DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2026 Páx. 842

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2026, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento MT402A).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución Española.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada polas consellerías que nel se relacionan, entre as que se atopa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo 2 establece os órganos de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e adscribe á dita consellería o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio. Segundo a referida normativa e de conformidade co disposto no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, a conservación do patrimonio natural, a ordenación do litoral e a promoción da paisaxe, entre outras, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é a autoridade superior da Consellería e a presidenta do Instituto de Estudos do Territorio e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a Comunidade galega, de conformidade co Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 6, ao tratar os fins das actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe, dispón que estas deben atender, como mínimo, entre os seus fins, á protección da paisaxe, entendida como todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe.

Pola súa banda, o artigo 9 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe teñen, entre outras funcións, fixar as condicións para a preservación e recuperación de valores paisaxísticos, así como definir as actuacións precisas para a preservación, mellora ou recuperación dos valores paisaxísticos.

III

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, ao Instituto de Estudos do Territorio correspóndelle o exercicio das competencias relativas á promoción, ao deseño, á execución e ao seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e a formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe; o apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade; a posta en marcha de instrumentos para a protección, a xestión e a ordenación das paisaxes, tales como os catálogos da paisaxe de Galicia, as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entenda como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores; ademais de avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

Igualmente, correspóndelle formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes, promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, así como calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

A paisaxe é un elemento que coadxuva a mellorar a nosa calidade de vida e benestar, xa que a contorna preceptiva das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá, por este motivo é importante acadar e protexer a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia.

IV

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, busca mellorar e protexer a riqueza paisaxística de Galicia, para o que conta con instrumentos con que asegurar a súa axeitada protección, xestión e ordenación.

Dentro destes instrumentos destacan o Catálogo das paisaxes de Galicia e as directrices de paisaxe, polo que a determinación das actuacións subvencionables a través desta resolución se referirá a determinados impactos paisaxísticos que deron lugar á identificación de ámbitos de especial atención paisaxística (AEAP) por parte do Catálogo das paisaxes de Galicia.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego en que a participación da sociedade resulta estratéxica, fomentando o coidado da riqueza paisaxística en ámbitos especialmente sensibles dos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia, desenvolvendo así un dos obxectivos previstos tanto neste instrumento como na Estratexia galega da paisaxe, como é a concienciación e sensibilización da sociedade, así como a posta en valor da paisaxe galega, achegando á cidadanía unhas axudas que permitan recoñecer a todos os cidadáns a relevancia do seu papel e a importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia no eido do respecto paisaxístico.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que na elaboración dos orzamentos das actuacións subvencionadas interveñen profesionais do sector da construción e reforma de vivendas que son persoal cualificado, que, de acordo coa lexislación vixente, están obrigados a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

O artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, permite que nos procedementos para a concesión de axudas e subvencións, as correspondentes bases reguladoras poidan establecer a obrigatoriedade de emprego dos medios electrónicos.

V

O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia a materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

En consecuencia, con cargo aos créditos do Instituto de Estudos do Territorio asignados para esta finalidade, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 10 dos estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2026 para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas (código de procedemento MT402A).

Os seus principais obxectivos son aumentar a sensibilidade cidadá en relación coas alteracións ou impactos en relación coa paisaxe, é dicir, en que diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron o carácter ou a calidade da paisaxe, así como sensibilizar e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia (código de procedemento MT402A).

2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.

Poderanse subvencionar actuacións correctoras consistentes no revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.

Poderán incluírse, igualmente, aqueloutras actuacións consistentes na eliminación de elementos adxacentes e/ou a renovación do acabado dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia dunhas inadecuadas características construtivas, do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabado.

Considérase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes, e quedan excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Considérase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se adecúan aos criterios establecidos na Guía de cor e materiais de Galicia.

Poderán ser subvencionables as actuacións sobre fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntamento. En ningún caso se subvencionarán chapados de pedra en cerramentos total ou parcialmente executados con muros de cachotaría ou cantaría vista. Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse en todo caso aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Queda expresamente excluída de subvención, con carácter xeral, a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, así como as actuacións que teñan por obxecto a eliminación dos recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra.

Considerarase unha única excepción en relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría: poderá subvencionarse a actuación, cando se trate de actuacións sobre edificacións e construcións singulares, en que se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción. En todo caso, admitirase exclusivamente a instalación de carpintarías tradicionais de madeira ou elementos de cerrallaría de fundición de idénticas características ás orixinais. Enténdese por singulares aquelas edificacións e/ou construcións de recoñecido valor, declaradas de interese cultural ou catalogadas. Tamén terán a mesma consideración aquelas edificacións que, aínda que non gocen desa protección, presenten características propias da arquitectura popular ou vernácula ou con outra singularidade de valor patrimonial e poidan acreditar unha antigüidade igual ou superior a 75 anos.

b) Remate, renovación e/ou substitución do acabado exterior de cubertas.

Poderanse subvencionar actuacións correctoras de impactos paisaxísticos derivados de situacións en que as cubertas das edificacións están en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabado que poderían ser considerados como inadecuados. Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais, así como a eliminación de elementos adxacentes discordantes cos valores arquitectónicos do inmoble e/ou paisaxísticos da contorna onde se localiza a edificación. Nestes casos deberán executarse solucións que garantan o adecuado acabado e remate construtivo dos inmobles.

Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte, remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a subvención de actuacións orientadas á reparación das deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Para o novo acabado exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornas rurais empregarase preferentemente tella cerámica ou lousa/cuarcita natural (en función do material tradicional da comarca), aínda que poden empregarse outros materiais e solucións acordes coas características arquitectónicas da edificación, autorizables de acordo coa normativa de aplicación vixente e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin, deberanse aplicar os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Queda expresamente excluída de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabado. As novas cubertas executadas con tella cerámica ou lousa deberán respectar as características formais da cuberta orixinal, tanto en xeometría como en dimensión das pezas de cubrición.

c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.

Poderán ser obxecto de subvención as actuacións consistentes no revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir. O novo revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebado previo) ou con morteiros indicados en todo caso para quedar vistos; aplicaranse preferentemente tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderán realizarse chapados de pedra acordes coas características da zona. En todos os casos as actuacións deberán axustarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fileiras de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaustradas, así como a eliminación de elementos adxacentes discordantes cos valores paisaxísticos da contorna. Nestes casos deberán executarse as solucións que garantan o adecuado acabado e remate construtivo do elemento.

Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos peches de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabado. As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia. Queda expresamente excluída de subvención a substitución destas carpintarías e cerrallarías.

Serán, igualmente, subvencionables as actuacións destinadas á recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda e/ou o seu mal estado de conservación.

As actuacións sobre estes muros tradicionais deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso, e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos. En todo caso, non será subvencionable, para completar os paramentos destes muros de cachotaría ou cantaría tradicional vistas, a execución de acabamentos con chapados de pedra ou outros revestimentos de carácter mimético, agás os recebos de morteiro tradicionais acordes coas características cromáticas do resto do elemento e cos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e cos da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

3. Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como, no caso dos muros de cerramento, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

4. En ningún caso se subvencionarán actuacións que non teñan carácter integral. Enténdese por actuación de carácter integral aquela intervención que garante a corrección do impacto paisaxístico que xustificou a concesión da subvención. Non serán, polo tanto, subvencionables aquelas actuacións de carácter parcial, que non abrangan a totalidade dos paramentos das fachadas degradadas dun inmoble e/ou o arranxo ou substitución de todos os panos dunha cuberta en mal estado.

No caso de solicitudes de axuda para actuacións comprendidas en intervencións de rehabilitación integral ou outras de carácter e ámbito máis amplo, a documentación relativa á definición das accións obxecto da solicitude de subvención deberá presentarse de xeito segregado ou clara e inequivocamente identificada no conxunto da documentación. Nestes casos, e antes da data límite de xustificación destas axudas, o conxunto das obras de rehabilitación en que se inclúen as actuacións subvencionables deberá estar tamén rematado; isto deberá acreditarse mediante a presentación, xunto co resto da documentación exixida no ordinal vixésimo desta resolución, do correspondente certificado final de obra asinado por técnico competente ou documento equivalente.

5. En ningún caso se subvencionarán actuacións sobre inmobles en construción.

Terceiro. Persoas beneficiarias e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias dun inmoble ou ben sobre o cal pretenda/n realizar algunha/s das actuacións establecidas no ordinal segundo desta resolución.

2. Só caberá presentar unha solicitude por persoa e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

3. A persoa solicitante deberá ser propietaria ou usufrutuaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretenden realizar as actuacións e deberá acreditar a súa dispoñibilidade, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume a persoa beneficiaria da axuda previstas no ordinal décimo noveno.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade ou usufruto e da súa dispoñibilidade incluída no anexo I.

Na fase de xustificación, no caso de tratarse de usufruto, debe achegarse a autorización do titular ou titulares da propiedade, relativa á realización da actuación para a cal se solicita a axuda, e, no caso de copropiedades, autorización dos demais copropietarios. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que poida realizar para tal efecto o Instituto de Estudos do Territorio.

4. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, a correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante, incluída no anexo I desta resolución.

6. Tampouco poderán obter a condición de persoa beneficiaria aquelas que, despois de resultar beneficiarias destas axudas na convocatoria anterior, presentasen unha renuncia con posterioridade aos dez (10) días hábiles previstos para a aceptación ou fosen destinatarios dunha resolución de denegación total da axuda concedida por non xustificar axeitadamente a execución da actuación subvencionada.

7. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste punto constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito ao cobramento da axuda, sen prexuízo de calquera outra que derive da normativa aplicable.

Cuarto. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación no DOG desta resolución.

Quinto. Subcontratación

1. As persoas beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa solicitude de axuda.

Tamén deberán achegar, coa documentación xustificativa da axuda, a resolución de adxudicación da obra, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Sexto. Financiamento e contía da subvención. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 06.80.541E.780.0, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2026, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e existe crédito suficiente previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

4. O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio tendo en conta o valor de mercado), co límite máximo de 3.000,00 € por solicitante e ben.

Para a determinación do orzamento aceptado, o Instituto de Estudos do Territorio reserva para si a facultade de reducir o orzamento do investimento presentado polos solicitantes, para os efectos do cómputo do importe da axuda, se se considera que todos ou algún dos prezos unitarios das unidades de obra da actuación non se axustan aos valores de mercado na data da solicitude.

Sétimo. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes subscribiranas as persoas interesadas ou as persoas que acrediten a súa representación, segundo o establecido no ordinal oitavo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día inicial do prazo. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste neste a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento MT402A.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.

5. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

6. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude debe acompañarse da declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fará constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración ou, na súa falta, declaración de non ter presentado ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

b) Que a persoa beneficiaria se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 20.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000,00 euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de persoa beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

g) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no ordinal décimo noveno das bases reguladoras.

h) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

i) Que vai realizar a comunicación previa ou, de ser necesaria, a solicitude de licenza municipal, así como de todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

j) Que é titular ou usufrutuario e ten a dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no ordinal décimo noveno e, para o caso de que sexa usufrutuario ou copropietario, o compromiso de solicitar a autorización, respectivamente, do titular ou titulares ou dos demais propietarios, para o desenvolvemento da actuación obxecto da axuda.

k) Que os materiais e acabados propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas guías a que se fai referencia no ordinal segundo.

l) Que na convocatoria anterior destas axudas non presentou unha renuncia con posterioridade aos dez (10) días hábiles previstos para a aceptación da axuda, nin foi destinatario dunha resolución de denegación total por non xustificar axeitadamente a execución da actuación subvencionada.

Oitavo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante, por calquera dos medios establecidos no artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) Memoria descritiva das actuacións propostas, que deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento, que deberá coincidir co reflectido no anexo I. No caso de que ambas as cantidades non coincidan, prevalecerá a de menor importe.

No caso de actuacións comprendidas en intervencións de rehabilitación integral ou outras de carácter e ámbito máis amplo, a correspondencia deberá darse entre o consignado no anexo I e a suma dos importes que se identifiquen claramente na memoria como obxecto de solicitude de subvención, segundo o disposto no ordinal segundo, punto 4.

Naqueles casos en que sexa preciso requirir a persoa solicitante para que presente as aclaracións que sexan pertinentes, a data válida de presentación, para os efectos do disposto no punto 4 do ordinal sétimo, será aquela en que se dea resposta ao requirimento.

c) Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar en que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación. Esta reportaxe, en que todas as fotografías deberán estar claramente identificadas, incluirá como mínimo unha de conxunto de cada unha das fachadas e/ou cubertas do inmoble, así como de todos os tramos dos muros de peche (segundo o tipo de actuación para a cal se solicita a subvención), sexan ou non obxecto de intervención. Ademais incluirá aquelas fotografías de detalle necesarias para avaliar o estado actual do ben sobre o cal se pretende actuar.

O conxunto destas imaxes debe achegar a información mínima e necesaria, que permita acreditar a existencia do impacto paisaxístico e xustificar que as actuacións propostas resultan axeitadas e suficientes para a súa corrección.

No caso de actuacións en que non sexa preciso intervir sobre todo o ben para a corrección integral do impacto identificarase inequivocamente o ámbito sobre o cal se actúa.

d) De conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior á contía de 40.000,00 euros, cantidade límite prevista para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que presente de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. DNI/NIE persoa representante.

3. NIF da entidade representante.

4. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

5. Consulta de concesións de subvencións e axudas.

6. Consulta da titularidade catastral.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro que proceda habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segundo. Órganos competentes

O Instituto de Estudos do Territorio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa que exerza a dirección do organismo ditar a resolución de concesión.

Décimo terceiro. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade será substituída pola persoa que desempeñe a Xefatura do Servizo Xurídico-Administrativo.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Unha vez recibidas as solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados ao Departamento Técnico de Estudos para a súa valoración con suxeición aos criterios establecidos nestas bases reguladoras mediante o correspondente informe emitido pola persoa titular do dito departamento.

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Porén poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento ni se vaian ter en conta na resolución outros feitos ni outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Unha vez que o Departamento Técnico de Estudos determine a adecuación das solicitudes presentadas ao obxecto da convocatoria, a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa elevará proposta á persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio, quen resolverá.

4. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación válida das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Décimo cuarto. Resolución

1. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio para a súa resolución. A dita proposta conterá o número de expediente, a denominación e DNI/NIE da persoa solicitante, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante á cal se lle concede a subvención e a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que, polo seu obxecto, non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes.

4. A resolución notificarase a todas as persoas interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres (3) meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.

6. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido entendéndose rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada pola persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do Territorio poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia do dito organismo. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as características esenciais das actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar a memoria xustificativa da modificación, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio logo da instrución do correspondente expediente.

Décimo oitavo. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo II, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso, a persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Décimo noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co autorizado na resolución de concesión, se é o caso, ou co modificado coa autorización do Instituto de Estudos do Territorio.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

5. Someterse ás actuacións de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicarlle ao Instituto de Estudos do Territorio a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. As persoas beneficiarias, cando se trate de persoas físicas que teñan obriga, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Vixésimo. Xustificación da subvención

1. A data límite para a xustificación da subvención será o 30 de setembro de 2026, salvo que na resolución de concesión se indique unha data distinta.

2. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar, de conformidade co previsto no ordinal décimo desta resolución, mediante a modalidade de conta xustificativa, de conformidade co artigo 51 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, copia da documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III, que contén a declaración responsable de que a persoa beneficiaria se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de que non ten pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000,00 euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

b) Anexo IV, relativo á obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

No caso de actuacións subvencionadas comprendidas en intervencións de rehabilitación integral ou outras de carácter e ámbito máis amplo, a documentación relativa á xustificación da execución das accións subvencionadas deberá presentarse de xeito segregado ou clara e inequivocamente identificada no conxunto das intervencións realizadas.

A memoria incluirá, en cumprimento dos deberes de publicidade establecidos na resolución, o detalle suficiente para describir adecuadamente as características das actuacións, a súa medición e o seu orzamento. A información achegada deberá ser suficiente para permitir o cálculo do orzamento de hipotéticas execucións parciais.

Así mesmo, a memoria acompañarase dunha reportaxe fotográfica de extensión, definición e detalle suficiente para permitir a debida comprobación do estado final das actuacións e a súa extensión.

Deberá presentarse como mínimo unha fotografía de conxunto de cada unha das fachadas, cubertas ou muros a que se refiran as actuacións para as cales se solicita subvención, así como as fotografías de detalle que sexan precisas. En todo caso, presentarase unha documentación fotográfica de contido equivalente ao da solicitude.

d) Memoria económica do custo das actividades realizadas que, aplicado a esta subvención, consiste nunha factura ou lista de facturas, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento, sen prexuízo do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A/as factura/s deberá/n conter:

1º. A actuación, das descritas no ordinal segundo e recollidas na correspondente resolución de concesión, a que corresponde.

2º. Data e número da factura.

3º. Importe, IVE desagregado.

4º. Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.

5º. Descrición dos bens ou servizos proporcionados.

6º. Forma de pagamento.

7º. Data de pagamento.

No caso en que se opte pola presentación de facturas parciais, ben de execución de obra, de materiais ou de man de obra, os seus conceptos (tanto en definición como en medición de unidades facturadas) deberán corresponderse co detallado na memoria achegada coa solicitude aceptada.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

e) A comunicación previa ou, se é o caso, licenza municipal.

f) Aquelas persoas beneficiarias da axuda que non teñan ao seu nome na base de datos do catastro o ben ou o inmoble sobre o cal se vai a realizar a actuación deberán presentar a documentación acreditativa da súa titularidade ou usufruto (escritura de propiedade, nota simple informativa do rexistro da propiedade, testamento ou calquera outro título válido en dereito).

g) No caso de usufruto, achegarase autorización do titular ou titulares da propiedade para a realización da actuación obxecto de subvención. No caso de copropiedades, achegarase a autorización dos demais copropietarios.

h) Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberase achegar a resolución de adxudicación da obra, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. Os gastos xustificados deberán corresponderse coas actuacións para as cales se concedeu a axuda.

Se a xustificación non alcanza o 100 % do investimento subvencionable, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio, de acordo co disposto no punto 4 do apartado sexto, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Vixésimo primeiro. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes do seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Vixésimo segundo. Incumprimento, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n) dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no ordinal décimo noveno e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, coa falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no ordinal décimo noveno suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte das persoas beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar os solicitantes que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta resolución, e que reúnan todos os requisitos para poder ser beneficiarios da axuda.

Vixésimo cuarto. Control

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo quinto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Igualmente, publicarase na páxina web oficial https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=corporativo/Instituto_Estudos_Territorio/seccion.html&sub=Axudas/, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que poderá ser substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto de Estudos do Territorio.

Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sexto. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sétimo. Normativa reguladora

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, así como supletoriamente as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o disposto nesta resolución de bases.

Vixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file