículos, marcas viarias.

19. O vehículos eléctrico e o vehículo híbrido. Tipos. Compoñentes principais do vehículo eléctrico e híbrido (baterías, motores). A carga da batería no vehículo eléctrico (tipos de carga, potencia, conectores).

20. Localización de centros e servizos da USC.

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas.

2. Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

4. Estatutos da USC: órganos xerais da universidade.

5. Código de conduta dos empregados públicos.

6. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

7. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

8. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: condutor/a

Tribunal titular:

Presidente:

– Fernando Rial Eiras, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

Vogais:

– Manuel Souto Sieiro, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– Félix Valtuille Pérez, persoal laboral fixo do grupo III da USC.

– María Inmaculada Carril González, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

Secretaria:

– Mª Jesús Trabazo Samartín, funcionaria de carreira da escala auxiliar da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidente:

– Aurelio Francisco Barreiro González, persoal laboral fixo do grupo III da USC.

Vogais:

– Jesús Iglesias Vázquez, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– Pilar Ribeiro López, persoal laboral fixo do grupo II da USC.

– Rosendo Millán Lence, persoal laboral fixo do grupo III da USC.

Secretaria:

–Marta Gómez Álvarez, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.