DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2026 Páx. 839

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, e se convocan para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR451B).

BDNS (Identif.): 878703.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/878703

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinada ás persoas viticultoras inscritas no Rexistro do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, pola súa contribución á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosion, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MR451B).

Segundo. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas viticultoras no ámbito da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra (DOP Ribeira Sacra), que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter a condición de persoa viticultora e estar inscrita como tal nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a DOP Ribeira Sacra na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

2. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito deberá acreditarse con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Resolución do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, e se convocan para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR451B).

Cuarto. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro (DOUE L, do 13.12.2024), e quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Quinto. Importe

Para o financiamento desta axuda está previsto un crédito de 1.535.387,00 € (un millón cincocentos trinta e cinco mil trescentos oitenta e sete euros) con cargo os orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026.

Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Sexto. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural