DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 7 de xaneiro de 2026 Páx. 819

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, e se convocan para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR451B).

A Ribeira Sacra integra un conxunto de vinte e seis concellos do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, co curso fluvial dos ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei como elemento fundamental que determina este territorio.

A singularidade da Ribeira Sacra vén dada polos seus espazos naturais e pola espectacularidade dos canóns do Sil e do Miño, así como por un importante patrimonio histórico e paisaxístico. É por todo isto polo que, desde o ano 1993, a Ribeira Sacra forma parte da lista indicativa de lugares Patrimonio Mundial. Logo dun primeiro intento no ano 2021, A Ribeira Sacra volve presentar candidatura no ano 2024, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico de España do pasado mes de abril de presentala novamente como candidata a Patrimonio Mundial da Unesco, o que levará a que no ano 2026 o Comité de Patrimonio Mundial avalíe a citada candidatura.

O cultivo da vide contribúe de forma moi significativa á singularidade paisaxística desta zona e o sector vitivinícola é un motor económico fundamental para o territorio da Ribeira Sacra, que redunda nun asentamento da poboación e proxección de futuro para as xeracións máis novas. Así mesmo, esta zona ten un atractivo turístico en crecemento, ao que contribúe a candidatura a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

A maior parte dos viñedos na Ribeira Sacra precipítanse sobre as ladeiras dos ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei, cunhas pendentes que poden chegar nalgúns puntos ao 100 %. Esta particularidade e a case ausencia de mecanización no proceso de cultivo e vendima, fan que se coñeza a esa dificultosa tarefa como viticultura heroica, un selo que soamente o 5 % da superficie vitivinícola mundial posúe.

Debido á orografía do terreo, no val dos ríos Miño e Sil, nas provincias de Lugo e Ourense, o cultivo do viñedo faise en socalcos con muras de pedra, estes son sistemas produtivos moi eficientes que determinan o mantemento dunha cultura agraria propia, que axuda a evitar unha erosión incontrolada.

Os viños elaborados na Ribeira Sacra contan desde 1996 coa certificación de Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, é por iso que a súa calidade ou características se deben ao medio xeográfico, cos seus factores naturais e humanos, e en que as súas fases de produción teñen lugar na súa totalidade nesta zona xeográfica.

Con base nas consideracións anteriores, procede conceder unha axuda aos viticultores inscritos na DOP Ribeira Sacra que colaboran, co seu cultivo, á conservación da contorna paisaxística e á loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, práctica que cada vez resulta máis custosa pero contribúe de forma decisiva a evitar o abandono e a desaparición dos socalcos.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento, nos termos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

No marco das súas funcións correspóndelle, entre outras, contribuír ao reforzo do tecido social e á mellora da capacidade organizativa das áreas rurais.

Por outra banda, as axudas desta resolución outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro (DOUE L, do 13.12.2024).

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026.

De acordo co anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinada as persoas viticultoras inscritas no rexistro do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, pola súa contribución á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR451B.

Artigo 2. Réxime das axudas

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro (DOUE L, do 13.12.2024), e quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas viticultoras no ámbito da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra (DOP Ribeira Sacra), que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter a condición de persoa viticultora e estar inscrita como tal nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a DOP Ribeira Sacra na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

2. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito deberá acreditarse con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 10 desta resolución.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía individualizada da axuda para cada persoa física ou xurídica beneficiaria será, como máximo, de 2.000 € por hectárea para o sistema de cultivo tipo 1 e de 1.000 € por hectárea para o sistema de cultivo tipo 2.

Para estes efectos, o sistema de cultivo tipo 1 refírese ao cultivo da vide en socalcos de pedra onde o traballo se realiza de forma non mecanizada, este tipo de cultivo correspóndese co bancal tradicional certificado polo Consello Regulador da DOP Ribeira Sacra; o sistema de cultivo tipo 2 refírese ao cultivo da vide sen socalcos ou mediante traballo mecanizado.

2. Para o cálculo da axuda terase en conta a superficie de viñedo en produción inscrita por cada persoa viticultora no Rexistro de Viñas do Consello Regulador DOP Ribeira Sacra na data de publicación desta resolución no DOG.

3. Non se concederán axudas superiores a 50.000 € por persoa beneficiaria.

4. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ás axudas solicitadas por todas as persoas beneficiarias, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. En todo caso, o importe máximo que se percibirá, xunto coas restantes axudas de minimis no sector agrícola recibidas, para un período de tres anos, non poderá ser superior a 50.000 €, nos termos establecidos no artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro.

Para a determinación do importe máximo deberá terse en conta a definición de empresa única do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Artigo 5. Solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

1. Cada persoa beneficiaria presentará unha única solicitude de axuda.

2. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

3. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, se é o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude os documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:

a) No caso de persoas físicas, que actúan a través de representante, deberán xuntar debidamente cuberto, o anexo II (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola persoa designada como representante.

b) No caso de persoa xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude.

Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).

c) NIF da persoa xurídica solicitante.

d) NIF da entidade representante (de ser o caso).

e) Rexistros do Consello Regulador da DOP Ribeira Sacra.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Concesións pola regra de minimis no sector agrícola.

j) Concesións de subvencións e axudas.

k) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Os datos da alínea e) serán facilitados polo Consello Regulador que xestiona a DOP Ribeira Sacra, mediante a certificación correspondente, na data de publicación desta resolución no DOG.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Tramitación e resolución

1. Compete á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural o estudo e a análise documental para a instrución e tramitación do procedemento.

2. Unha vez recibidas as solicitudes, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

Examinadas as solicitudes, o órgano xestor comprobará os rexistros certificados polo Consello Regulador que xestiona a DOP Ribeira Sacra na data de publicación desta resolución no DOG, para os efectos de verificar os solicitantes inscritos como persoas viticultoras, así como as parcelas e superficies en produción asociadas a cada persoa viticultora xunto co sistema de cultivo empregado en cada superficie.

3. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse nos termos previstos no artigo 11 desta resolución.

4. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección da Axencia, a concesión das axudas, de acordo coa proposta que formule a persoa titular da Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007.

6. Informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro (DOUE L, do 13.12.2024).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, que producirán os efectos da notificación.

Artigo 13. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 10.4, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas nesta resolución, non se precisa prazo de xustificación da subvención por parte da persoa beneficiaria, xa que todos os datos necesarios son achegados polo solicitante na súa solicitude de axuda, figuran nas bases de datos oficiais ou son certificados polo Consello Regulador que xestiona a DOP Ribeira Sacra.

A xustificación da subvención operará de maneira automática coa comprobación dos requisitos de admisibilidade das persoas solicitantes da axuda, e coa certificación emitida polo mencionado consello regulador. Deste xeito, despois de analizar e validar as solicitudes de axuda e a referida certificación, resolverase e pagarase a axuda.

Artigo 15. Modificación das resolucións de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Financiamento

1. Para o financiamento desta axuda está previsto un crédito de 1.535.387,00 € (un millón cincocentos trinta e cinco mil trescentos oitenta e sete euros) con cargo á aplicación orzamentaria 15.A1.712A-770.0 (código de proxecto 2025-00002) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026.

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2026, no momento da resolución.

Artigo 17. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

A persoa interesada ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento, nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003.

Artigo 18. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 19. Control

As persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que realice calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas

A percepción das subvencións previstas nesta resolución será incompatible coa de calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, poidan establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira. Protección de datos

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file