BDNS (Identif.): 878312.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/878312
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas para o emprego en unidades formativas nas empresas e con compromiso de contratación (código de procedemento TR301P).
Enténdese por unidade formativa da empresa a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2026-2029. Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para os anos 2026 e 2027.
Segundo. Finalidade
1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa, nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.
Terceiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten e as agrupacións temporais de empresas.
Entenderase por agrupación temporal de empresas para os efectos desta orde, cando distintas empresas pertencentes a un sector ou actividade acrediten a correspondente agrupación mediante un acordo ou convenio entre elas.
2. Sen prexuízo do disposto no punto 1 deste artigo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención. Neste caso será a entidade de formación beneficiaria a que se faga cargo da responsabilidade da execución da actividade formativa subvencionada e do cumprimento do compromiso de contratación, podendo asumir o dito compromiso mediante acordos ou convenios con outras empresas que efectuarán a contratación laboral.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
Cuarto. Accións formativas
1. Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia que garden relación coa actividade empresarial das empresas e entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral, así como as accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C.
2. En aplicación do disposto no punto 1 deste artigo, poderán solicitarse especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, así como ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C.
3. Se así se dispón na correspondente convocatoria poderán autorizarse itinerarios formativos en que unha única acción formativa inclúa máis dunha especialidade formativa.
Quinto. Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada, na data da súa incorporación á acción formativa.
Non será precisa a inscrición como demandante de emprego cando unha norma específica así o determine e, en particular, no suposto de persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Sexto. Compromiso de contratación da primeira convocatoria
Cada acción formativa incluirá un compromiso de contratación do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado, en contratos cunha duración mínima de 6 meses, ou do 40 % se a contratación é por un período igual ou superior aos 12 meses.
Non se poderán combinar ambos tipos de contratos nunha mesma acción formativa.
Sétimo. Financiamento da primeira convocatoria
Destínase a esta primeira convocatoria, correspondente ás anualidades 2026-2027, un crédito por importe total de oito millóns cincocentos mil euros (8.500.000 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que a substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00545. Estas aplicacións están financiadas con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
|
Aplicación orzamentaria |
Entidades que financia |
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
Importe total |
|
14.03.323A.471.0 |
Empresas |
6.000.000 € |
400.000 € |
6.400.000 € |
|
14.03.323A.481.0 |
Entidades sen ánimo de lucro |
2.000.000 € |
100.000 € |
2.100.000 € |
|
Total |
8.000.000 € |
500.000 € |
8.500.000 € |
|
Oitavo. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.
Noveno. Prazo de presentación das solicitudes da primeira convocatoria
O prazo de presentación de solicitudes, que se contará desde o día da entrada en vigor da orde, estará aberto ata o día 1 de decembro de 2026.
Décimo. Prazo de execución das accións formativas da primeira convocatoria
As accións formativas non poderán comezar ata transcorrido un mínimo de cinco días hábiles desde a aceptación da resolución de concesión.
A data límite para o remate das accións formativas será o 31 de marzo de 2027.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
